Alberto Ramos presenta 'A simetría das bestas', premio Risco de Creación Literaria

Alberto Ramos © Sabela Iglesias

Este sábado, 2 de xuño ás 21 horas, na Feira do Libro de Ourense, o escritor e xornalista Alberto Ramos presenta A simetría das bestas, obra coa que vén de gañar o premio Risco de Creación Literaria. O autor estará acompañado por Belén Iglesias, concelleira de Cultura e David Cortizo, editor de Urco.

O galardón, que organiza o Concello de Ourense, recoñeceu por segunda vez o autor compostelán (Ramos xa se fixera con este premio na edición de 2012 coa súa obra Todos os días), destacando o xurado que o libro concede "un espazo de dignidade aos outros, aos diferentes, aos marxinados" e subliñando que emprega "un coidado simbolismo", con personaxes "moi ben construídos" e un "moi bo manexo dos recursos narrativos". 

O xurado estivo composto por Belén Iglesias Cortés, concelleira de Cultura de Ourense; David González Domínguez, da editorial Urco; Benigno Yáñez Pérez gañador da edición anterior; os profesores Constantino Pazos Sobrino e Antonio González Blanco, a escritora e crítica Ánxela Gracián e mais Mónica Fernández Valencia, técnica do Servizo de Normalización Lingüística, a actuar como secretaria.

Aquí pode escoitarse a entrevista que sobre a novela lle fixeron a Alberto Ramos no Diario Cultural da Radio Galega.

 

Capa do libro © Urco Editora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.