Principiaban os anos 80 do século pasado cando Brath, a banda liderada por Eloi Caldeiro, comezou a facer música folk en "irmandade" con "instrumentos que ata daquela estaban reservados para o rock". "Toda unha revolución", cren agora, con catro décadas de distancia e experiencia.
Esas catro décadas están moi presentes, dende o título, no novo traballo de Brath 40+3 . "Representa os anos que levamos percorrendo os escenarios de medio mundo" e volve traer consigo "música que afunde a súa raíz na tradición galega", o cal non impide "que se mesture con outras músicas e ritmos do mundo".
Como adianto do novo álbum, Brath lanza o seu primeiro sinxelo, No val da brétema. "Fala do paso que nos agarda a todos, o paso do mundo dos vivos ao outro e a raia e o río", ilustran. Un tema musical que aborda o "tempo inexorable, que transcorre guiándonos cara a ese río que todos teremos que cruzar". Xa se pode escoitar no sitio web do grupo.
A banda liderada por Eloi Caldeiro publica 'No val da brétema' o primeiro sinxelo do seu novo disco, que xa se pode escoitar en internet: "Representa os anos que levamos percorrendo os escenarios de medio mundo"
No val da brétema, como o resto do disco, "mestura diferentes estilos musicais". Neste tema, detalla Eloi Caldeiro, "a música new age partilla co folk e a electrónica".
Brath continúa así unha andaina na que, evocan, acumulan máis de mil concertos en Galicia e fóra dela. Así, lembran, percorreron un amplísimo abano de festivais internacionais, entre eles algúns dos máis senlleiros da música celta como Ortigueira ou Lorient. Máis recentemente, en 2018, representarou a Radio 3 de RNE no festival EuroRadioFolk. Todo, nun percorrido que comezou como instrumental e ao que se incorporou a voz do propio Eloi Caldeiro dende 1999.