A xente de San Sadurniño e as súas historias volven ser as protagonistas do Chanfaina Lab

32 creadores e creadoras participarán na V edición do Chanfaina Lab © Concello de San Sadurniño

Este venres comeza a quinta edición do encontro audiovisual Chanfaina Lab. O proxecto naceu en 2014 como foro creativo onde se producen pezas de todo tipo -ficción, documental, experimental, etc.- aínda que sempre baixo o común denominador de estar filmadas en San Sadurniño. Dende a primeira edición participaron algúns dos máis importantes creadores e creadoras do audiovisual galego, de xeito de que a fin de semana de traballo se converte tamén nun punto de encontro, coñecemento e debate entre os integrantes dunha xeración emerxente. Nos últimos anos, ademais, incrementouse a participación de realizadores e realizadoras locais.

Participarán 32 creadores e creadoras, que entre o venres e o domingo terán que idear e gravar un filme cunha duración de menos de cinco minutos, con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual

Na cita 2018-2019 participarán 32 creadores e creadoras, que entre o venres e o domingo terán que idear e gravar un filme cunha duración de menos de cinco minutos, con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual. Ademais da parte creativa, o Chanfaina Lab volve ofertar obradoiros abertos ao público e proxeccións tanto o venres como o sábado, cando se poderá ver de balde na Casa da Cultura o filme Dhogs, de Andrés Goteira, comentado polo propio director. Goteira será un deses 32 participantes na quinta edición do Chanfaina.

Entre os restantes nomes confirmados atopamos autores e autoras consagradas e con experiencia e tamén autores e autoras noveis, que se están iniciando neste campo. Así, estarán en San Sadurniño Margarita Ledo, Aser Álvarez, Abel Vega, as youtubeiras de Teño unha horta en San Sadurniño Carmen Bouza, Carmen Couce, Cruz Piñón, Consuelo Picos e Lucía Pita, Adrián Canoura, Ángela Arnosa, Javier Seoane, Kevin Lorenzo, Bieito Beceiro, Catalina Rodríguez, Cibrán Tenreiro, Helena Girón, Fran Bermúdez, Iago Lourido, Irene Beceiro, Lucía Estevez, Mar Catarina, o triunvirato The Sun Girls -Mónica Cibreiro, Graciela Galdo e Olga López-, Natalia Fernández, Pablo Martínez, Rubén Domínguez, Samuel M. Delgado, Sebastián Rodríguez, Simone Saibene e, planeando sobre todos eles, o fotógrafo Gabriel Tizón, que realizará unha reportaxe gráfica sobre todo o que alí suceda.

"Galicia pedía algo así, unha experiencia directa, viva da creación cinematográfica"

A profesor Manolo González, un dos ideólogos do Chanfaina, daralles a benvida a todos os e as participantes o venres ás 18 horas na Aula CeMIT no Concello. González explicará como se vai desenvolver o encontro, ademais de facer de guía nunha rápida visita polo centro urbano de San Sadurniño e o paseo do Xubia. Está previsto plantar unha árbore na zona da Cortiña e facer alí a foto oficial, nun lugar que formaba parte da extensa Fraga da Marquesa. O cartel oficial deste ano inspírase no cadro O patriarca da fraga, pintado polo artista ferrolán José Leyra Domínguez en 1949. O óleo reflicte o gran carballo que existía nos dominios do pazo. "Galicia pedía algo así, unha experiencia directa, viva da creación cinematográfica. Agora xa non se necesita unha gran parafernalia, simplemente as ganas e botarse ao monte", destacaba hai un tempo o propio Manolo González.

Este venres a Casa da Cultura de San Sadurniño acollerá a partir das 20.30 horas a Eira de Cineastas, unha proxección aberta ao público e gratuíta dunha escolma de pezas de todos os creadores e creadoras quen, antes de nada, se presentarán ao auditorio e resumirán tanto a súa traxectoria audiovisual como as ideas que teñen en mente para os seguintes dous días de gravación. A Eira será aberta polo pase dunha peza realizada pola rapazada e as profesoras da EIM A Rolada, que tamén fixeron a súa propia chanfaina audiovisual a comezos do verán con motivo do fin de curso.

"A Chanfaina Lab empoderou a xente do rural. Viron que as súas historias son tan importante coma as que saen nos filmes de Hollywood"

Durante toda a fin de semana os e as realizadoras contarán co apoio da veciñanza da vila e sobre todo das asociacións veciñais de Santa Mariña do Monte, de Igrexafeita, de Lamas, de Bardaos e de Ferreira. Ademais, contan co valioso arquivo fotográfico e audiovisual recollido nos últimos anos en Fálame de San Sadurniño. "Unha das cousas que conseguiu o Chanfaina Lab foi empoderar a xente do rural", destacaba en conversa con Praza Sabela Íñiguez, concelleira de Cultura e coordinadora da iniciativa. "Cando ven que se achega xente de toda Galicia a gravalos, cando ven que son protagonistas desas pezas, isto resulta un traballo de empoderamento moi importante, e por iso cada ano se van implicando máis", dicía, concluíndo que "viron que as súas historias son tan importante coma as que saen nos filmes de Hollywood".  

As curtas estrearanse no me de febreiro en San Sadurniño

As curtas que se graven esta fin de semana poderán verse na segunda parte do Chanfaina Lab, no mes de febreiro, cando se estreen todas elas na Casa da Cultura. A partir de aí empezará o seu percorrido semanal a través da canle en youtube do encontro.

Cartaz da edición 2018 do Chanfainalab © ChanfainaLab
Manolo González, impulsor do Chanfaina Lab © Chanfaina Lab

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.