"Asociamos o paso do tempo coa moderación política pero no caso da Luz non se cumpre, por iso era tan extraordinaria"

Presentación do libro 'A História da Luz: breve biografía política e conversa com Luz Fandiño' na Casa de Rosalía CC-BY-SA Companha Editora

"Repasando a súa biografía, como se mantivo nas causas máis populares no sentido do pobo, e tamén impopulares ou mal vistas polo poder –e mesmo por parte da esquerda–, compréndese o baleiro que deixou"

Luz Fandiño (Santiago de Compostela, 1931-2024) foi nas últimas décadas unha imprescindible da vida cultural, social e política da capital do país, a cidade da que tivo que marchar ao pouco da morte da nai e á que regresou coa conciencia de clase mamada na casa intacta. En A História da Luz: breve biografía política e conversa com Luz Fandiño (Companha Editora), o historiador Antom Santos fai un relato da súa biografía e, á vez, duns anos decisivos para Galicia dos que a poeta e activista participa desde Bos Aires e París ata que regresa a Santiago pensando que poderá "facer a revolución" e atópase coa chamada Transición. Santos retrata, a partir de conversas con Fandiño en diferentes anos, a súa loita persoal, política e sindical e como se mantivo activa ata os seus derradeiros anos de vida. Nas vindeiras semanas, o libro presentarase na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña e na libraría Lila de Lilith de Compostela. 

Para quen coñecemos a Luz xa maior, no libro hai unhas fotografías dela moi nova que son moi emotivas.

Si, é que este é un libro colectivo. A idea foi de Companha Editora, que depende de Sacauntos, porque tiñan unha entrevista do ano 2008 ou 2009 dunha conversa que mantivera a Luz co Grupo de Estudos da Fouce, que está reproducida no libro. Entón, cando ela faleceu, quixeron rescatala e falaron comigo porque lles parecía que daba para unha edición crítica, no sentido de contextualizar esa conversa, aportar datos e desenvolver un pouco cousas que se daban por supostas. A cousa foi medrando porque Sacauntos púxose en contacto con Paco Sebio, que tiña acceso a unha base documental moi grande e facilitou as fotografías e os documentos que se inclúen no libro. E despois, casualidades da vida, resulta que tamén meu pai tiña unhas gravacións con ela do ano 2010, como dez ou once horas de conversas, sobre todo da súa infancia compostelá, que nunca se utilizaran nin saíran á luz.

Un traballo coral, como lle tería gustado a ela, non si?

Penso que si, ela era unha muller de colectivos, de traballar en grupo e de estar en dinámicas moi amplas.

'A História da Luz: breve biografía política e conversa com Luz Fandiño', de Antom Santos © Companha Editora

"O auxe do feminismo como unha comunidade de mulleres penso que a acolleu moito e lle deu o respaldo e a apreciación pública que non tivera"

Hai pouco, nunha manifestación en Compostela, fixéronme o comentario de que faltaba Luz, que é un sentimento presente tamén nos limiares de Goretti Sanmartín e de Laura Bugalho.

Pois mira, os da miña xeración nos anos 90 coñecémola precisamente por coincidir en actos reivindicativos e era moi singular que houbese unha persoa da súa xeración –nós tiñamos daquela 18 ou 19 anos e ela xa tería case 70, que para nós nese momento era vella, aínda que en termos de hoxe non o sería–. Era unha señora, en particular era xusto do ano da miña avoa, desa xeración que viviu a guerra e o xenocidio, e que todo o seu proceso de socialización político foi cortado nos anos clave. Entón, para nós era moi estraño ver unha persoa de sesenta e pico anos, máis aínda unha muller, pois a cuestión de xénero non estaba tan presente como agora, nas mobilizacións. No aspecto máis fondo, asociamos o paso do tempo coa moderación das posicións políticas, que ten unha parte de verdade empírica –non de certificación– que a xente co paso do tempo faise máis cicatera, máis conservadora ou máis titubeante, e no seu caso non se cumpriu; por iso era tan extraordinaria a figura da Luz e por iso eu creo que provocaba esa admiración en tanta xente. Repasando a súa biografía, como se mantivo nas causas máis populares no sentido do pobo, e tamén impopulares ou mal vistas polo poder –e mesmo por parte da esquerda–, compréndese o baleiro que deixou.

