A obra Cándido y los demás, escrita por Fran Pintadera e ilustrada por Christian Inaraja, foi a gañadora do XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago e por Kalandraka, nunha decisión que o xurado adoptou por unanimidade. Os seus creadores recibirán 9.000 euros como adianto polos dereitos de autor e o proxecto galardoado publicarase este próximo mes de novembro nas cinco linguas peninsulares.
O xurado destacou a “variedade e calidade” dos traballos presentados ao certame, procedentes de 18 países, entre os que se atopan Italia, México, Brasil, Grecia, Gran Bretaña, Portugal, Rusia, Arxentina, Alemaña ou Canadá. Sobre Cándido y los demás sinalou que se “valora o tratamento da diferenza e da diversidade, a mirada dun mesmo cara aos demais, e dos demais cara a un mesmo”. Tamén resaltou a “contemporaneidade da linguaxe e da universalidade temática, o seu estilo directo, coherente, circular e a súa riqueza gráfica, cercana ao deseño actual”.
O xurado tivo unha lembranza especial á figura e ao legado literario do escritor Xabier P. DoCampo
O xurado estivo formado pola ilustradora italiana Arianna Papini, o ilustrador e editor Miguel Ángel Fernández-Pacheco, o ilustrador Xosé Cobas, o concelleiro de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago, Manuel Dios Diz, Manuela Rodríguez en representación de Kalandraka, e María Dolores Casás como secretaria. O xurado tivo unha lembranza especial á figura e ao legado literario do escritor Xabier P. DoCampo, ante a súa recente perda, ao recordar con “recoñecemento e gratitude” a súa estreita colaboración coa organización do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, sendo membro do xurado na primeira e mais na décima edición.
Finalistas e mencións
Ademais, o xurado declarou finalista o traballo presentado co lema La ensartadora de lágrimas, das italianas Anna Pedron e Franca Perini. Trátase dun poema breve “que fala da vida e da capacidade para transformar a dor en forza positiva”, presentado cunhas imaxes “moi suxestivas e elaboradas”. Así mesmo, tamén acordou conceder senllas mencións especiais ás obras presentadas cos lemas Ninguén coma min (autobiografía dun tirano), de José Ignacio Chao Castro (A Coruña) e Eva Sánchez Gómez (Barcelona), e A cidade conta histórias, de Susana Maria Seixas Matos (Lisboa).
Ao longo das dez edicións precedentes a cantidade de obras presentadas ao Premio Internacional Compostela supera os 3.000 traballos
A convocatoria do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado forma parte da Campaña Municipal de Animación á Lectura que promoven o Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago e Kalandraka dende hai 18 anos. Con esta iniciativa preténdese achegar a lectura, a ilustración e a escrita ao escritura ao público infantil, ademais de desenvolver a súa sensibilidade artística. Ao longo das dez edicións precedentes a cantidade de obras presentadas ao Premio Internacional Compostela supera os 3.000 traballos. Cerca, de Natalia Colombo; Un gran soño, de Felipe Ugalde; A familia C, de Pep Bruno e Mariona Cabassa; A viaxe de Olaf, de Martín León Barreto; Bandada, de David Álvarez e Julia Díaz; Mamá, de Mariana Ruiz Johnson; Ícaro, de Federico Delicado; Despois da chuvia, de Miguel Cerro; Unha última carta, de Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi; e A horta de Simón, de Rocío Alejandro, son os títulos que forman parte da historia do certame.