Armadiña: Moito rock nun festival "artesán e mariñeiro"

Todo preparado para a edición 2019 do Armadiña Rock © Festival Armadiña

O Armadiña Rock ule a mar. O festival celébrase todos os anos na Praza da Chousa, un espazo que ata hai unhas décadas funcionaba como peirao nunha vila tan mariñeira como Combarro. A undécima edición do Armadiña Rock volverá facer honor a ese espírito a partir deste venres. Serán tres días de concertos cun cartel de primeira categoría no que destacan os bosnios Dubioza Kolektiv, Heredeiros da Crus e Triángulo de Amor Bizarro, pero tamén Nao, Familia Caamagno, Dios ke te Crew, Bastards on Parade, Balkan Bomba High Paw e Los Jinetes del Trópico.

No cartel destacan os bosnios Dubioza Kolektiv, Heredeiros da Crus e Triángulo de Amor Bizarro, pero tamén Nao, Familia Caamagno ou Dios ke te Crew

Este ano por primeira vez haberá un pregoeiro do festival, trátase do xeógrafo e cantautor compostelán Xosé Constenla, que ten ligazóns familiares en Combarro (e que ademais do pregón deste xoves pola noite ofrecerá un concerto). "Sabíamos que lle faría moita ilusión, é coñecedor do traballo que fai este colectivo, é sabedor da pequena revolta que o proxecto Armadiña fixo aquí", destacaba hai uns días Xosé Rial, vicepresidente da ACDeM Armadiña, organizadora do festival e doutras moitas actividades culturais e deportivas, comezando polo Festival de Curtas Armadiña, cuxas obras gañadoras tamén se proxectarán estes días na Praza da Rualeira.

Rial afondaba tamén no carácter "artesán" do evento, "feito por persoas que ocupan parte do seu tempo libre en organizalo, que fan posíbel que o Armadiña Rock sexa unha gran festa”.

Concerto de Zënzar o pasado ano © Armadiña Rock

O Armadiña vai moito máis alá dos concertos programados para o venres e o sábado. O evento tamén traerá actuacións de “Circo na Chousa”, un Armadiña Kids onde se incorpora a cultura urbana - skate e graffiti- , conferencias onde se tratarán temas como "a música e a mensaxe revolucionaria" e un coloquio no que participarán outros colectivos galegos que organizan festivais semellantes, populares, artesáns e dende abaixo. Celebrarase ademais a IV edición do Concurso de decoración mariñeira co obxectivo de "engalanar Combarro". Este ano ábrese o concurso a todo o casco histórico, "para que todas as vivendas podan engalanarse e que os negocios adecenten as súas terrazas para que toda a vila celebre a Festa do Mar", explican.

Destacan tamén as sesións vermú, que se realizan na praza da Rualeira de Combarro e que contarán con Falperrys e Ukestra do medio. E haberá igualmente sesión de tarde, coas actuacións de The Tetas’Van e Sote. Brassica Rapa, Os Queimatasas, Pinguela Terra de Montes, Banda do Patio, Pandeireteiras de Ronsel e Armadiña, que serán as encargadas de levar a música por todo Combarro.

ACDeM Armadiña é unha entidade sen ánimo de lucro e tanto a asistencia ao festival coma a acampada son gratuítas. O evento conta cos apoios da Deputación de Pontevedra e do Concello de Poio e co patrocinio de Estrella Galicia e Johnny Walker.

O Armadiña inclúe actividades durante todo o día © Armadiña Rock
Zona de acampada do Armadiña © Armadiña Rock
Cartel do Armadiña 2019 © Armadiña Rock

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.