O calendario do curso 25-26 xa é oficial: comeza o luns 8 de setembro e remata o venres 19 de xuño

Aula dun colexio público, nunha imaxe de arquivo © CEIP Valle Inclán (Oleiros)

O período de adaptación en infantil será dun máximo de 5 días e o Día do Ensino, non lectivo, fíxase o venres 31 de outubro

A Consellería de Educación vén de publicar este xoves no Diario Oficial de Galicia o calendario oficial para o curso 2025/26 nos centros públicos e concertados. O ensino obrigatorio terá un mínimo de 175 días lectivos e as actividades comezarán o luns 8 de setembro e durarán ata o venres 19 de xuño, ambos incluídos, para toda a educación abranguida: infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato, FP e réxime especial.

Porén, para o segundo curso de bacharelato a impartición efectiva das clases rematará de acordo coas datas previstas para a Proba de Acceso á Universidade (PAU). E nas ensinanzas de réxime especial "poderá flexibilizarse o inicio das actividades lectivas tendo en conta as características e particularidades deste tipo de ensinanzas".

Aula dun centro de ensino galego © CIG

Estas son as principais datas do calendario escolar:

  • Vacacións escolares: No Nadal, desde o luns 22 de decembro ata o mércores 7 de xaneiro, ambos incluídos. No Entroido, do luns 16 ao mércores 18 de febreiro. En Semana Santa, do luns 30 de marzo ao luns 6 de abril, ambos incluídos.
  • Festivos: Ademais dos festivos de ámbito estatal, galego ou local, e dos ata dous días non lectivos que pode establecer cada centro educativo por "tradición, costume ou conveniencia pedagóxica", tamén será non lectivo o Día do Ensino, que no próximo curso queda fixado para o venres 31 de outubro.
  • Período de adaptación en educación infantil: O DOG establece que "a incorporación gradual do alumnado" no cuarto curso de educación infantil "non se prolongará máis alá do 12 de setembro, venres.
  • Comedores escolares: Funcionarán durante todo o período de actividades lectivas, do 8 de setembro ata o 19 de xuño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.