A existencia de Avelino Pousa Antelo transcorreu paralela á propia evolución do noso país dende os adolescentes anos 10 do século pasado ata á actualidade. O Lucho do Peto foi testemuña directa e activa do esperanzador galeguismo anterior á Guerra Civil que o alzamento embozou. Nos tempos da infamia, traballador irredento. Profesor, intelectual, político e, sobre todo, galeguista. Dende a Fundación Castelao, que el mesmo presidía, ocupábase de manter acesa a chama do rianxeiro. Tamén forma parte das fundacións Fernández Florez, Pedrón de Ouro e Alexandre Bóveda. Figura transcendental, xa que logo, da cultura galega contemporánea, Pousa Antelo sobresaíu polo seu carácter agrarista, sempre preocupado polo campo galego. Valen ou non as cooperativas de esplotación comunitaria pra o campo galego? e Galicia, tarefa urxente son dúas das obras máis nomeadas de quen pretendeu informar e educar, a partes iguais, ás xentes do agro -e aos que mandaban- dos avances que el cría necesarios para a evolución socioeconómica do rural galego.
Nado no mesmo Val de Barcala, no lugar de Seoane, concello d’A Baña, en 1914 o Lucho do Peto (alcumado así por unha deriva de Avelucho e polo peto de ánimas que tiña a casa familiar a carón da porta) entrou con 12 anos no Seminario de Santiago de Compostela, aprobando seis cursos en cinco anos. Convencido de que a sotana non lle acaía ben, ingresou na Escola Normal en 1931. Catro anos máis tarde, obtivo o título de Mestre de Ensino Primario, e só a sublevación militar impediu que o mozo Avelino lograra praza tras opositar ao Maxisterio Oficial, exame que foi anulado pola contenda fraterna.
Dezasete anos tiña Pousa Antelo cando asistiu a un mitin no Teatro Principal de Santiago no que subiron ao estrado xente como Castelao, Vilar Ponte ou Valentín Paz Andrade
Por aquel entón, ao noso home xa lle picara o aguillón galeguista. A avespa atopou carne, concretamente, un 10 de maio de 1931. Dezasete anos tiña Pousa Antelo cando asistiu a un mitin no Teatro Principal de Santiago no que subiron ao estrado xente como Castelao, Vilar Ponte ou Valentín Paz Andrade. Como resultado do profundo que calaron no seu prodixioso cerebro as ideas de tales pais da patria, Avelino ingresa inmediatamente nas Mocidades Galeguistas (tres anos despois converterase en secretario xeral da organización no seu “recanto matricial” barcalés), comeza a colaborar co Seminario de Estudios Galegos e entra con todas as da lei a formar parte do Partido Galeguista. Como proba da paixón e o compromiso esquerdista do Lucho do Peto vale a anécdota que relata o escritor Valentín Arias sobre unha pelexa que Avelino mantivo no 1935 cun grupo de falanxistas na Universidade de Santiago que, a propósito do Estatuto catalán, proferían berros de “Morra Cataluña autonómica!”. Pousa Antelo, chantado ante eles, non dubidou en replicar: “Morra Cataluña española! Viva Cataluña ceibe!”.
Durante a campaña das eleccións xerais de febreiro do 36 véuselle de cotío en mitins e manifestacións antifascistas, participando de xeito activo e convencido
Durante a campaña das eleccións xerais de febreiro do 36 véuselle de cotío en mitins e manifestacións antifascistas, participando de xeito activo e convencido. Tampouco se escondeu nos dous meses seguintes, mesmo cando aos soldados –xa fora chamado a quintas- lle estaba terminantemente prohibido participar en actividades políticas. É mais: foron frecuentes as súas publicacións e intervencións radiofónicas a prol do Estatuto de Autonomía de Galicia.
Os anos da infamia pasounos carrexando cadáveres na fronte, en Ávila. Caneou á morte segura reintegrándose no cuartel e mandárono ao Guadarrama a conducir tractores con defuntos. Non disparou un só tiro en toda a contenda, nin tampouco o recibiu. A guerra, porén, esnaquizou o soño galeguista que el colaborara en deseñar nos seus tempos de mozo.
No 41 opositou de novo ao Maxisterio Público mais non obtivo praza por unha mal intencionada recomendación que un crego da Barcala fixo chegar ao tribunal: “perigoso roxo separatista”
Os anos de mestre rural
Liberárono do exército no 39. No 41 opositou de novo ao Maxisterio Público mais non obtivo praza por unha mal intencionada recomendación que un crego da Barcala fixo chegar ao tribunal: “perigoso roxo separatista”. Tres anos despois, na segunda convocatoria tras da guerra, Pousa Antelo facíase cun posto presentándose en Lugo, moi lonxe da súa terra natal.
Os anos seguintes á consecución da praza pasounos don Avelino rotando por escolas dos catro costados de Galicia. Entrementres, verquía as súas inquedanzas intelectuais en diversos medios locais, tanto escritos como falados, compoñía poemas, tocaba instrumentos, organizaba obras de teatro. Todo era pouca para manter o seu espírito aceso na longa noite de pedra.
