Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro: o BOE fai oficial o novo nome

O Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro xa é oficial CC-BY-SA Praza Pública

Tres anos despois de que o Concello de Santiago o solicitase por unanimidade, a terminal pasa a reivindicar “a súa memoria, a súa contribución á literatura europea e a súa loita pola recuperación e forxa da identidade de Galicia”

“Coa denominación do aeroporto de Santiago co nome de Rosalía de Castro, reivindícase a súa memoria, a súa contribución á literatura europea e a súa loita pola recuperación e forxa da identidade de Galicia”. O Boletín Oficial del Estado (BOE) fai así oficial este xoves 2 de abril o cambio de denominación oficial do aeroporto de Santiago. 

Foi hai xa máis de tres anos cando o Concello de Santiago, por iniciativa de Compostela Aberta, pediu por unanimidade o cambio do nome do aeroporto, que apenas un par de semanas despois era aceptado verbalmente polo daquela ministro de Fomento, o popular Íñigo de la Serna. Porén, a orde ministerial que o concretou non foi asinada ata o pasado 11 de marzo, por parte do agora ministro socialista de Transportes, José Luis Ábalos, que o anunciou dous días despois e que este xoves o publica no BOE.

BOE coa denominación oficial do Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro © BOE

Na orde sinálase que o cambio de nome foi impulsado polo Concello de Santiago para “poñer de manifesto a relevancia da escritora máis representativa da lingua galega, con motivo do 180º aniversario do seu nacemento”. A partir de agora, a denominación oficial da terminal será Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro e os gastos derivados do cambio de denominación serán asumidos polo Consorcio de Santiago, conformado por varias administracións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.