A Cidade da Cultura definirá un chisco o seu futuro este venres. Ou non. O conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez presentará este venres o plan estratéxico para o complexo do Gaiás, aínda que o propio Alberto Núñez Feijoo avanzou este xoves as súas liñas básicas. E a conclusión que se pode tirar é que a Xunta continúa adiando as grandes decisión sobre a Cidade da Cultura: mantense a suspensión das obras dos dous edificios pendentes: o Centro de Arte Internacional e o Centro de Música, e o propio Feijoo recoñeceu que "non hai un horizonte para iniciar as obras".
Feijoo sinalou que recorte de gastos converterá o Gaiás nunha "infraestrutura menos custosa que outras infraestruturas culturais da Comunidade", aínda que non especificou a cales se refería
O presidente da Xunta tamén salientou que o novo plan estratéxico do Gaiás, que definirá o seu funcionamento entre 2012 e 2018, procurará a redución de custes e o aproveitamento das infraestruturas xa concluídas: Museo, Biblioteca, Arquivo e o Edificio de Servizos Centrais, que entrará en funcionamento oficialmente este verán. Tamén sinalou que este recorte de gastos converterá o Gaiás nunha "infraestrutura menos custosa que outras infraestruturas culturais da Comunidade", aínda que non especificou a cales se refería.
Feijoo tamén anunciou que dous dos edificios estarán "a disposición do tecido socioeconómico" de Galicia e os outros dous traballarán "pola difusión da cultura de base galega", procurando "dinamizar" o tecido produtivo das industrias culturais galegas "a través da eficiencia, a austeridade e a sustenibilidade". O plan chega con máis dun ano de atraso, pois estaba previsto para comezos do ano pasado. Primeiro foi adiado para o outono, e a marcha de Roberto Varela significou un novo adiamento.
A Plataforma das Artes Escénicas chama "aos profesionais das artes escénicas, aos traballadores da cultura e cidadanía en xeral" a concentrarse diante do Hórreo para esixir "un plan estatéxico para a cultura galega"
O plan tamén será presentado o vindeiro martes no Parlamento, a cargo do propio conselleiro Jesús Vázquez. Por este motivo, a Plataforma das Artes Escénicas chama "aos profesionais das artes escénicas, aos traballadores da cultura e cidadanía en xeral" a concentrarse ese día diante do Hórreo para esixir "un plan estatéxico para a cultura galega", nunha protesta "en defensa do noso traballo e da cultura como dereito inalienábel da cidadanía".
Salvador del Río, presidente de Escena Galega e un dos voceiros da Plataforma, asistirá este venres á presentación do Gaiás para coñecer o novo proxecto, pero afirma que "sexa cal sexa o plan para a Cidade da Cultura, é imprescindible que a cultura galega conte cun plan estratéxico, e por iso ímonos concentrar o martes"