As bandas usuarias de Vigosónico critican o recorte de horarios e o mal estado das salas: "o Concello busca afundir a música local"

Einconscientes é unha das bandas que actuará no festival © Grupos de Vigo en Loita

O pasado 3 de maio as salas de ensaio municipais de Vigosónico reabriron as súas portas despois de máis de dous anos de peche -obrigado durante os primeiros meses pola pandemia- e despois dunha sucesión de críticas e reclamacións expresadas polos propios usuarios e usuarias, que demandaban do Concello a recuperación deste servizo. Porén, a reapertura non puxo fin ás críticas, pois a plataforma Grupos de Vigo en Loita, que agrupa estes usuarios, denunciou publicamente “as lamentables condicións desta reapertura"

O colectivo, que acusa o Goberno local de ter incumprido os seus compromisos, sinala que os recortes de horas "son mesmo maiores ca os prometidos"

O colectivo, que acusa o Goberno local de ter incumprido os seus compromisos, sinala que os recortes de horas "son mesmo maiores ca os prometidos". Explican que as salas de ensaio pasaron de estar dispoñibles 36 horas ás 20 actuais, debido primeiro á organización no lugar dun curso "de emprendemento musical" os venres pola tarde e despois á limitación de horarios noutras franxas. 

Protesta para reclamar a apertura das salas de ensaio de Vigosónico © Grupos de Vigo en Loita

"Este recorte, que fai que moitas bandas se vexan obrigadas a aceptar horarios que lles resultan pouco vantaxosos, únese ao requisito de non faltar máis de 3 veces ao ensaio para non perder automaticamente o dereito á sala, aumentando así aínda máis as trabas ás bandas", critican.

A pesar de que o Goberno local se comprometera a renovar o material das salas, os grupos afirman que isto non se fixo

Ademais, as bandas denuncian que "o estado de material é pésimo”. A pesar de que o Goberno local se comprometera a renovar o material das salas, os grupos afirman que isto non se fixo e que "os amplificadores non funcionan e os parches e pratos de batería están rotos". Tamén denuncian o “recorte dramático de personal”, e tamén a esixencia de “renovar a nosa inscripción cada 3 meses”. Para a plataforma, “isto na práctica imposibilita calquera tipo de planificación a longo prazo da actividade da bandas, ante a incerteza de perder a nosa sala de ensaio”.

A plataforma Grupos de Vigo en Loita organizará o vindeiro venres 3 de xuño un concerto no club Molotov para reclamar a mellora das salas de ensaio de Vigosónico

A plataforma Grupos de Vigo en Loita organizará o vindeiro venres 3 de xuño un concerto no club Molotov para reclamar a mellora das salas de ensaio de Vigosónico, denunciando o recorte en horas dispoñibles e condicións dende a súa reapertura a principios deste mes. O concerto tamén quere servir para reivindicar a presencia de bandas viguesas na programación de verán do Concello, que “brilla pola súa ausencia, especialmente cando esta podería servir de altofalante da cultura da cidade xuntando aos artistas da cidade cos grandes nomes internacionais”, denuncian. 

A cita inclúe a sete bandas da escena viguesa en diferentes estilos, dende o rap de La Cloaka Sound e JCA, pasando polo punk dos Vacalouras, o metalcore de Arson Tides, a mestura de rap e rock do Puto Show, o pop punk de Gracias por Nada, o rock duro de West Ride ou o rock de Einconscientes. "Unha chea de bandas viguesas para contrarrestar a falta destas na programación municipal", destacan.

Instalacións de Vigosónico © Grupos de Vigo en Loita

Grupos de Vigo en Loita denuncian que “nin tan se quere se materializou o compromiso do Goberno local de manter unha interlocución aberta e constante coas bandas", criticando "non só o desmantelamento deste servizo público, senón o intento do concello por afundir a música local e de base”

Grupos de Vigo en Loita expoñen finalmente que “nin tan se quere se materializou o compromiso do Goberno local de manter unha interlocución aberta e constante coas bandas", denunciando "non só o desmantelamento deste servizo público, senón o intento do Concello de Vigo por afundir a música local e de base”.

Despois de que o alcalde Abel Caballero negara as críticas lanzadas polos usuarios, o colectivo considera que o intento de “desacreditar e de tachar de mentirosos aos músicos e usuarios de Vigosónico” agrupados na plataforma “so vén a confirmar o nulo interese do Concello na música da cidade e en axudar á mesma, logo de terse visto obrigado a reanudar o servizo só a raíz das protestas e accións constantes de Grupos de Vigo en Loita”. “En vez de reunirse connosco e recoller as nosas demandas, só intenta reiteradamente infravalorarnos e atacarnos”, conclúen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.