'Artellando' unhas festas en movemento en Compostela

O parque de Bonaval acollerá o 23 de xullo unha 'Romaría Cativa' © Concello de Santiago

Este venres comezan en Compostela, co pregón de Verónica Boquete, as Festas do Apóstolo, uns festexos que buscan marcar diferenzas con anos anteriores en todos os aspecto, dende a propia escolla da persoa encargada de abrir as celebracións. Será esta compostelá de 28 anos, xogadora do Bayern de Múnich, campiona da Champions League feminina este ano, e que vén de ser nomeada ao premio á mellor xogadora de Europa. Unhas festas diferentes para unha Compostela diferente e que, ao longo dos seus 15 días de celebracións, estarán determinadas por tres eixos: "a diversidade, a descentralización e a apertura", como destacou a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, na presentación do programa, no que todas as actividades serán de balde.

O pregón de Boquete dará paso ao tradicional prmeiro concerto das festas, na praza do Obradoiro, a cargo de John Nemeth & the Blue Dreamers e a Fundación Toni Manero. Ata final de mes actuarán tamén The Gospell Times (día 20), Gentelman and the Evolution (día 21), Pepe Vaamonde Grupo (día 22), Imelda May (día 23), Linda Martini (día 24), Sumrrá (día 25), Lila Downs (día 27), Kiril Djaikovski (día 28). Haberá tempo para o hip-hop, o domingo 26, con seis grupos que actuarán en Vite a partir das 20 horas. E tamén para unha noite protagonizada por bandas galegas de pop, rock e hip-hop, o xoves 30 na Praza da Quintana, coas actuacións de Ataque Escampe, Guerrera, Los Chavales, The Soul Jacket e A Derradeira Noite na Terra (un concerto exclusivo dos membros de Malandrómeda, Dios Ke Te Crew & Lar Legido).

Haberá tamén unha boa representación de artes escénicas con teatro, circo, danza ou monicreques, intentando -en palabras de Branca Novoneyra- que "a arte volva á rúa" grazas a unhas festas "participadas, creativas e inclusivas, orientadas a un público amplo de idades". E, por suposto, os habituais Fogos do Apóstolo (ás 23.30 horas do 24) e os Fogos fin de festa (o 31 de xullo no Campus Sur), nunha xornada que porá fin a 15 días de actividades e na que destacará o concerto da Filharmonía de Galicia, na praza da Quintana.

Destaca tamén a programación infantil, que terá o seu momento estelar coa organización da I Romaría Cativa, que se celebrará o xoves 23 de xullo, no parque de Bonaval. Entre as 16.30 e as 21 horas haberá concertos de Mamá Cabra e María Fumaça, o circo da Compañía Duelirium, a danza da Compañía Transpediante, obradoiros de percusión a cargo de Trópico de Grelos, obradoiros de manualidades coa Compañía Babaluva, xogos populares con Xandobela e tamén un espazo de xogo libre. 

O espírito destas festas está representado pola etiqueta Artellando, un proxecto no que participan máis de 130 artistas "traballando en rede, construíndo sobre o territorio un tecido cultural orientado a todos os públicos, con actuacións musicais e escénicas coas que queremos provocar experiencias novas", destacou a concelleira. Artellando desenvolverase do 18 ao 23 de xullo, cunha presenza moi destacada das actividades nos centros socioculturais de toda a cidade. Serán unhas festas "de todos e para todos", resumiu Branca Novoneyra, cunha programación "expandida no territorio". "Quixemos recuperar espazos emblemáticos das festas como a praza do Toural, achegarnos ás prazas da cidade e volver polas rúas e recunchos escondidos que coñecemos os veciños da cidade e que queremos compartir cos miles de visitantes que recibimos nestas datas", destacou.

Cartaz das Festas do Apóstolo © Concello de Santiago
O parque de Bonaval acollerá o 23 de xullo unha 'Romaría Cativa' © Concello de Santiago
A lectura do pregón a cargo de Verónica Boquete dará inicio ás festas CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.