264 películas proxectaranse entre o 7 e 28 de novembro en Santiago na 31 edición do festival Cineuropa, un certame que este ano xirará sobre a idea das revolucións, unha temática que, entre outros fitos ao longo de toda a súa programación, reflectirase especialmente na figura de Costa-Gavras como un dos premiados, nun ciclo baixo o título Novecento: o século das revolucións e noutro ciclo sobre dereitos humanos.
Costa-Gavras, un ciclo sobre as revolucións e outro sobre os dereitos humanos marcarán a 31 edición do festival, que entre o 7 e o 28 de novembro proxectará en Santiago 264 películas
“O obxectivo é achegarse ao proceso revolucionario dende perspectivas diversas ao tempo que reivindicar a dimensión colectiva no cinema, a súa práctica en sociedade, como pracer e como feito subversivo nun momento no que as fórmulas e tendencias de ocio incitan, cada vez máis, ao seu consumo individualizado e acrítico”, salientan desde a organización sobre o ciclo Novecento: o século das revolucións. Nel poderase ver unha ampla escolma de filmes “capitais para a unha reflexión crítica do devir internacional do século XX”, salienta o festival, como O Acorazado Potemkin (1925), de Sergei M. Eisenstein; La Chinoise (1967), de Jean Luc Godard; La Batalla de Chile (1975-79) de Patricio Guzmán; ou Le fond de l’air est rouge (1977), de Chris Marker.
Ese enfoque social e político é o que ten tamén a obra do greco-francés Costa-Gavras, definido por Losa este luns, na presentación do festival, como un “cineasta político no máis amplo sentido”, autor de películas como Missing, ambientada no golpe de Estado de Pinochet, Amen ou Estado de sitio. Xunto con el, o festival tamén recoñecerá este ano a figuras como Manuel Martín Cuenca, Leonardo Sbaraglia ou Carla Simón.
Xunto a Costa-Gavras, o festival tamén recoñecerá este ano a figuras como Manuel Martín Cuenca, Leonardo Sbaraglia ou Carla Simón
Canto á sección oficial do festival, a deste ano estará conformada por 37 películas e iniciarase coa proxección de La Villa, do realizador francés, Robert Guédiguian. No Panorama Internacional, destaca nesta edición a estrea estatal de Napalm (2017), o último traballo do xornalista e realizador Claude Lanzmann, no que reconstrúe a súa traxectoria como activista en Corea do Norte durante a Guerra Fría, e o filme Lucky (2017), de John Carroll Lynch, o último traballo interpretativo do finado actor Harry Dean Stanton.
Outras das seccións xa coñecidas polo público de Cineuropa son as de LatidoAmericano, Fantastique Compostela, Docs Cineuropa, Panorama Audiovisual Galego, Cinefilias: Cult Movies, e o tradicional Maratón. Pero tamén haberá outras novidades, como a convocatoria para seleccionar a un Xurado Novo que comporán sete mozas e mozos de entre 18 e 25 anos e que entregarán Premios á Mellor Película, Mellor Director, Mellor Guión, Mellor Interpretación Feminina e Mellor Interpretación Masculina. A edición deste ano tamén será a primeira na que a Deputación da Coruña colaborará de xeito directo co festival.