A Xunta reacciona á denuncia do Outono Fotográfico sobre a "hostilidade" da Casa da Xuventude co festival

Exposición do Outono Fotográfico na Casa da Xuventude, en 2012 © Outono Fotográfico

A xestión da antiga Casa da Xuventude de Ourense, hoxe Espazo Xove, esperta periódicas críticas no tecido cultural e asociativo da cidade. Desta volta proveñen dos organizadores do Outono Fotográfico, o máis importante festival fotográfico de Galicia e un dos máis lonxevos da Península, creado en 1983 e xa con máis de trinta edicións ás costas. Denunciaron publicamente que os responsables da Casa da Xuventude "ninguneaban" unha das exposicións da programación, Soledades, de Santi Ayuso, inaugurada o pasado 3 de novembro. Chegaban a afirmar que "a Casa da Xuventude recibiu ordes da Xefatura Territorial de Ourense da Xunta de Galicia de ter apagadas as luces da sala"

ChegaBAn a afirmar que "a Casa da Xuventude recibiu ordes da Xefatura Territorial de Ourense da Xunta de Galicia de ter apagadas as luces da sala"

En resposta ao que cualificaban como "hostilidade" dos representantes do Goberno galego, a organización do Outono Fotográfico convocara para a tarde deste mércores un acto público para retirar a exposición de Ayuso deste espazo. Finalmente, "logo do envío da nota de prensa aos medios, a propia Xefatura Territorial da Xunta de Galicia en Ourense, titular da Casa da Xuventude, recuou na súa decisión de manter a sala de exposicións sen luz e así llo fixo chegar á Asociación Proxecto Benito Losada, organizadora do festival Outono Fotográfico", segundo destaca esta entidade nunha nova comunicación aos medios. A equipa de organización do festival decidiu, en consecuencia, manter a exposición até o día previsto na programación "logo de se ter solventado as hostilidades".

O Outono Fotográfico desenvólvese entre novembro e decembro en 92 espazos expositivos de 32 localidades de Galicia e do norte de Portugal

O Outono Fotográfico desenvólvese entre novembro e decembro en 92 espazos expositivos de 32 localidades de Galicia e do norte de Portugal, de Chaves a Braga pasando pola Coruña, Lugo, Oleiros, Ferrol, Chantada ou Allaríz, ademais da propia cidade de Ourense. En total son 121 exposicións (28 da Sección Oficial), nas que participan 443 autoras e autores (entre individuais e colectivas). Os seus organizadores destacaban na súa denuncia que a Casa da Xuventude é o único espazo expositivo que depende da Xunta, e é o único no que se atoparon con problemas.

Lembraban que o Goberno galego decidiu retirar o patrocinio ao evento, que durante décadas mantivera, e só respectou o apoio ao Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, evento que copatrocina a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e que foi creado a iniciativa da Asociación Proxecto Benito Losada e o Outono Fotográfico como evento absolutamente autónomo e independente do Festival.

Outono Fotográfico acusaba o Goberno galego de "ningunear" o proceso de traballo e custe económico que conleva para o autor producir o seu traballo e expoñelo na cidade, de "cercenar" unha acción cultural que xera visitantes e movemento económico en Ourense e de "proxectar unha imaxe de cutreza casposa que non merecemos os habitantes desta cidade nin os axentes sociais, económicos e políticos que intentan situar a Ourense no lugar cultural que lle corresponde". Denunciaban, ademais, que os responsables de Xefatura Territorial da Xunta "descoñecen" o que é unha exposición e a dimensión do Festival "como única acción cultural de proxección galaico/portuguesa que se xera dende Ourense".

Outono Fotográfico acusaba o Goberno galego de "proxectar unha imaxe de cutreza casposa que non merecemos os habitantes desta cidade nin os axentes sociais, económicos e políticos que intentan situar a Ourense no lugar cultural que lle corresponde"

"Se de aforros se trata, diminúan aínda que só sexa 0,2 grados de temperatura a calefacción dos edificios administrativos, por exemplo, ou que os xefes da administración camiñen non usen os coches oficias na cidade e camiñen ou usen o transporte público como facemos os demais veciños", engadían. "Iso daría para respectar os dereitos das persoas que como Santi Ayuso nos vistan coa súa obra e a súa intelixencia creadora", concluían.

 

O legado de Benito Losada

O Outono Fotográfico está organizado pola Asociación Benito Losada, que busca manter vivo o espírito e a forza creadora que caracterizou a actividade do antigo director da Casa da Xuventude, finado en 2011, que dende ese espazo impulsou en 1983 a creación deste festival fotográfico. Un dos responsables da asociación e, dende hai anos, do propio Outono Fotográfico, Xosé Lois Vázquez, destacaba hai unhas semanas en entrevista con Praza que trala morte de Losada “a familia de Benito e persoas próximas a el, coma eu mesmo ou Xavier Paz, adquirimos o compromiso de que, unha vez fóra da Casa da Xuventude, había que salvar, sobre todo, dúas cousas: o Outono Fotográfico e a Semana de BD".

Engadía que co traballo da asociación "aspiramos a que o labor de Benito Losada non se perda, a que se manteña a súa memoria e a esa riqueza cultural" e sinalaba que "até agora manter esta actividade era xa un deber cidadán porque situaba a Ourense no mapa galego da cultura, pero agora con moita máis razón: porque todo ese sistema está sendo desmontando".

Unha das imaxes de 'Soledades' © Santi Ayuso
Exposición do Outono Fotográfico na Casa da Xuventude, en 2012 © Outono Fotográfico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.