"A súa foi unha vida durísima, como lle tocou a tanta xente desa xeración, pero esas tradicións políticas alimentaron a súa posición e a idea da conciencia de clase que conservou ata o final"

Na biografía está moi presente como se mantivo nas súas ideas ao longo da súa vida, pero estivo no bando perdedor na maioría dos casos...

Un aspecto propio da súa personalidade, que xa o demostrou nas conversas que eu lle escoitei, e que estaba presente desde moi nova é esa condición de nacer no extremo dos perdedores. Perdedora como muller, perdedora como muller de nai solteira, perdedora como muller de familia republicana, perdedora como galego falante cando se pasa ao galego... Tivo unha serie de condicionamentos que a fixeron situarse no extremo e eu penso que por iso desenvolveu o carácter rexio efirme que tiña. Seguramente herdou da súa nai e da súa avoa unha disposición moi forte estar así nunha situación adversa e despois, como creo que as biografías non se deben quedar só na excepcionalidade persoal, o que nos interesou destacar no libro tamén é que ela vén de dúas tradicións que foron moi fortes: unha é o movemento obreiro, pois mamouno,comentaba moito nas súas memorias de infancia como llo transmitiu a súa nai; e, por outra parte, nos anos da emigración conecta co galeguismo, co arredismo de Bos Aires, e despois xa conecta en Francia e volta aquí como parte do ciclo da esquerda radical europea.

A súa foi unha vida durísima, como lle tocou a tanta xente desa xeración, pero esas tradicións políticas alimentaron a súa posición e a idea da conciencia de clase que conservou ata o final. Unha muller, ademais, criada nunha familia só de mulleres, sen ningún apoio masculino, ou incluso con atrancos masculinos exteriores.

Unha muller que ademais se mantivo sen rencor e bastante optimista co porvir ata os últimos anos.

Si, eu non falaría de rencor pero si dun carácter enérxico e dunha muller moi contundente falando. Certo rencor incluso podería estar xustificado cunhas vivencias así, pero se chega a telo non acadaría o éxito popular, no bo sentido. Era unha muller moi alegre e moi vitalista, por iso espertou esa simpatía. Un carácter amargado, por moita razón que teña, non arrastra nin é agradable para ninguén.

A súa empatía é un feito moi positivo para ela, que a favoreceu moito no sentido vital e de carácter, pois logrou que nos últimos anos da súa vida si que tivera un recoñecemento e unha comunidade de apoio que foi do que carecía nos anos da posguerra e da emigración. Ela comentaba moito a soidade atroz que sentira na emigración. Sobre todo, o auxe do feminismo como unha comunidade de mulleres penso que a acolleu moito e lle deu o respaldo e a apreciación pública que non tivera.

Luz Fandiño no filme de Sonia Méndez 'A poeta analfabeta', no que repasa aspectos da súa vida © SCG

"Está desaparecendo a conversa ou, se cadra, sendo substituída por un tipo de conversa con pantallas polo medio. Hoxe, unha vivencia como a de Luz sería moi difícil porque non temos nin tempo para falar"

Conta no libro que Luz descobre a escritora brasileira Carolina Maria de Jesus, que foi para ela unha referente.Igual que ela acabou sendo tamén unha referente para outras mulleres aquí.

