Bota a andar o primeiro Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego

Imaxe do Premio Autobán © Asociación Cultural Autobán

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, vén de crear o I Premio Autobán ao mellor fanzine galego 2023-2024

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, vén de crear o I Premio Autobán ao mellor fanzine galego 2023-2024, un novo certame pioneiro no sector da autoedición no que poden participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de maio de 2024.

O premio ten unha dotación económica de 1.250 euros e un trofeo personalizado pola artista Aisha Rey (gañadora da última edición do Combate de Debuxantes de Autobán). O prazo para a preinscrición en liña (ata un máximo de tres obras por participante) estenderase do 27 de maio ao 16 de xuño e poderá realizarse a través desta ligazón.  

Edición 2023 do Festival Autobán © Asociación Cultural Autobán

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado, que naceu no ano 2014 e que se celebran todos os meses de agosto, coincidindo co Viñetas desde o Atlántico. É dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material

O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine serán libres e a persoa gañadora do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer no mes de agosto durante un acto de entrega no marco da edición de verán 2024 do Festival Autobán. As bases do I Premio Autobán poden consultarse nesta ligazón.

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado, que naceu hai xusto unha década, no ano 2014, e que dende entón se vén celebrando todos os meses de agosto, coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O Festival Autobán propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.

O pasado ano a iniciativa constituíuse como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas

O pasado ano a iniciativa constituíuse como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.

A asociación promove tamén iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.

Imaxe do Autobom, celebrado hai dúas semanas © Asociación Cultural Autobán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.