Uns días antes de Nadal o proxecto GaliMinho 2 – Empreendedorismo na Eurorregião foi galardoado cun dos premios eTwinning concedidos polo Estado español, en concreto na categoría de Formación Profesional. O proxecto, desenvolvido no IES San Clemente de Santiago de Compostela, baséase no traballo conxunto realizado polo alumnado deste centro co AE Carlos Amarante de Braga durante todo un curso.
O IES San Clemente destaca que o galardón contribúe a que o centro sexa "referencia internacional en canto a proxectos eTwinning en Ensino Profesional e a ensino da lingua portuguesa"
O eTwinning é unha iniciativa da Comisión Europea que forma parte de Erasmus+ e que consiste nunha comunidade de centros de ensino de todo o continente que ofrece unha plataforma ao profesorado e ao alumnado para traballar conxuntamente con escolas doutros países.
No caso do proxecto gañador do IES San Clemente, este foi desenvolvido polo alumnado do ciclo Estrela PluriFP SMR coa coordinación de Marcos Vence e Catarina Reis. Dous módulos deste ciclo impártense integramente en portugués (é un dos dous centros nos que isto funciona en Galicia), engadindo polo tanto as vantaxes de traballar conxuntamente con outro centro á posibilidade da aprendizaxe dunha lingua de xeito natural e práctico. A primeira edición deste proxecto gañara o Premio Nacional eTwinning 2016 en Portugal na mesma categoría, coa participación da sección bilingüe Fundamentos de Hardware en portugués.
O IES San Clemente, que leva máis dunha década traballando dentro da rede eTwinning, destaca que o galardón contribúe a que o centro sexa "referencia internacional en canto a proxectos eTwinning en Ensino Profesional e a ensino da lingua portuguesa". De igual xeito, Marcos Vence subliña a importancia do premio, pois é a primeira vez que se entrega en España nunha categoría específica para a FP. Falamos con Marcos Vence sobre o proxecto premiado e sobre a experiencia do ensino en portugués no IES San Clemente.
Que é o eTwinning? Que vantaxes ten o feito de traballar de xeito conxunto cun centro doutro país?
"A través de eTwinning conseguimos levar a cabo esa actividade dun xeito máis realista, practicando os contidos curriculares nun contexto real"
O eTwinning é unha comunidade de profesores de toda Europa que leva funcionando sobre 15 anos e nós levamos traballando con eles case dende o comezo. Establecemos contactos para traballar en proxectos colaborativos, xuntando nun proxecto dúas ou máis aulas de diferentes países e facer tarefas en conxunto.
Nas clases de FP nós facemos moitas tarefas que son supostos, simulacros dunha actividade real: por exemplo, unha compañía fainos un encargo de traballo, por exemplo unha páxina web. Nós a través de eTwinning conseguimos levar a cabo esa actividade dun xeito máis realista, practicando os contidos curriculares nun contexto real. Pasamos de realizar exercicios e supostos a realizar un proxecto real xunto con outro equipo de persoas que, por exemplo, poden asumir o rol de clientes e nós o de provedores. Era moi enriquecedor, porque estabas creando algo real para un cliente real. Ademais, con eTwinning temos outra plusvalía: o equipo é internacional, temos que traballar a distancia utilizando as TIC e en lingua estranxeira.
"Tiñan que traballar en conxunto con alumnado de FP de Informática de Braga de xeito que debían escribir, falar e escoitar en portugués para desenvolver un proxecto de creación dunha empresa pensada para operar en Galicia e no norte de Portugal"
Como funciona unha clase que se desenvolve totalmente en portugués?
O que fago é impartir o meu módulo en portugués de xeito que toda a clase se desenvolve nesta lingua, pois os rapaces tamén teñen que utilizala. Neste caso tiñan que traballar en conxunto con alumnado portugués de FP de Informática de xeito que tiñan que escribir, falar e escoitar en portugués para desenvolver un proxecto de creación dunha empresa pensada para operar en Galicia e no norte de Portugal. Foi un proceso moi enriquecedor. O remate do proxecto foi unha visita que fixemos ao colexio de Braga, onde todos os grupos -que estaban formados por alumnos galegos e portugueses- fixeron unha exposición conxunta.
Como se adapta o alumnado a falar e escribir unicamente en portugués na clase? O que ao comezo lles resulta estraño e difícil acaba por ser doado e natural?
"Pouco a pouco van decatándose de que entenden ben a escrita, oralmente tamén entenden bastante ben e só teñen que facer un esforzo ao falar e ao escribir"
Ao longo do curso o alumnado vai cambiando o chip e non temos que insistir moito nesa idea. O importante é que eles cheguen a esa conclusión e non tanto porque o razoan senón porque o senten, o viven. Pouco a pouco van comprobando que a partir do galego chegan sen dificultade ao portugués. E moitos mesmo o fan dende o castelán, porque cada vez temos máis alumnos que non son de orixe galega. É un proceso moi natural, realmente non temos clase de portugués, pero pouco a pouco van decatándose de que entenden ben a escrita, oralmente tamén entenden bastante ben e só teñen que facer un esforzo ao falar e ao escribir.
Ao final do primeiro trimestre facémoslle un exame modelo do nivel B1 do CAPLE da Universidade de Lisboa. E normalmente todos aproban raspado. E iso dálles un subidón, porque ven que co esforzo que fixeron, que non foi moito, xa lles chegou para ter o nivel de B1. En maio, ao rematar o curso, fan o exame real de certificación e case sempre aproban todos o B1.
"Na práctica comproban que con moi pouco esforzo poden chegar a un nivel básico de portugués e mesmo conseguir un título que o certifica"
E como é para eles a experiencia de traballar con alumnado doutro país?
Ao comezo cústalles un pouco, porque están falando con descoñecidos, pero custaríalles o mesmo se traballasen con alumnado dun centro da Rúa ou doutra localidade galega. Uns falan máis, outros falan menos, pero non era un problema de lingua.
O proxecto demostra que os avances se conseguen coa práctica?
O proxecto é exitoso, non só esta edición concreta, senón todos os anos que o fixemos. Funciona moi ben porque é unha aprendizaxe vivencial, real. Os rapaces fan traballos reais que saben que teñen unha transcendencia. Na práctica comproban que con moi pouco esforzo poden chegar a un nivel básico de portugués e mesmo conseguir un título que o certifica. Hai que ter en conta que moito deste alumnado leva anos escornándose co inglés e non dan avanzado e en cambio nuns meses comproban que no caso do portugués si que o poden facer sen dificultade.
"Con eTwinning utilizamos a lingua estranxeira porque a precisamos neste mesmo instante. Non estamos a aprender para o futuro, senón para o presente"
Con eTwinning utilizamos a lingua estranxeira porque a precisamos neste mesmo instante. Non estamos a aprender para o futuro, senón para o presente. Todo o que o alumnado aprende desenvolvendo as tarefas do proxecto, nun contexto real, convértese en coñecementos permanentes. Tamén permite profundar na linguaxe técnica da familia profesional, que en moitos casos é difícil de adquirir. Tamén serve para discernir se os termos atopados en Internet e nos manuais son de uso cotián ou non. Traballar con outro centro de ensino profesional da mesma familia é unha grande axuda neste aspecto.
Este ano continuades con este ou con outro proxecto de eTwinning?
Dende que estamos no PluriFP vemos necesario desenvolver algún proxecto de eTwinning porque é o que nos permite traballar mellor co alumnado. Este ano estamos coa segunda edición dun proxecto que tamén facemos en conxunto con esta escola de Braga, centrado nesta ocasión na animación á lectura.