O filme 'Anoche conquisté Tebas' logra que rapaces de diferentes épocas coexistan nas termas romanas de Bande e compartan o impulso de abrirse e mostrar os seus medos
Un serán de inverno do ano 2017 o cineasta Grabriel Azorín (Hellín, 1981) bañouse por primeira vez nas termas romanas de Bande. Estando alí, xa de noite, conta mirou cara a arriba e quedou fascinado co ceo, despexado de nubes e con todas as estrelas brillando. Foi nese momento cando pensou en todas as persoas que, nos milleiros de anos que levan existindo estas termas, fixeron o mesmo xesto ca el. Aí xurdiu nel o desexo de rodar en Bande. Ata que se puido rodar e producir unha película pasaron case nove anos. Anoche conquisté Tebas presentouse na pasada edición do Festival de Venecia e leva un ano percorrendo festivais de cinema por todo o mundo, ata completar agora o seu periplo nas salas de cine.
Xunto a Celso Giménez, Azorín escribe o guión desta historia, rodada integramente nas termas de Bande e na súa contorna, na que as ‘máxicas’ augas logran que rapaces de diferentes épocas compartan o mesmo espazo e o impulso de abrirse e mostrar os seus medos. O galego e o portugués son as únicas linguas vivas que se falan no filme, no que se recupera o latín. Trátase dunha produción a tres entre DVEIN Films, a galega Filmika Galaika e a portuguesa Bando à parte.
Anoche conquisté Tebas poderá verse en pantalla grande en Santiago, Lugo e Ferrol. Os cines Duplex de Ferrol pasarán a película este sábado, 5 de setembro, coa presenza de Gabriel Azorín ás sete da tarde. Nos Códex de Lugo o filme poderá verse este sábado ás 18 horas e o domingo 6 ás 20.15 horas. Na sala Numax de Compostela haberá varios pases do 6 ao 12 de setembro, ao do domingo 6 ás 18.35 horas asistirá o director para un coloquio posterior e no do día 9, ás 19 horas, estarán as produtoras María Becerra e Roi Carballido para conversar co público tras a proxección.
Nunca vin un filme con tantos rapaces, aínda que estean en distintos planos históricos, mostrándose abertamente fráxiles. Era moi importante isto para o filme?
Pois si. Teño unha amiga que cando viu o primeiro corte da película me dixo que fixeramos un filme de ciencia ficción, non porque saísen personaxes de distintas épocas cohabitando, senón porque os homes se mostraban fráxiles e falaban das cousas que lles daban medo. Para min isto é súper importante e foi un dos aspectos que máis traballamos desde o guión Celso Giménez e mais eu.
"A min a ficción serviume un pouco para contar cousas non me atrevín a verbalizar, pero que si as podo dicir a través dos personaxes que, dalgunha maneira, son máis virtuosos do que o fun eu ao longo da miña vida"
Lucrecia Martel [cineasta arxentina] defende moito ultimamente a idea da hiperstición, de que todos os relatos apocalípticos que fomos construíndo acabaron por cumprirse e que, se cadra, se empezamos a construír outros relatos máis luminosos ou máis amables, ou simplemente onde o mundo se mostra como un sitio mellor, pois tamén empecen a cumprirse... Ou se cadra non, e é unha idea inxenua. Pero paga a pena probar. A película, neste sentido, propón un tipo de masculinidade bastante diferente á que se adoita representar no cinema ou na literatura, na ficción en xeral. Sobre todo, creo que o leva ao límite cando aparecen soldados romanos porque claro, se hai na ficción un home normalmente non se representa así, pero menos aínda se é un guerreiro como os soldados romanos, que mostramos como honorables e valentes, ademais de desapiadados e violentos asasinos.
No filme non nos interesaba nada diso, queriamos atopar ese punto de humanidade e de mostrar os medos. A min a ficción serviume un pouco para iso tamén, para contar cousas que non me atrevín a contarlle aos meus amigos, ou que mesmo non me atrevín a verbalizar, pero que si as podo dicir a través dos personaxes que, dalgunha maneira, son máis virtuosos do que o fun eu ao longo da miña vida.
"Para esta película hai dúas cousas indispensables: implicación e tempo"
Entón, a película serve un pouco de revisión para vós como autores?
