A Xunta subliña, sobre Pena Grande, que as poxas de elementos patrimoniais non son "ilegais"

Vista do acubillo de Pena Grande Dominio Público A.C. Cultura do País

A deputada do BNG, Olalla Rodil, denunciou este xoves no Parlamento a "inacción" do Goberno galego "para parar a venda e deixar que o patrimonio cultural galego remate en mans privadas" en relación á poxa do xacemento de Pena Grande de Vilalba, paralizada finalmente polo Ministerio de Facenda grazas á mobilización social. Rodil preguntou "como é posible que o patrimonio cultural galego acabe sendo subastado polo ministerio de Facenda sen que a Xunta faga ou diga nada”.

"Cal é a mensaxe que se nos transmite? Que se pode vender o patrimonio deste país, porque non é ilegal? Estamos falando dun predio propiedade de Facenda. Que vai ser o seguinte que se venda? O Castro de Viladonga?", preguntou Rodil

Na súa resposta, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou que este tipo de poxas son habituais e que "en ningún caso sería ilegal", subliñando que "a protección está garantida, sexa propiedade pública, sexa propiedade privada, como pasa cos demais vestixios catalogados de Galicia". Lorenzo, que confirmou a paralización da terceira subasta do xacemento prevista para este venres, criticou a posición de Rodil, á que pediu "responsabilidade" e acusou de "buscar titulares".

A parlamentaria do BNG denunciou: "Cal é a mensaxe que se nos transmite? Que se pode vender o patrimonio deste país, porque non é ilegal?". "Estamos falando dun predio propiedade de Facenda", lembrou e ironizou "Que vai ser o seguinte que se venda? O Castro de Viladonga?". Rodil explicou que "Pena Grande é o xacemento arredor do que se deseñou, en boa parte, o Museo de Prehistoria de Vilalba, dirixido pola persoa que escavou este xacemento. Nel atopouse a principal xoia do Museo, un colgante datado de hai máis de 10 mil anos que está considerado a peza máis antiga recuperada no país". “É indignante que recoñezan que o sabían porque foron informados dende Mariña Patrimonio e non fixeran nada máis que incluír  na descrición do lote a existencia  de dous xacementos arqueolóxicos”, concluíu.

Intervención de Olaia Rodil na Comisión de Cultura, este xoves © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.