'Blood Below the Skin' e 'Sound of a Million Insects', premios Curtocircuíto

Imaxe dos premiados e premiadas © Tamara de la Fuente

Curtocircuíto Festival Internacional de Cine anunciou este domingo no acto de clausura os seus premiados e premiadas. A sección oficial divídese en dúas categorías, unha para filmes experimentais (Explora) e outra para traballos máis narrativos (Radar), sendo estas as principais seccións do festival. O primeiro destes premios foi para Sound of a Million Insects, Light of a Thousand Stars, un filme xaponés de Tomomari Nishikawa con motivos visuais moi poéticos, que utiliza un rolo de celuloide enterrado durante moito tempo en Fukushima. Por esta razón, os membros do xurado decidiron que debían compor un haiku como tributo ao filme:

"Corre o arroio
sopra o vento
flotan as nubes
bate o corazón,
nada morrerá"

O premio consiste nun trofeo e 3.000 euros. Ademais, o xurado decidiu dar dúas mencións a Embargo de Johann Lurf e Scrapbook de Mike Hoolboom, quen foi obxecto dunha retrospectiva o pasado ano en Curtocircuíto.

Un dos premios foi para Sound of a Million Insects, Light of a Thousand Stars, un filme xaponés de Tomomari Nishikawa con motivos visuais moi poéticos, que utiliza un rolo de celuloide enterrado durante moito tempo en Fukushima.

O premio Radar recaeu en Blood Below the Skin de Jennifer Reeder, que tamén recibirá 3.000 euros e trofeo. Dado o alto nivel da selección, o xurado decidiu dar tamén dúas mencións nesta categoría. Estas foron para La impresión de una guerra de Camilo Restrepo e Becoming Anita Ekberg de Mark Rappaport.

 

Talento galego

O terceiro xurado oficial tiña que elixir entre as películas galegas na selección. Decidiron que a opción máis axeitada era Sin Dios ni Santa María de Helena Girón e Samuel M. Delgado, dando esta motivación: "Voces do pasado e imaxes do presente encóntranse no limbo atemporal do mito. Esta película consegue algo aparentemente imposible: filmar o pasado". Os directores recibiron un trofeo e 2.000 euros. O xurado galego sumou unha mención a Proba de axilidade de Jaione Camborda porque "esconde tras unha aparente lixeireza e espontaneidade, unha intelixente reflexión que consegue convertir o cotián dunha proba de axilidade nunha lúdica reflexión sobre o animal e o humano".

Pero estes non foron os únicos premios galegos da noite. O premio da crítica CAMIRA (Cinema and Moving Image Research Assembly) foi para Noite Sem Distância de Lois Patiño, o que é sorprendente, dado que debían elixir de entre todos os títulos da competición internacional. As asociacións rexionais profesionais de escritores (AGAG) e directores (CREA) premiaron a Cruz Piñón de Xisela Franco e O descubrimento de Américo de Miguel Mariño. Estes premios son de 500 euros cada un. 

Curtocircuíto tamén ten o seu propio xurado novo, que dá un premio de 1.000 euros. Os mozos xurados deixáronse sorprender por Swimming in Your Skin Again de Terence Nance. Tamén deron unha mención a La isla está encantada con ustedes de Alexander Carver e Daniel Schmidt. O premio Gadis do público recaeu en Sin Dios ni Santa María, que sumou un segundo galardón, este último cun valor de 1.500 euros

Imaxe dos premiados e premiadas © Tamara de la Fuente

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.