Viaxando polos continentes é o proxecto do alumnado do segundo curso do ciclo superior de Integración Social do colexio San José da Guía da man da asociación Provivienda, que os puxo en contacto cun grupo de rapaces migrantes acabados de chegar a Vigo
O alumnado do segundo curso do ciclo superior de Integración Social do colexio San José da Guía (en Teis, Vigo) tivo a oportunidade de coñecer a varios rapaces que chegaron no verán a Vigo desde países como Senegal, Malí, Venezuela ou Costa de Marfil. Do achegamento entre eles xurdiu o proxecto Viaxando polos continentes, un podcast que contou coa colaboración da a asociación Provivienda, que axuda a persoas en situación de asilo.
"É difícil explicar canto valoramos o intercambio xurdido destas xuntanzas que animan a pular por facer das nosas sociedades e comunidades verdadeiros lugares de acollida, que superen políticas e medidas actuais que enchen de violencia as vidas cotiás de moitas persoas que chegaron onda nós para se buscar un futuro", explican os promotores do proxecto.
Esta semana, o alumnado de Integración Social e representantes da asociación Provivienda en Vigo presentaron o proxecto no patio do colexio. Aínda que fóra da data, foi unha maneira de festexar o Día internacional das persoas migrantes.
Viaxando polos continentes é o resultado de catro sesións que comezaron o pasado 27 de outubro coa “festiña das flores”. "Xuntámonos e creamos relacións e vínculos coa escusa de gravar un podcast sobre cultura, músicas, costumes, linguas, comidas... Dito doutro modo, para falar sobre a vida", contan.
Na presentación participou alumnado da ESO, de FP Básica e doutros Ciclos Superiores, así como profesionais do eido social. Crearon un itinerario con catro paradas: Entre culturas, Desconecta, Maleta viaxeira e Mundo receitas. Para explicar en cada unha delas as aprendizaxes extraídas da experiencia.
No podcast hai espazo para coñecer as diferentes maneiras de celebrar o Nadal que teñen estes rapaces, que teñen vinte e poucos anos, e para compartir os gustos musicais para descubrir que tampouco son tan distintos. Tamén para compartir receitas de cociña e os pratos preferidos de cada un.
O alumnado do centro vigués aprendeu das costumes dos seus convidados no programa, que fan un esforzo por facerse entender aínda que de momento non dominan o galego nin o castelán.