Non é autobiográfica, pero claro que hai un montón de cousas que tanto Celso coma min, e outros membros do equipo, vivimos ou pensamos. Son esas cuestións concretas, esas experiencias que van máis alá das ideas xerais, as que fan que a película chegue e que cada espectador se poida identificar. Despois de compartir o filme con tanta xente, é moi bonito que sempre sae algo do que se trata na conversa que teñen os dous rapaces portugueses, António e Jota –interpretados por Santiago Mateus e António Martim Gouveia– porque se tratan moitos temas concretos cos que podemos identificarnos. De feito, sempre fago a brincadeira de ‘que parte da conversa de António e Jota es?’; como se fora un meme de internet.
"Na película os diálogos son importantes, a palabra é moi importante"
Nótase que che gustaría ser un máis deles nas termas. Como foi o traballo para transmitirlle aos actores, dunha xeración máis nova que a vosa, a intensidade e o enfoque do guión?
Na película os diálogos son importantes, a palabra é moi importante. Hai unha procura da beleza nos diálogos para que non sirvan só para facer avanzar a trama ou para ser costumistas. Un dos medos –agora que estamos falando de medos– que manexabamos tanto Celso coma min era que os diálogos están escritos por persoas dunha xeración que non é a dos protagonistas. Entón si, tiñamos medo de que parecera que eran dous señores de corenta anos facendo falar a uns adolescentes. Pero o cinema ten esta cualidade misteriosa e virtuosa, que lle dá palabras aos personaxes en situacións onde se cadra non estiveron tan lúcidos, ou onde non acostumamos a estar tan lúcidos, e de pronto permite que esas conversas si sexa o mellor que puideron ser.
Nós fixemos un traballo moi longo cos actores, convivimos con eles máis alá dos ensaios. Organizamos talleres no norte de Portugal ao que podía vir calquera rapaz que lle apetecera: vimos películas xuntos, xogamos ao fútbol, xogamos ao Super Mario Kart da Super Nintendo... E así xa fixemos un proceso de selección dos chicos que ían interpretar os papeis. Logo tamén fixemos un traballo co propio texto, pois nós escribimos en castelán e traducimos ao portugués, pero repasamos con eles a linguaxe para que se sentiran cómodos completamente. Para esta película hai dúas cousas indispensables: implicación e tempo.
Os actores tiñan experiencia previa no audiovisual?
Santiago Mateus si, traballara de neno nunha serie de televisión e estudou nunha escola de teatro; pero son todos moi novos. Pero António Martim Gouveia é músico de jazz, saxofonista. Fará máis películas? Pois non o sei, eu creo que se el quere poderá facelas. Pavle Čemerikić, que interpreta a Pompeio, é un actor serbio que xa ten unha traxectoria no seu país, protagonizou xa catro ou cinco películas, pero tamén é máis maior que o resto, terá xa uns 27 anos.
"Esta maneira pouco extractivista de utilizar o tempo estivo presente en todos os procesos da película, que tamén tiña un punto de experimental, porque non sabiamos se a presenza do latín ía funcionar"
Por que empregar o portugués convivindo co latín, sendo o castelán a túa lingua materna?
Pois cando comezou o proxecto non se falaba nin portugués nin latín, pero é certo que a min gústanme moito as películas nas que se falan diferentes idiomas, encántame escoitar os personaxes falar en distintas linguas. Pero é que ademais, a miña experiencia indo aos baños de Bande era escoitar sempre a xente portugués. Alí escóitase todo, como non hai ningún ruído, podes escoitar ata os murmurios. Tamén teño que dicir que a cuestión do portugués, ademais da súa sonoridade, encaixaba moi ben cos movementos demográficos da película cos soldados romanos e as civilizacións que van chegando e habitando despois ese mesmo espazo. Había algo como fronteirizo no filme e a idea duns rapaces que cruzan a fronteira para irse bañar era algo importante para min.
Queriamos xogar coa idea de que aquilo é un limbo onde convive xente de diferentes épocas, que iso se asentara a nivel cinematográfico. Por iso a película propón pararse e non ir correndo como imos hoxe en día. Esta maneira pouco extractivista de utilizar o tempo estivo presente en todos os procesos da película, que tamén tiña un punto de experimental, porque non sabiamos se a presenza do latín ía funcionar. Traballamos coa filóloga, latinista e poeta galega Laura Camino, porque queriamos crear un latín que no soase a misa, senón un latín que puideran empregar rapaces novos. En definitiva, queriamos darlle vida a unha lingua morta. Pero traballando con tempo e cun equipo de xente con talento acabas conseguindo as cousas, e a posibilidade do fracaso sempre está aí, pero é que doutra forma sería todo moi aburrido.