A 'script' Encarna Alonso, Premio de Honra nos Mestre Mateo: un recoñecemento a 40 anos de traballo no audiovisual galego

Encarna Alonso, Premio de Honra Fernando Rey © Academia Galega do Audiovisual

Encarna Alonso leva máis de catro décadas traballando como script en numerosos proxectos do audiovisual galego, dende o Sempre Xonxa de Chano Piñeiro ata as series Mareas vivas ou Pratos combinados

O/a script (ou anotador/a) é a persoa encargada de anotar os detalles de cada escena durante unha rodaxe, un traballo imprescindible para asegurar a continuidade e a coherencia dun proxecto audiovisual en todos os seus aspectos visuais e argumentais. Trátase dunha máis de todas as tarefas fundamentais para que unha película, serie ou curtametraxe sexa unha realidade e, como sucede con outros postos dos equipos destas producións moitas veces o seu desempeño pasa desaparcibido para o público e as persoas que se ocupan desta tarefa fican así invisibilizadas, sen grandes recoñecementos.

Encarna Alonso leva máis de catro décadas traballando como script en numerosos proxectos do audiovisual galego, dende o Sempre Xonxa de Chano Piñeiro ata as series Mareas vivas ou Pratos combinados. O vindeiro 15 de marzo recibirá o Premio de Honra Fernando Rey co que a Academia Galega do Audiovisual recoñece a traxectoria de profesionais cunha especial relevancia para o sector audiovisual. Será un premio a corenta anos de traballo para Encarna Alonso, pero será tamén un recoñecemento a todos e todas as profesionais deste labor colectivo que sempre é o audiovisual.

Anuncio do premio para Encarna Alonso, este martes da Cidade da Cultura. De esquerda a dereita: o conselleiro de Cultura José López Campos, o presidente da Academia Galega do Audiovisual Álvaro Pérez Becerra, a vogal da Academia Galega do Audiovisual Alba Gallego, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil. © Academia Galega do Audiovisual

O/a script (ou anotador/a) é a persoa encargada de anotar os detalles de cada escena durante unha rodaxe, un traballo imprescindible para asegurar a continuidade e a coherencia dun proxecto audiovisual en todos os seus aspectos visuais e argumentais

Encarna Alonso naceu en 1955 en La Ercina (León) pero desde os anos setenta vive na Coruña. Estudou maxisterio pola súa vocación de dar clase pero traballa no audiovisual desde 1987. Aínda que entrou na industria por casualidade, "o seu nome pronto se converteu nun imprescindible no oficio de script", destaca a Academia Galega do Audiovisual. En total, acumula máis de sesenta traballos como script, máis de vinte longametraxes, numerosas curtametraxes e preto de cincocentos episodios de televisión. Ela destaca do seu posto "a atención, a precisión do detalle, a posibilidade de crear e a estreita relación que establecía cos directores". 

En televisión o seu primeiro traballo foi na serie Lendas, dirixida por Carlos Amil para Voz TV e emitida pola TVG. Traballou tamén en series como Mareas vivas, Nada es para siempre e Pratos combinados. No cine debutou con Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, e traballou tamén en longametraxes dirixidas por Carlos Amil, Xavier Villaverde, Patricia Ferreira, Alfonso Zarauza, Jorge Coira, Daniel Calparsoro, Ramón Costafreda, Ángel de la Cruz, Gerardo Herrero e Héctor Carré, entre outros moitos directores. 

O Premio de Honra Fernando Rey será un premio a corenta anos de traballo para Encarna Alonso, pero será tamén un recoñecemento a todos e todas as profesionais deste labor colectivo (e ás veces silandeiro) que sempre é o audiovisual

Alonso tamén dedicou tempo á docencia. Impartiu varios cursos e charlas sobre o oficio de script e foi responsable de organización en diferentes cursos sobre audiovisual e educación agrupados nos Congresos Internacionais de Pedagoxía da Imaxe Pé de Imaxe, organizados por Nova Escola Galega, Escola de Imaxe e Son da Coruña, Uned. Curso Lectura de la Imagen (Madrid) e Gabinete de Reforma Educativa da Xunta de Galicia. Ademais, publicou o libro O oficio de script dentro da Colección Cadernos, da Escola de Imaxe e Son da Coruña.

Alba Gallego, vogal da Academia Galega do Audiovisual e tamén script, destacou que o Premio de Honra vai dirixido a Encarna Alonso "por formar parte dunha xeración de técnicas pioneira que foron determinantes para que o nacemento do audiovisual galego moderno se desenvolvese sobre os piares da profesionalidade e a excelencia. Por ser un referente e abrir camiño á incorporación da muller a unha industria en constante evolución cara a igualdade". Ademais, recoñece "a xenerosidade coa que compartiu a súa profesionalidade a través da docencia e o seu compromiso coa divulgación do oficio de script deixando unha pegada imborrable nas seguintes xeracións e contribuíndo á profesionalización do audiovisual galego". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.