O Goberno galego alegou que pediran o premio demasiado tarde pero o Tribunal Superior négao e obriga a darlles a metade do valor que teña a peza, unha estatua menhir da idade do bronce gravada como un guerreiro
En abril de 2011 un home que realizaba tarefas agrícolas na leira dun irmán en Castrelo do Val, nun lugar denominado Pedra Alta, atopou unha gran rocha gravada de 800 quilos que resultou ser unha estela ou estatua-menhir dun guerreiro da idade do bronce, entre o II e o I milenio antes de Cristo. Unha peza “única” que a Xunta decidiu conservar no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e que estivo exposta, por exemplo, na gran mostra Gallaecia Petrea coa que se abriu en 2012 o Museo de Galicia da Cidade da Cultura.
A lei establece que o descubridor e o dono do terreo no que se atope unha peza así teñen dereito á metade do seu valor, que debe establecer unha comisión de expertos. Así o pediron os irmáns, pero en 2021 a Xunta denegoulles o dereito ao premio por dúas veces alegando que o reclamaran demasiado tarde. Algo que nega agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que recoñece o dereito dos descubridores a recibir o seu premio e obriga á Xunta a valorar a peza arqueolóxica para establecer o importe que lles corresponde.
A zona de Castrelo do Val próxima a un antigo camiño e vao natural do río Támega na que se atopou a peza coñécese como Pedra Alta. O topónimo revelaría para os investigadores que a pedra “estivo fincada e ergueita” nese lugar moito tempo, pero a concentración parcelaria realizada nos anos 70 do século pasado alterou a zona e xa ninguén lembraba que houbese unha pedra gravada nos valados que delimitaban as leiras previas. Así que non foi ata abril de 2011 que volveu ver a luz do sol, cando a pedra foi atopada polo propietario do terreo e o seu irmán, que ao ver os gravados informaron a un afeccionado e divulgador da arqueoloxía local que á súa vez comunicouno a arqueólogos que traballaban na zona.
O servizo de Patrimonio da Xunta decidiu depositar a peza no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, non sen polémica polo desexo do Concello de Castrelo do Val de que permanecese no municipio. A súa relevancia é tal que só un ano máis tarde foi incluída na exposición temporal Gallaecia Petrea coa que se inaugurou o Museo de Galicia da Cidade da Cultura.
Segundo os expertos, é "unha peza única en Galicia dende o punto de vista tipolóxico e formal", o que a levou a ser incluída na gran exposición Gallaecia Petrea que inaugurou o Museo da Cidade da Cultura
Segundo os expertos do museo ourensán é “unha peza única en Galicia dende o punto de vista tipolóxico e formal” xa que “por primeira vez documéntase un gravado prehistórico datado na Idade do Bronce cun escudo de escotadura en V e un carro tirado de animais”. Son algunhas das figuras que se aprecian, xunto cunha espada e unha posible lanza, nunha pedra de 175 centímetros de altura por uns 70 de anchura e 30 de grosor da que se dubida “se orixinalmente foi unha estela e logo se transformou en estatua-menhir”, polo xeito en que puideran estar labradas as “extremidades” do guerreiro representado.
Deste tipo de pezas hai catalogadas en toda Europa algo máis dun cento, e na Península Ibérica concéntranse principalmente no suroeste, con exemplares illados no norte de Portugal ou Castela, sendo a de Castrelo do Val única en Galicia.
Segundo a sentenza que vén de emitir o TSXG, os irmáns que atoparon a pedra non solicitaron o premio ao que teñen dereito ata o 23 de decembro de 2020. Fixérono despois de que en 2015 mudase a lei que establecía para ese tipo de reclamacións un prazo de ata 15 anos desde o descubrimento, que quedou reducido a 5 anos. Malia que o descubrimento da pedra está datado en abril de 2011, tras a reforma legal o novo prazo de cinco anos para a prescrición do dereito a premio comezou a contar a partir da entrada en vigor da nova lei, o 7 de outubro de 2015. Isto é, o prazo remataría inicialmente, di o tribunal, o 7 de outubro de 2020. E a esa data aferrouse a Xunta para denegar a petición de premio tanto nunha resolución inicial da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural como, tras un recurso administrativo dos afectados, nunha nova decisión superior da Consellería de Cultura.
O TSXG lembra que a pandemia da COVID detivo os prazos administrativos e conclúe que os descubridores da pedra reclamaron o seu premio a tempo
Pero a data límite do 7 de outubro de 2020 non era a correcta. Polo medio apareceu a pandemia da COVID-19 e o estado de alarma suspendeu todos os prazos administrativos. Para este caso, di o TSXG, o prazo de prescrición da reclamación do premio resultou ampliado “en 82 días, de forma que non concluía ata o 28 de decembro de 2020 polo que, presentada a reclamación o día 23 dese mes temos que concluír que se formulou en prazo”.
Así que o tribunal anula as resolucións da Xunta que rexeitaron outorgar o premio e ordena “a valoración da estela polo Consello Superior [de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia] ou órgano que o substitúa aos efectos de recoñecerlles aos recorrentes o premio consistente na metade do seu valor”. A sentenza tamén condena á Xunta a pagar as costas xudiciais.