Abel Ferrara, protagonista da xornada en Curtocircuíto

Abel Ferrara, en rolda de prensa © Concello de Santiago

O cineasta norteamericano Abel Ferrara é un dos grandes protagonistas da presente edición de Curtocircuíto, sobre todo na xornada deste sábado, que incluirá un programa especial de proxeccións escollidas por el, unha selección da súa filmografía de curtas, ademais de manter un encontro co público no Teatro Principal.

Este venres pasou polo Pazo de Raxoi, onde foi presentado en rolda de prensa polo alcalde, Martiño Noriega. No acto tamén participaron a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o director do festival, Pela del Álamo.

Signed by Abel Ferrara é o título dun programa especial de Curtocircuíto, que comezará ás 18.30 horas no Teatro Principal, no que se poderán ver algunhas das obras que o director considera fundamentais na súa formación. O público poderá ver: La ricota, de Pier Paolo Passolini (1963, Italia); Every boy is named Patrick, de Jean Luc Godard (1959, Francia); Electronic Labyrinth THX 1138 4EB, de George Lucas (1967, USA); e Standard time, de Michael Snow (1967, Canadá). Antes das proxeccións, ás 17:00 horas, Ferrara manterá un encontro co público.

Xa o domingo, tamén no Teatro Principal, a partir das 17:00 horas, o público terá a oportunidade de ver algunhas das curtas filmadas ao longo da súa carreira por Abel Ferrara. Proxectaranse: Nicky’s Film (1971, USA); The Hold Up (1972, USA); Could It Be Love (1973, USA); e Not Guilty: For Keith Richards (1977, USA).

 

Abel Ferrara, en rolda de prensa © Concello de Santiago
Abel Ferrara CC-BY-NC-SA antje verena

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.