O proxecto de colexio rural de don Avelino botaba a andar o 1 de febreiro de 1948, e duraría sete anos ben exitosos nos que o modelo foi copiado en moitos máis lugares de Galicia
O seu destino mudou de súpeto cando lle foi encomendada a dirección dunha escola no concello de Sarria. Convencido da súa capacidade para implantar na mesma o ideario que con tanta paixón defendera os anos anteriores, Pousa Antelo preparouse a conciencia para tal cometido. Estudou, informouse e, finalmente, redactou o Plan de trabajo escolar para la Escuela de Barreiros. O proxecto de colexio rural de don Avelino botaba a andar o 1 de febreiro de 1948, e duraría sete anos ben exitosos nos que o modelo foi copiado en moitos máis lugares de Galicia.
O agro galego como única preocupación
Avatares da vida, Pousa Antelo decidiu cambiar a Granxa-escola de Barreiros polo Maxisterio Nacional. Conferíuselle a escola de La Perdoma, en Orotava, illa de Tenerife. Corría o ano 1955, e para alá marchou coa súa muller Nora, coa que casara nove anos antes, e cos seus cativos. Catro anos pasou fora da península, mesturando a súa laboura como docente coa de técnico agropecuario. Quizais o gusto que lle colleu a isto último, en 1959 Pousa Antelo solicitou excedencia e voltou a Galicia. En Lugo, Semillas Selectas S.A. contratouno para a promoción dos seus produtos.
Continuou a súa tarefa investigadora sen descanso. O agro galego pasara a ser xa a súa única preocupación. El, brazo intelectual –e non menos executor, por certo-, unha caste de teórico do campo, publicou decenas de traballos en xornais como La Noche, de Santiago, que lle valeron premios xornalísticos tales como o Ramon Mourente en 1961 (polo seu texto Producción agropecuaria de Galicia: ideas para modificar su estructura e incrementar el nivel de la renta campesina) e o Luís Sánchez Harguindey no 63. A súa coñecida maña coas cuestións agrarias valeulle un ano despois dirixir un proxecto financiado por lugueses en Aragón: a empresa Agropecuaria Industrial del Valle del Ebro (AIVESA). Volta a facer as maletas. Outros cinco anos lonxe da terra, pero non por iso pouco aproveitados.
Foi precisamente durante a súa estadía en Pina del Ebro (Zaragoza) cando, titulado en Xerencia de Empresas Cooperativas, redactaría a súa tese Valen ou non as cooperativas de esplotación comunitaria pra o campo galego?, editada finalmente con ese nome en 1971. Auténtica biblia do cooperativismo agrario galego, pódese sinalar como o traballo máis nomeado de Pousa Antelo, e que non só lle reportou converterse nun dos libros máis vendidos na historia da Editorial Galaxia, senón tamén recoñecementos por parte de colegas seus como o relativamente actual do outorgamento da Insignia de Ouro e Esmalte da Unión de Cooperativas, Unión de Cooperativas Agrarias (AGACA), en 1998. Un premio, máis que nada, a toda unha vida dedicada ao cooperativismo como modelo vital, non xa só como medio de produción contraposto ao capitalismo. En 1969, Pousa Antelo volta ao Maxisterio. Pasa un ano nunha escola aragonesa e en 1970 retorna a Galicia, sendo Pontecesures o seu último destino antes de xubilarse (1983).
Dende 1935, que publica Política e pedagoxía en Galicia, o caudal ensaístico de don Avelino é inxente. Resulta practicamente imposible citar un só medio de comunicación galego no que Pousa Antelo non estampara a súa firma escribindo sobre o seu tema favorito: a educación dos galegos. Resulta así mesmo igual de complicado mencionar cidades historicamente segunda patria de galegos emigrados nas que o Lucho do Peto non levara a conferencias e discursos o seu galeguismo cariñoso. Fiestra ou Galicia, tarefa urxente son outras das obras imprescindibles do barcalés.
A súa actividade política
No tocante á súa actividade política, se ben é certo que nunca desempeñou cargos públicos xa que a súa participación era nomeadamente intelectual, non por iso deixou de influír. Chegou incluso a ser presidente do novo Partido Galeguista, entre 1979 e 1983.
Divertido coma ningún, din os que o coñeceron ben que era un remuíño de entusiasmo, activo e sempre disposto a axudar a quen foran na súa procura na busca de luz sobre a súa persoa ou sobre a Galicia que lle tocou vivir
Dicíamos que aquel mitin do 31 en Compostela marcara para sempre a Pousa Antelo. A admiración e, posteriormente, profunda amizade que o noso home compartiu con Afonso Daniel Rodríguez Castelao desembocou, a partir de 1986, na Fundación Castelao, presidida na actualidade por don Avelino e defensora a ultranza da cultura galega, como non podía ser doutro xeito.
Na actualidade, tocando coa xema dos dedos o século de idade, Pousa Antelo mantiña a memoria dun mozo. Divertido coma ningún, din os que o coñeceron ben que era un remuíño de entusiasmo, activo e sempre disposto a axudar a quen foran na súa procura na busca de luz sobre a súa persoa ou sobre a Galicia que lle tocou vivir. Ese foi o seu proxecto ao longo de toda a súa existencia: Galicia, os galegos. Non en van, a tarefa de todo mestre consiste en dedicarse aos demais. E o Lucho do Peto viviu por e para elo.