O CEIP Emilia Pardo Bazán tentou buscar outras vías ao verse "sen recursos". Ante unha situación "descontrolada" decidiron expulsar temporalmente o alumno, de 5 ou 6 anos. As familias explican que "non sabe controlar a rabia" e ten "reaccións agresivas" que requiren "atención continua para manter a súa propia seguridade" e a do resto do alumnado
O CEIP Emilia Pardo Bazán, situado no lugar vigués de Chouzo, viuse na obriga de expulsar temporalmente un neno que cursa 6º de Educación Infantil pola "violencia continuada" que exercía contra os seus compañeiros e contra os docentes. A ANPA do centro explica que o alumno, duns 5 ou 6 anos, "non sabe controlar a rabia" e presenta "reaccións agresivas" que requiren de "atención continua para manter a súa propia seguridade e a dos seus compañeiros e compañeiras".
Sinalan, así mesmo, que "ademais dos riscos físicos, os nenos e nenas levan todo o curso convivindo con situacións de estrés e medo, que prexudican o seu desenvolvemento e crecemento emocional e tamén académico, xa que a causa desta situación as rutinas na aula e a atención do equipo docente estivo concentrado en conter a situación".
As familias e o propio centro levan dende o inicio do curso "pelexando por conseguir uns recursos mínimos que melloren a situación". Porén, a resposta da Consellería de Educación foi que, segundo o catálogo de recursos asignados, non correspondía dotar o centro con máis profesorado de apoio, como docentes de PT (Pedagoxía Terapéutica), e que tampouco quedaban coidadores nas bolsas de interinidades.
"A única medida proposta pola Inspección de Educación foi a expulsión, deixando claro que, segundo indicacións da Consellería, baixo ningunha circunstancia se reforzaría con mais persoal este curso", din as familias
Segundo as familias, "a única medida proposta pola Inspección de Educación foi a expulsión, deixando claro que, segundo indicacións da Consellería de Educación, baixo ningunha circunstancia se reforzaría con mais persoal este curso académico". O centro tentou buscar outras vías pero finalmente "véndose sen recursos" ante unha situación "descontrolada" decidiron expulsar temporalmente ao alumno.
Nais e pais subliñan que a expulsión "non axuda nin ao pequeno nin aos seus compañeiros, nin ao profesorado, xa que é unha medida agresiva e con consecuencias negativas á hora de volver a integrar ao rapaz na clase".
E esixen que a Consellería de Educación "actúe con responsabilidade e sensibilidade" e que dote o colexio dun PT (docente de Pedagoxía Terapéutica) preferente destinado a este alumno no que queda de curso e para o ano que vén. "Estes nenos e nenas non poden continuar nun calvario así un ano máis", engaden.
Nais e pais subliñan que a expulsión "non axuda nin ao pequeno nin aos seus compañeiros, nin ao profesorado, xa que é unha medida agresiva e con consecuencias negativas á hora de volver a integrar ao rapaz na clase"
As familias lamentan que aínda que "a Lei de Educación fala de asegurar o benestar emocional e a diversidade", a Xunta "non actúa en consecuencia". "Trátase de protexer os dereitos dun neno que está a pedir axuda a través do seu comportamento e de garantir a seguridade e o benestar do resto do alumnado", engaden.
"O sistema educativo público galego debe estar preparado para atender a diversidade real do alumnado. E neste caso, a resposta non pode seguir sendo un catálogo pechado. A resposta ten que ser humana, xusta e baseada nas necesidades reais da aula", conclúen.