As achegas públicas para a RAG descenderon nun 40% en dous anos

Xuntanza do presidente da Xunta con dirixentes da RAG © Xunta

"Conseguimos que por primeira vez a Real Academia Galega (RAG) estea Orzamentos Xerais do Estado, que teña os mesmos fondos que a academia vasca e a catalá, así como homoxeneizar o tratamento ás tres linguas das nacionalidades históricas; ademais, onte (polo mércores) conseguimos repoñer unha contía idéntica á de 2012, onde ademais se inclúen algunhas achegas de 2011". Con esta declaración presumiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, da achega económica do Goberno autonómico á principal institución cultural do país.

"Os fondos son superiores aos que recibía en época de bonanza económica, polo que fixemos o esforzo de blindar a Academia da crise e de manter as achegas nunha banda similar ás que tiña cando non estabamos en crise", reiterou Feijóo ao ser preguntado tras o Consello da Xunta polo acordo ao que chegou coa RAG para incrementar en algo máis de 200.000 euros a dotación da Xunta á institución, e logo das reiteradas peticións de apoio por parte do seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, que advertiu incluso do risco de desaparición do organismo.

As achegas públicas á RAG pasaron do case millón e medio de 2011 aos 861.000 deste ano

Non lle falta razón se reparamos no descenso de dotacións públicas recibidas pola Academia nestas últimas épocas. Nos últimos dous anos, a achega económica das administracións reduciuse en maís dun 40%, ao pasar do 1,45 millóns de euros de 2011 aos 861.000 que resultan da suma dos fondos da Xunta e do Estado para 2013, case 600.000 euros menos. Todo, malia o incremento a última hora pactado co Goberno galego.

Ferrín apela á mobilización da sociedade civil para garantir o futuro da Academia

Pero mentres Feijóo presume da "blindaxe" da RAG, Ferrín insiste en que a achega segue a ser "insuficiente", malia "agradecela". Por iso, non dubida en apelar á mobilización da sociedade civil, ben a través da constitución dunha asociación de amigos da RAG ou ben a través de contribucións persoais, para garantir o futuro dunha institución que conta con algún apoio de fundacións como a Barrié ou de empresas galegas.

O feito é que a RAG contará neste ano coa achega da Xunta de 520.000 euros -a proposta inicial era de 287.265 euros- e coa doutros 341.000 procedentes de fondos do Estado, co que en total disporá de 861.000 euros. Queda aínda un chisco lonxe do millón de euros no que os seus dirixentes cifraron a cantidade necesaria para o normal funcionamento da entidade.

Con este presuposto defintivo, queda descartada polo momento a posibilidade de prescindir dalgún traballador na RAG e asegúrase o mantemento da actividade propia da Academia, tales como os seminarios, as investigacións e as súas actividades fundamentais. Aínda así, non se poderán recuperar algunhas actividades ou publicacións que xa se deixaran de realizar hai tempo por mor da caída de ingresos.

O descenso na dotación do Estado foi do 70% en dous anos

Porque esta diminución de achegas vén sendo continua e considerable nos últimos anos. A rebaixa na dotación económica do Estado foi dun 70% en dous anos, malia as protestas e continuas reivindicacións de varios deputados galegos no Congreso que conseguiron incrementar as partidas que eran incluso menores. Por parte da Xunta, pasouse de dos 450.000 euros totais en 2011 aos 280.688 en 2012 que agora ascenden a 520.000 tras a última chamada de auxilio da RAG.

A dotación do Estado, tras unha intención inicial de recortarlle notablemente os fondos -incorrendo nun significativo agravio comparativo a respecto de Euskadi e Catalunya-, e logo do trámite parlamentario, fora finalmente duns 700.000 euros en 2012, cando un ano antes recibira un millón de euros. Para este 2013, a achega será finalmente de tan só 341.000 euros.

O caso é que, ademais da escasa achega económica que recibe, a RAG leva anos queixándose tamén da "discriminación" que sofre en comparación co resto de academias de linguas cooficiais do Estado, non só en canto á asignación que chega do Goberno central, senón sobre todo tendo en conta o que as súas homólogas reciben dos seus gobernos autonómicos.

Segundo os datos que manexa a propia RAG, e tendo en conta os orzamentos autonómicos, a Generalitat de Cataluña concedeu en 2012 ao Institut d'Estudis Catalans máis de 5,5 millóns de euros, mentres que o Goberno vasco asignou á Euskaltzandia máis de 1,3 millóns, fronte aos 370.000 euros que a Xunta achegou á insititución galega, e que en 2013 quedarán finalmente en 520.000.

Xuntanza do presidente da Xunta con dirixentes da RAG © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.