Dende hai meses as bandas e artistas que facían uso das salas de ensaio de Vigosónico reclaman a reapertura destas instalacións municipais, pechadas dende o inicio da pandemia, en marzo do ano 2020. Neste tempo constituíuse a plataforma Grupos de Vigo en Loita, que levou a cabo concentracións e encontros con representantes do Goberno municipal e dos distintos grupos políticos para demandar a súa posta en servizo.
As salas de ensaio municipais de Vigosónico permanecen pechadas dende o inicio da pandemia, en marzo do ano 2020
Este mércores levaron a cabo unha nova protesta, desta volta, nas propias instalacións de Vigosónico, lembrando que o Concello está a incumprir en case dous meses o seu compromiso de reabrir as salas de ensaio a finais de febreiro. O colectivo afirma que seguirá protestando “ata a recuperación do servizo nas condicións dignas prometidas”, anunciando que proximamente realizará diversas accións reivindicativas.
Grupos de Vigo en Loita denuncia que o goberno municipal nin sequera responde ás súas peticións de información e critica “o desinterese absoluto non só por dar o servizo que demandan as bandas de Vigo, senón simplemente por atender ás súas demandas e ter a máis mínima comunicación con elas". A plataforma chama a atención sobre o "contraste co triunfalismo trasladado polo alcalde aos medios de comunicación" hai uns meses, cando anunciou a reapertura "inminente" das salas. "Os feitos, finalmente, son os que son, e as salas seguen pechadas e sen ningunha perspectiva de abrir”, sinalan.
En paralelo, dende o mes de febreiro as instalacións de Vigosónico acollen un curso de "emprendemento musical" organizado xunto coa Fundación Paideia, unha actividade anunciada polo Concello de Vigo como un servizo para as mesmas bandas que estaban a usar as salas de ensaio pechadas, pero que é duramente criticada pola plataforma: “as instalacións de Vigosónico están ocupadas por un curso para empresas que ninguén pediu, e que demostra o descoñecemento e o nulo interese por parte do Concello de coñecer o tipo de bandas que empregaban estas instalacións”.
“As bandas de Vigo non precisamos coaching, o que precisamos é o debido apoio das institucións públicas, un apoio que ata o momento non se deu en absoluto, polo que precisamos feitos, non palabras”, di a plataforma
“As bandas de Vigo non precisamos coaching, o que precisamos é o debido apoio das institucións públicas, un apoio que ata o momento non se deu en absoluto, polo que precisamos feitos, non palabras”, engaden. A celebración deste curso, ademais, impedirá a utilización das salas (no momento en que abran) os venres pola tarde, "un dos días de maior dispoñibilidade da xente para ensaiar", critica a plataforma.
Durante os últimos dous anos o Goberno municipal xustificou o peche das instalacións debido á situación sanitaria derivada do Covid-19. Porén, o remate da pandemia "demostra que o Concello estaba mentindo, pois xa anunciaron a bombo e platillo que xa se daban as condicións para a reapertura, e pola contra seguen pechadas", sinala a plataforma.
Un espazo de 1,4 millóns de euros con eivas estruturais e pechado dende hai dous anos
Vigosónico comezou a funcionar no ano 2011, cun investimento de 1,4 millóns de euros, pero dende o inicio denunciáronse diversas eivas estruturais no edificio
Vigosónico comezou a funcionar no ano 2011, froito dun convenio entre Concello e Xunta dentro do programa Rede Galega de Salas de Ensaio. Localizado fóra da cidade, investíronse 1,4 millóns de euros nunhas instalacións con capacidade para 200 grupos que inclúen 5 salas de ensaio insonorizadas e un estudio de gravación, entre outros espazos.
Porén, dende o inicio denunciáronse diversas eivas estruturais no edificio, que afectaban ao subministro de electricidade e auga, e tamén unha excesiva humidade e pingueiras, que poñían en risco o bo estado dos materiais almacenados. Vigosónico foi xestionado pola empresa Atlantic Ponte 2000 entre 2014 e 2020 grazas á unha adxudicación pública, ata que en maio de 2020 a xestión é concedida a Xérmolo Dinamización Sociocultural.
O 12 de marzo de 2020, debido ao inicio da pandemia de Covid-19, as instalacións pechan as súas portas, ao igual que o resto de equipamentos culturais e outros servizos. Porén, Vigosónico non volveu abrir as súas portas. De feito, nin sequera se permitiu durante 8 meses a recollida do material (instrumentos musicais e outros equipos) almacenados nas instalacións. Só a partir do 15 de novembro foi posible recuperalo e nalgúns casos presentaba danos debido á humidade que mantiña o almacén. Polo camiño, ademais, paralizouse e cancelouse definitivamente a concesión de Xérmolo Dinamización Sociocultural e aínda non se volveu ofrecer a posibles entidades interesadas.
Durante 8 meses as bandas non puideron nin sequera recoller o material almacenado no espazo, que nalgúns casos presentaba danos debido á humidade
Despois de case dous anos de peche, o 11 de xaneiro de 2022 consituíuse a plataforma Grupos de Vigo en Loita para demandar a reapertura das salas. Dúas semanas despois o pleno municipal debateu unha moción neste senso, que contou co voto favorable de todos as forzas da oposición, pero que foi rexeitada pola maioría absoluta que mantén o grupo de Abel Caballero. O Goberno local xustificou a súa negativa en que había unha porcentaxe de mozos e mozas que aínda non recibir a terceira dose da vacina e que os espazos de Vigosónico non foran acondicionados de acordo ás medidas sanitarias vixentes. Con todo, prometeu a reapertura para finais de febreiro, un compromiso incumprido ata agora.
As salas da Casa da Xuventude e de Súbete ó Castro, tamén pechadas
As salas de ensaio de Súbete ó Castro pecharon en 2015 e as da Casa da Xuventude fixérono no ano 2017
As de Vigosónico non foron as primeiras salas de ensaio que tivo Vigo nos últimos anos. No ano 2000 a Casa da Xuventude abriu unha dentro do programa 'Móvete con Vigo', con capacidade entre 15 ou 25 grupos. Resultou todo un éxito, en parte pola súa céntrica localización, e estivo en funcionamento ata que no ano 2017 finalizou a concesión da xestión da Casa da Xuventude e do Punto Xoven.
De igual xeito, no ano 2002 abriu unha sala de ensaio nas instalacións de Súbete ó Castro baixo o programa TocaVigo. Ten capacidade tamén entre 15 e 25 grupos e no seu exterior comezan a promoverse concertos ao aire libre baixo o nome de Castroconcertos, cun grande éxito, dando ademais oportunidade a moitas novas bandas para darse a coñecer. No 2008, por exemplo, esta iniciativa acolleu as actuacións de 68 grupos. Porén, no ano 2014 as instalacións de Súbete ó Castro pecharon debido a unha supostas obras de reforma. O peche temporal converteuse en definitivo e o espazo continúa clausurado.