As persoas socias das bibliotecas municipais da Coruña poden acceder a un fondo online de dez mil películas e series

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, este luns na presentación da plataforma Coruña eFilm © Concello da Coruña

A cidadanía da Coruña ten acceso dende este luns a unha plataforma pública de visionado online de películas e series a través do servizo de bibliotecas municipais

Nin Netflix, nin HBO, nin Disney+, nin Amazon Prime. A cidadanía da Coruña ten acceso dende este luns a unha plataforma pública de visionado online de películas e series a través do servizo de bibliotecas municipais. Vén de presentarse a plataforma de streaming Coruña eFilm, que ofrece ás persoas socias das bibliotecas da cidade un fondo de máis de doce mil películas, series e documentais que poden ver de balde dende os seus fogares a través de calquera dispositivo. Iso si, cun límite de títulos por persoa: cada usuaria ou usuario poderá coller prestadas dúas películas ou dous capítulos de series á semana.

Entre os contidos que podemos atopar no catálogo vemos, por exemplo, algúns destacados títulos galegos dos últimos anos, como Eroski-Paraíso, Nación, Esquece Monelos, Los muertos van deprisa ou Lúa vermella. E tamén filmes de éxito internacional, coma Cold War, Toni Erdmann, A candidata perfecta ou Só nos queda bailar.

Portada da web da plataforma Coruña eFilm © Concello da Coruña

A alcaldesa, Inés Rey, destacou na presentación de Coruña eFilm que a plataforma “revolucionará o préstamo de películas e series nas nosas bibliotecas”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou na presentación de Coruña eFilm que a plataforma “revolucionará o préstamo de películas e series nas nosas bibliotecas”, sinalando que "a posta en marcha deste servizo supón manter o compromiso cos seus usuarios e usuarias de cara a ofrecer unha colección actualizada e dinámica, adaptada ao presente e que cubra todas as necesidades de información, formación e lecer posibles”.

Hai un límite de títulos por persoa: cada usuaria ou usuario poderá coller prestadas dúas películas ou dous capítulos de series á semana, que estarán dispoñibles entre 48 e 72 horas, segundo o tipo de alugueiro

Unha vez iniciada a sesión, pódese coller prestada calquera película do catálogo, sempre que se cumpra o requisito de idade que marca o carné da biblioteca. Unha vez seleccionado o filme, pódese escoller o idioma e os subtítulos cando están dispoñibles. Poderase pausar a reprodución e retomala en calquera momento desde o mesmo punto. A película estará dispoñible entre 48 e 72 horas, segundo o tipo de alugueiro.

Coruña eFilm ten un buscador integrado no que se pode procurar unha película ou serie concreta por título, dirección ou reparto. Todo o contido está organizado baseándose en xéneros e listaxes pensadas para acceder a aquilo que se adapte mellor aos intereses do usuario ou usuaria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.