No día do seu primeiro cabodano, a RAG rendeulle homenaxe nun acto no que interviron Víctor Freixanes, Ramón Villares, Antonio López e Xosé M. Núñez Seixas, ademais de tres dos seus discípulos: Emilio Grandío, Ana Romero Masiá e José Ramón Rodríguez Lago
O 17 de marzo do 2021, hai hoxe un ano, finou na Coruña o historiador e académico Xosé Ramón Barreiro Fernández, mestre de tantos e tantas investigadoras e referencia para o estudo da historia de Galicia no último medio século. Este xoves, no día do seu primeiro cabodano, a Real Academia Galega rendeulle homenaxe nun acto no que interviron Víctor Freixanes, Ramón Villares, o reitor da USC Antonio López e Xosé M. Núñez Seixas, ademais de tres dos seus discípulos: Emilio Grandío, Ana Romero Masiá e José Ramón Rodríguez Lago.
O acto, que contou coa música sa violonchelista Margarida Mariño, tivo lugar na sede da Academia e foi retransmitido en directo a través da súa web. Foi organizado pola Sección de Historia da RAG, arestora dirixida por Ramón Villares. Na homenaxe destacouse especialmente a súa faceta como historiador, pero tamén o seu papel como académico, sobre todo a súa xeira como presidente da RAG entre 2001 e 2009, anos nos que impulsou "unha nova etapa de renovación" da institución.
Na homenaxe destacouse especialmente a súa faceta como historiador, pero tamén o seu papel como académico, sobre todo a súa xeira como presidente da RAG entre 2001 e 2009, anos nos que impulsou "unha nova etapa de renovación" da institución
“Este é un acto de memoria e de agradecemento a quen dedicou tempo, esforzo e moito talento para poñer ao día a institución histórica da cultura galega”, sinalou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. “Da man de Xosé Ramón Barreiro afrontouse un profundo proceso de modernización, actualización de recursos e programas de traballo que abriron novos horizontes para os que viñemos detrás, horizontes que debemos ampliar", destacou.
Freixanes engadiu que "como xestor, a RAG beneficiouse da súa dedicación e das súas capacidades. Como intelectual e como historiador, a súa obra marca un fito de extraordinaria relevancia na construción da identidade da nación, unha visión nova e moderna da Galicia histórica e da Galicia do presente”
Aínda que Barreiro residiu na Coruña dende os anos 80 do pasado século, nas décadas anteriores estivo moi vencellado a Compostela. Nesta cidade ordenárase sacerdote antes de partir a Roma para se doutorar en Dereito Canónico (1965) pola Universidade Gregoriana, nos tempos do Concilio Vaticano II. Coma moitos outros relixiosos renovadores, Xosé Ramón Barreiro optou nos anos 70 pola secularización, unha decisión que coincidiu cunha nova etapa formativa na Universidade de Santiago de Compostela, onde cursou a carreira de Filosofía e Letras, na sección de Historia.
"Como intelectual e como historiador, a súa obra marca un fito de extraordinaria relevancia na construción da identidade da nación, unha visión nova e moderna da Galicia histórica e da Galicia do presente” afirmou Freixanes
A súa tese de doutoramento como historiador dedicouna ao campesiñado galego e defendeuna no ano 1979. Para entón xa tiña publicadas dúas obras “tan pioneiras como clásicas”, El carlismo gallego (1975) e El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo (1977). Ambas as dúas sinalan xa unha das grandes liñas de investigación nas que profundaría a partir dos anos 80: a historia da vida política de Galicia e a historia institucional e cultural.
Ramón Villares, compañeiro del durante catro décadas no Departamento de Historia Contemporánea da USC, destaca que foi “unha persoa esencial para a creación dos estudos da historia contemporánea de Galicia na universidade galega”.
"Foi un dos grandes creadores disto que damos en chamar Galicia a través do pasado, desa identidade propia xerada tras a transición democrática. Ver a Barreiro era escoitar a Galicia”, sinalou Grandío
A homenaxe completouse cunha mesa -moderada polo académico Pegerto Saavedra- na que tres dos seus discípulos, Emilio Grandío, Ana Romero Masiá e José Ramón Rodríguez Lago, afondaron nalgunhas das súas liñas de investigación e compartiron lembranzas persoais.
Emilio Grandío destacou que Barreiro “tratou practicamente todos os planos do que significa a historia contemporánea de Galicia, e fíxoo sempre formulando preguntas para tratar de responder que é o pobo galego e dotalo de vida propia. Dende o meu punto de vista, foi un dos grandes creadores disto que damos en chamar Galicia a través do pasado, desa identidade propia xerada tras a transición democrática. Ver a Barreiro era escoitar a Galicia”
“Non só era o que dicía, era como o dicía, con esa figura impoñente e gran voz que tiña, un trono de Galicia que se che metía dentro. Era capaz non só de falar ante calquera auditorio, senón de convencer calquera auditorio"
Amizades, compañeiros e discípulos destacaron tamén o carisma do que gozaba Xosé Ramón Barreiro e a súa gran capacidade oratoria, memoria enciclopédica e erudición. “Foi un historiador vocacional, cunha obra publicada de enorme erudición e calidade, que accedeu a numerosas fontes históricas, en boa medida grazas á súa bibliofilia”, resume Ramón Villares.
“Non só era o que dicía, era como o dicía, con esa figura impoñente e gran voz que tiña, un trono de Galicia que se che metía dentro. Era capaz non só de falar ante calquera auditorio, senón de convencer calquera auditorio, sabía ler moi ben ante quen estaba”, evocou Emilio Grandío.