As cinco salas de ensaio de Vigosónico reabrirán o 3 de maio, despois de máis de dous anos de peche e con máis de dous meses de atraso en relación aos anuncios realizados polo Concello
As cinco salas de ensaio de Vigosónico reabrirán as súas portas o vindeiro 3 de maio, despois de máis de dous anos de peche e con máis de dous meses de atraso en relación aos anuncios realizados polo Concello de Vigo. O Goberno municipal vigués anunciou este martes a reapertura do espazo, que viña sendo demandado por un gran número de bandas e artistas da cidade que ata marzo de 2020 facían uso das instalacións.
Nos últimos meses a plataforma Grupos de Vigo en Loita levou a cabo varias concentracións de protesta, así como encontros con grupos políticos e co propio Goberno local para reclamar a reapertura das instalacións, que permanecían pechadas dende que en marzo do ano 2020 comezara a pandemia de COVID. O colectivo denunciara “o desinterese absoluto" do Concello "por dar o servizo que demandan as bandas de Vigo". O Goberno local comprometérase en xaneiro a que as salas reabrirían a finais de febreiro, pero finalmente esta repaertura se atrasou dous meses máis, ata o devandito 3 de maio.
O colectivo 'Grupos de Vigo en Loita' denunciara “o desinterese absoluto" do Concello "por dar o servizo que demandan as bandas de Vigo"
O alcalde, Abel Caballero, explicou que os grupos interesados en ensaiar en VigoSónico deberán cubrir -desde este martes e ata o 1 de maio- un formulario online solicitando o día e franxa horaria de preferencia. A inscrición pode realizarse a través da web de Xuventude do Concello de Vigo. O Goberno local que as salas contan agora con sistemas de medición de CO2 en tempo real conectados cun ordenador central. No caso de superar os niveis máximos será preciso baleirar a estancia para renovar o aire.
As salas de ensaio estarán dispoñibles os martes, mércores, xoves, sábados e domingos, pois os venres o espazo está ocupado cun curso de "emprendemento musical", criticado polos usuarios de Vigosónico
As salas de ensaio estarán dispoñibles os martes, mércores, xoves, sábados e domingos, pois os venres o espazo está ocupado cun curso de "emprendemento musical" que organiza a Fundación Paideia en colaboración co Concello. Precisamente a organización deste curso fora outro dos motivos de crítica do colectivo de grupos musicais da cidade, que hai uns días sinalaba que “as bandas de Vigo non precisamos coaching, o que precisamos é o debido apoio das institucións públicas". Ademais, lembraba que o venres é un dos días nos que as salas son máis necesarias, debido a que é o momento no que máis xente ten dispoñibilidade para ensaiar.
As de Vigosónico son as únicas salas de ensaio públicas existentes na cidade
Vigosónico comezou a funcionar no ano 2011, cun investimento de 1,4 millóns de euros, pero dende o inicio denunciáronse diversas eivas estruturais no edificio, uns problemas (por exemplo, de humidade) que se mantiñan no ano 2020. As de Vigosónico son as únicas salas de ensaio públicas existentes na cidade, despois de que nos últimos anos pechasen as de Súbete ó Castro (en 2015) e as da Casa da Xuventude (no ano 2017).