Si, como que se vai pasando o facho, non? Eu penso que a orixe diso tamén vén do movemento obreiro, da obsesión pola cultura que xa tiñan a nai e mais a avoa, sendo traballadores manuais, polo de ler novelas, o de contar relatos e o de estar informadas. Sabían que a emancipación pasaba pola cultura, que é algo do movemento obreiro clásico. Ademais, en Bos Aires viu que había unha emigración que era minoritaria, galeguista, que tamén progresaba a través da lectura. Alí tivo coñecemento de todos os clásicos, pero sobre todo de Cabanillas. Pero foi esa base educativa educativa familiar a que a levou a tomar ese camiño cando viu exemplos semellantes.

Que importante sería recuperar para esta concepción de que a cultura é emancipadora, verdade?

Si, porque antes, ademais da cultura letrada, a xente formábase na conversa. A Luz contaba como recordaba que a súa avoa lle contaba as historias de Santiago ou que lle falaban dos guerrilleiros ou dos fuxidos; en Bos Aires fala desas conversas da cultura galega; e despois na transición están as reunións do nacionalismo... Todo iso é unha forma de cultura. Eu aínda o vivín un pouco, compartías libros e despois se debatía sobre as lecturas... Hoxe as novas xeracións están moito máis formadas ca nós, polo menos teñen máis acceso á formación, pero reciben a información na súa maioría de maneira virtual. Está desaparecendo a conversa ou, se cadra, sendo substituída por un tipo de conversa con pantallas polo medio. Hoxe, unha vivencia como a de Luz sería moi difícil de que existise porque non temos nin tempo para falar.

"Ese entusiasmo é o duro da súa biografía, pois ela volve na súa madurez política, cando parece que esa onda da esquerda radical en Europa, e particularmente na Galiza, está no seu clímax"

Cando Luz volve de Francia, conta no libro, ela pensaba que viña para "facer a revolución".

É unha frase dela que tamén teño escoitado doutros militantes galegos dos anos 70, non emigrantes e mozos, que tiñan esa conciencia. E con parte de razón, a Revolução dos Cravos foi no ano 1974 aquí ao lado, podía pasar calquera cousa. Ese entusiasmo é o duro da súa biografía, pois ela volve na súa madurez política, cando parece que esa onda da esquerda radical en Europa, e particularmente na Galiza, está no seu clímax; pero cando aterra aquí é cando se produce a caída de todo ese refluxo e imponse a lóxica da Transición, desa reforma política. O trauma que supuxo para ela coméntao nesa conversa que mantivo no Grupo de Estudos da Fouce, acompañado ademais de todos os procesos de purgas, de enfrontamentos fratricidas... Foi moi duro para todo o mundo e particularmente para ela, pois o emigrante sempre idealiza a terra.

E como analiza o cambio de Luz ao galego, tendo en conta que é unha desas escollas que a coloca no bando perdedor no seu contexto?

O movemento obreiro de preguerra non tiña asumida cuestión lingüística nin nacional, aí era deficitario, e movíase por tópicos. Ela ten comentado que foi educada en castelán coa intención da familia de que progresase socialmente, porque o galego era marca da miseria. Pero na emigración encontra outra realidade nun sector social e político a priori menos radical como era o galeguismo. Abraza o galego con moita emoción e cunha sensación de benestar porque o independentismo nace na emigración e o nacionalismo desenvolvese na emigración, e penso que a xente que abraza a identidade nacional fóra non o fai con sentido de penuria senón de alivio. Para ela foi un paso difícil diante da súa familia, que nunca entenderon o seu comportamento lingüístico mais, á vez, foi un descubrimento para unha rapaza de Santiago dos anos 30 que sabía moi pouco da cultura galega, algo parece ser que lle cita a súa avoa sobre Curros Enríquez e a poesía galega, pero chega a un mundo con toda a potencia que tiña xa daquela cos nosos grandes escritores e coa nosa tradición do século XIX. Para ela foi como unha revelación a propia figura de Rosalía, un reforzo en toda regra.

O libro conta con limiares de Goretti Sanmartín e Laura Bugalho CC-BY-SA Companha Editora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.