Non hai moitos anos desde que comezaron a verse pola rúa, ou nos teatros, ou en todo tipo de festas, uns estilosos, orixinais e coloridos zocos. Parecíanse á zoca tradicional, pero sendo, ao mesmo tempo, outra cousa. O boca a boca foi medrando. A presenza nas redes sociais ou nos medios de comunicación tamén. E xa hai tempo que Eferro, o obradoiro familiar de Elena Ferro, deixou de ser aquel segredo curioso de, “onde mercaches iso?”, para ser un orgullo para quen recoñeza o mérito de renovar un elemento do noso patrimonio cultural que podía desaparecer, mais que acabou converténdose en moda. Elena Ferro vén de gañar o Premio Nacional de Artesanía do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Mais o seu traballo xa fora recoñecido en Galicia. E agora pode selo máis.
Como recibiches a noticia do premio?
Pois estaba moi tranquila porque non é algo co que contase. Non pensaba que mo fosen dar. Despois foi moi emocionante, claro. Un orgullo para min e para a miña familia. E para os zocos, que penso que tamén teñen que estar contentos…
"Sempre me gustou traballar coas mans. Xa de pequena ía coas vacas, levaba unha navalla e tallaba cousas con paus…"
Pertences á terceira xeración dunha familia zoqueira: primeiro o avó, despois o pai e a tía... Criácheste no obradoiro… Que foi o que te enganchou do oficio?
Pois non sabería dicir exactamente. Sempre me gustou traballar coas mans. Xa de pequena ía coas vacas, levaba unha navalla e tallaba cousas con paus… E tamén xogaba coas ferramentas no obradoiro. Supoño que xa tiña unhas habilidades, que puiden desenvolver ao criarme nunha familia de zoqueiros. Ademais, a que neno non lle gustan os martelos e as puntas? Ben, agora se cadra teñen os dedos máis ocupados coas pantallas… Pero a min gustábame moito, xa de nena.
Nos 70 veu a crise: as Katiuskas comezan a substituír as zocas. Pero o negocio familiar consegue sobrevivir a aquilo…
A partir dos 70 chega o declive, si. Pouco a pouco, os zoqueiros van desaparecendo porque os zocos xa non se venden. O que fai a miña familia é ir polas feiras de toda Galicia, en vez de polas feiras da zona, para buscar máis clientela. Eu eu comezo a facer pulseiras, moedeiros… Fomos meténdonos cada vez máis na marroquinería e iso axudou a manter o obradoiro aberto. Pero xa nos 90 e ata 2010 non era posible vivir só dos zocos. Eu no 95 xa comecei a introducir cambios. Estiven 15 anos facendo probas, experimentando…
"Fomos meténdonos cada vez máis na marroquinería e iso axudou a manter o obradoiro aberto"
En que consistiron esas probas? Segundo lin, as primeiras non tiveron moito éxito...
O primeiro que fixen foi pintar a madeira, logo os zocos azuis e vermellos, despois as descalzos de verán… Fun facendo varias probas, pero o máis importante foi adaptar o traballo coa madeira tradicional de forma que o zoco resulte cómodo para camiñar no asfalto, sendo ao mesmo tempo esteticamente atractivo. Empecei a usar estampado de animal, que agora é moi coñecido pero no 2010 non o era tanto, e menos usado con coiro con pelo… E a clientela comezou a contarme que lles preguntaban pola rúa onde compraran esas botas… Despois empezamos a usar tamén o Facebook e o Instagram.
"O máis importante foi adaptar o traballo coa madeira tradicional de forma que o zoco resulte cómodo para camiñar no asfalto, sendo ao mesmo tempo esteticamente atractivo"
Non houbo, en realidade, unha campaña de marketing ao principio. Foi o boca a boca…
Eu de marketing non sabía nada. Pero comecei a publicar fotos nas redes sociais e despois ocorréuseme ir facendo montaxes que contasen pequenas historias, engadindo unha frase. Tamén sorteamos un par cada mes… O das montaxes xurdiu dun xeito natural: un día puxen un zoco vermello pequeno e outro máis grande xuntos, como se fosen a filla e a nai… Ou carapuchiña e o lobo, que son un zoco vermello e un zoco de pelo natural de vaca, cunha frase sobre que o lobo namora de carapuchiña… Agora o das montaxes é parte da miña xornada de traballo. Dedico un tempo a pensar en montaxes novas...
