Carlos Valcárcel, fotógrafo da vida galega que foi

Carlos Valcárcel, na presentación do seu libro 'Fotografía etnográfica 1960-1980', en febreiro de 2020 no Museo de Lugo. Imaxe divulgada pola Editorial Canela para difundir o acto © Editorial Canela

Valcárcel, falecido aos 92 anos, foi fotógrafo de vocación e oficio aínda que non o fose de profesión, referente para profesionais e documentalista excepcional da Galicia do século XX

Non todas as imaxes de Fotografía etnográfica 1960-1980, a escolma de case duascentas fotografías de Carlos Valcárcel publicadas pola Editorial Canela en 2019, están datadas ou descritas con precisión. A idade xa avanzada do autor lucense no momento do edición da obra e o seu amplísimo arquivo impediron facelo con todas elas. Pero ninguén que se achegue a elas cun mínimo contexto dubidará de que se trata de fotos tomadas en Galicia, protagonizadas por xentes que vivían en vilas e cidades galegas, de escenas dunha vida galega que foi e que en boa medida, xa non é.

O pasado domingo, 28 de novembro, a editorial e a familia do autor confirmaban a súa morte aos 92 anos de idade. A ocupación profesional de Valcárcel non era a de fotógrafo, senón a de empregado de banca. Pero a súa afección pola fotografía virouno en mestre desta arte. Primeiro no seu tempo de lecer e tamén tras a súa xubilación, foi fotógrafo de vocación e oficio, referente para profesionais e documentalista excepcional da Galicia do século XX.

A Feira de Santos de Monterroso nos anos 60 do século pasado, por Carlos Valcárcel. Fotografía difundida pola Editorial Canela como parte da promoción do libro 'Fotografía etnográfica 1960-1980' © Carlos Valcárcel / Editorial Canela

As súas fotografías en branco e negro, boa parte tomadas na cidade de Lugo e a súa contorna, mais tamén en puntos da Costa da Morte ou da Barbanza, fálannos de paisaxes desaparecidas, de oficios, da vida. Da xuventude a mocear na Feira de Santos de Monterroso ou dos zoqueiros a vender o seu produto no San Froilán. Dos bailes nas festas ou dos sorrisos entre sacrificadísimos traballos do agro. 

Valcárcel retratou a vida sen adozar, pero con acabados fermosos e técnica profesional

Mais tamén retratou Valcárcel aos xitanos do Carqueixo tratados como cidadáns de segunda. O traballo infantil, a ancianidade prematura, as viúvas do mar ou as vías de comunicacións atrasadas na Galicia abandonada á súa sorte pola ditadura. A vida, ao cabo, sen adozar pero con acabados fermosos e técnica profesional, a mesma da que tamén falou no seu blog durante algo máis dunha década, que explicou nas redes sociais ata unha idade moi avanzada ou que compartiu con quen foron os seus discípulos no oficio de fotografar.

Carlos Valcárcel foi recoñecido, sobre todo, polos seus compañeiros e amigos. Mais tamén con diversos premios tanto profesionais como institucionais; un dos últimos, a distinción como fotógrafo histórico pola Deputación da Coruña en 2017. Neste mesmo verán, a editorial que recompilou o seu traballo divulgou polo miúdo o traballo para dixitalizar os seus fondos.

Carlos Valcárcel, en 2017 ao ser recoñecido como Fotógrafo Histórico pola Deputación da Coruña. Na imaxe, con Goretti Sanmartín, na altura vicepresidenta e responsable de Cultura da institución © Deputación da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.