Todos os grupos con representación municipal en Santiago (CA, PP, PSdeG-PSOE e BNG) apoiaron a declaración institucional impulsada por Compostela Aberta para pedir que o aeroporto da cidade pase a levar o nome de Rosalía de Castro. A decisión debe ser adoptada por AENA e polo Ministerio de Fomento, que nos últimos anos aprobaron os nomes de Adolfo Suárez e Seve Ballesteros para os aeródromos de Madrid e Santander.
A decisión debe ser adoptada por AENA e polo Ministerio de Fomento, que nos últimos anos aprobaron os nomes de Adolfo Suárez e Seve Ballesteros para os aeródromos de Madrid e Santander
A moción, que propón o nome de Aeroporto internacional Rosalía de Castro – Santiago de Compostela – Lavacolla, conta co apoio da Real Academia Galega, da Fundación Rosalía de Castro e do Consello da Cultura Galega. O obxectivo é que o cambio de denominación se producise o 24 de febreiro, Día de Rosalía, nun ano no que ademais se conmemora o 180 aniversario do seu nacemento.
Marta Lois: "Que mellor símbolo para proxectar ao mundo a imaxe de Santiago de Compostela e de Galicia?"
"Entendemos que o noso aeroporto non podería levar un mellor nome. Rosalía de Castro, símbolo eterno da nosa terra, é a figura galega con maior recoñecemento interno e externo da nosa cultura. Que mellor símbolo para proxectar ao mundo a imaxe de Santiago de Compostela e de Galicia? Que edificio público da nosa cidade máis acaído que o aeroporto de Lavacolla para honrar a súa memoria ligándose para sempre ao nome de Rosalía?”, explica a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois.
A edil salienta tamén que as terminais aeroportuarias funcionan en moitos lugares do mundo como escaparates destacados da cultura propia. "Tal é o caso da proxección da figura de James Joyce e das súas obras Ulysses e Dubliners na terminal do aeroporto de Dublín, o exemplo do museo da terminal 2 do aeroporto parisiense Charles de Gaulle de París ou a experiencia de realidade virtual sobre a cultura coreana no aeroporto de Incheon en Seúl", di.
As terminais aeroportuarias funcionan en moitos lugares do mundo como escaparates destacados da cultura propia
No Estado Español non son moitos os aeroportos que incorporaron ao seu nome o dalgunha persoa, a xeito de homenaxe. Tan só o Adolfo Suárez Madrid-Barajas, o Federico García Lorca Granada, o Seve Ballesteros-Santander e o Reina Sofia-Tenerife Sur. Porén, noutros países é moito máis habitual. E, así, atopamos moitos aeródromos nomeados como recoñecemento a líderes políticos e mandatarios: Napoleon Bonaparte (Ajaccio-Francia), Abraham Lincoln (Springfield-EEUU), Mustafa Kemal Atatürk (Estambul), David Ben-Gurion (Tel Aviv), Charles de Gaulle (París). Francisco de Sá Carneiro (Porto), Lech Wałęsa (Gdańsk-Polonia), George H. W. Bush (Houston), John F. Kennedy (Nova York), Jomo Kenyatta (Nairobi), Konrad Adenauer (Colonia), Yasser Arafat (Gaza) ou Václav Havel (Praga).
Pero tamén en lembranza a escritores (José Martí na Habana, Aimé Césaire en Martinica ou Antoine de Saint Exupéry en Lyon), músicos (Ástor Piazzolla en Mar del Plata-Arxentina, Franz Liszt en Budapest, Sergei Prokofev en Donetsk-Ucraína, Franz Josef Strauss en Munich, Antonio Carlos Jobim en Río de Xaneiro, Giuseppe Verdi en Parma, John Lennon en Liverpool, Louis Armstrong en Nova Orleans ou Wolfgang Amadeus Mozart en Salzburgo), pintores (Caravaggio en Bérgamo-Italia), cineastas (Federico Fellini en Rimini-Italia), exploradores (Americo Vespucci en Florencia ou Cristóbal Colón en Xénova), científicos (Nikola Tesla en Belgrado, Guillermo Marconi en Bolonia, Nicolás Copérnico en Wroclaw-Polonia, Leonardo da Vinci en Roma ou Galileo Galilei en Pisa), e mesmo futbolistas (Cristiano Ronaldo en Madeira ou Geoge Best en Belfast) e algún personaxe de ficción (Robin Hood en Sheffield-Reino Unido). Entre varios centos de nomes.
"Este recoñecemento da memoria de Rosalía de Castro na nosa cidade" busca "fomentar unha maior presenza simbólica das mulleres na cidade, promovendo unha maior representación da súa identidade grupal na memoria do espazo público"
O que é máis difícil atopar son aeroportos que leven o nome dalgunha muller: o Aeroporto Indira Gandhi (Delhi), o Aeroporto Raiña Beatriz (Aruba), o Aeroporto Nai Teresa de Calcuta (Tirana-Albania), o Aeroporto Cesária Évora (São Vicente-Cabo Verde), o Aeroporto Benazir Bhutto (Rawalpindi-Paquistán) e o xa citado Raíña Sofía están entre as raras excepcións. Neste senso, Marta Lois subliña que "este recoñecemento da memoria de Rosalía de Castro na nosa cidade enmárcase ademais no obxectivo de fomentar unha maior presenza simbólica das mulleres na cidade, promovendo unha maior representación da súa identidade grupal na memoria do espazo público".