O da dureza da sola de madeira é un problema importante. Que fixeches para tentar solucionalo?
A madeira é dura, claro. E a min escoitar a clientela axudoume moito a ir aprendendo para mellorar. Dicíanme que os zocos eran ríxidos. O que fixen foi meterlle goma á madeira para facer a sola máis flexible. É unha solución semellante á das sandalias, pero o zoco tiña que seguir servindo para o que é: para ter os pés secos e quentes. Isto que che conto agora hai xa tres anos e pico que o fago. E fun buscando solucións para outras cousas, coma por exemplo as demandas da clientela vegana. Porque había clientela que non quería produtos con coiro. E agora tamén temos esa opción. A cuestión é escoitar a xente e non acomodarte, non pensar que xa está todo feito.
"Había clientela que non quería produtos con coiro. E agora tamén temos esa opción. A cuestión é escoitar a xente e non acomodarte, non pensar que xa está todo feito"
Tamén ofrecedes a posibilidade de facer zocos personalizados: a clientela escolle que tipo de coiro poñer en cada parte do zoco.
Si. Agora case a metade dos zocos que facemos son personalizados. Temos uns modelos e e a xente escolle. Nun mes entregamos o pedido. Así podes ter un produto exclusivo…
Vendedes bastante por internet…
Pasamos de ir ás feiras a mandar pedidos todos os días. Un día enviamos catro pedidos, outro un… Por internet, na nosa tenda on-line, vendemos o que temos en stock. Pero tamén hai xente que nos envía correos para pedir produtos que non temos na venda on-line. Na web tamén se pode facer un pedido personalizado que vai directamente ao obradoiro…
"O groso das vendas é Galicia, pero despois vendemos tamén bastante na Península e en xeral en Europa"
Onde vendedes?
O groso das vendas é Galicia, pero despois vendemos tamén bastante na Península e en xeral en Europa. E ás veces en Estados Unidos, Perú… en distintos países de fóra de Europa. O que pasa é que os portes encarecen. Nós non facemos envío gratis, claro. E ás veces custa tanto o envío coma o zoco. Os zocos de cores vendémolos a partir de 70 euros, e os outros a partir de 55. Ao engadir os portes, poden acabar custando o dobre...
Igual é unha impresión falsa, pero eu diría que os zocos son usados máis para ocasións especiais que para diario. Dependendo do contexto, onde antes levabas uns tacóns, agora levas uns zocos.
Hai xente que os usa máis para diario e xente que os usa máis para as ocasións. Mais o que eu si penso é que, cando levas zocos, a maneira de camiñar cambia. Medras cinco centímetros… Mesmo podes dar unha patada que pode doer. É como se te empoderase. Medras, é un calzado duro, forte… E é parte da nosa cultura, o cal di moito do noso país.
"Oxalá estivese de moda falar en galego"
Referíame a que conseguiches poñer de moda o que antes era desprezado por ser asociado a un rural desprestixiado. Oxalá se puxesen de moda moitos outros elementos do noso patrimonio....
Coma a lingua! Ogallá estivese de moda falar en galego. Pois o que pasa co idioma é un pouco o que pasaba cun elemento do noso patrimonio cultural coma os zocos. Algo que perde prestixio e que podía desaparecer… Conseguir evitar iso é o maior orgullo que podo ter. Non vou facer nada máis importante na miña vida. O máis importante é iso, facer que ese calzado que forma parte da nosa identidade non desapareza, e que o oficio non desapareza. Agora hai outros zoqueiros e para min é motivo de orgullo…
Xa gañaras o Premio Antón Fraguas de Artesanía hai tempo. Supoño que o recoñecemento maior é o social, pero séntese recoñecida aquí?
Si, claro. Pero cando penso nos recoñecementos non penso en min. Penso nos zocos, en toda a xente que os leva e en todos os labregos e labregas que os levaron durante tanto tempo. Son eles e elas, en realidade, os que merecen o recoñecemento. Eu só teño un oficio, é o que sei facer. Eu son unha traballadora disto, non máis.