Chané retorna da Habana a Santiago, o seu berce

Imaxe promocional do concerto cun retrato de Chané Dominio Público Praza Pública

Aos cen anos do pasamento do compositor, a praza da Quintana acolle este sábado un concerto con repertorio inédito que só poderá verse de novo o 3 de agosto na praza de María Pita da Coruña

O compositor galego José Castro González, Chané, (Santiago, 1856 – Habana, 1917) volverá a escoitarse na súa cidade natal este sábado pola noite. Farao na voz de Rosa Cedrón e no son dun conxunto de 16 músicos de distintas nacionalidades, capitaneados polo pianista cubano Alejandro Vargas e con Ramón Pinheiro como director artístico do proxecto. Cen anos despois do pasamento do artista, a Central Folque, apoiada pola Deputación da Coruña e polos concellos de Santiago e A Coruña, homenaxean a que é unha das figuras fundamentais da música popular galega co espectáculo Chané na Habana.

A estrea do espectáculo será este sábado ás 22.00 horas na Praza da Quintana e no marco das Festas do Apóstolo. Alí, Rosa Cedrón, Alejandro Vargas, José Manuel Díaz, Luis Alberto Legido, Javier Barral, Myquel Gonzáles –un dos trompetistas de jazz máis recoñecidos da escena musical cubana, salientan os organizadores- e a Camerata Egeria -unha selección de músicos da Real Filharmonía de Galicia coordinada polo contrabaixista Alfonso Morán- recuperarán para o público as creacións musicais de Chané.

“Será a primeira vez que se poida escoitar a totalidade da obra conservada do xenial compositor galego”, salientan os organizadores

Segundo salientan os organizadores, na Quintana escoitarase “un repertorio inédito para o que se realizou unha minuciosa pesquisa en arquivos galegos, cubanos, españois e norteamericanos” de xeito que “será a primeira vez que se poida escoitar a totalidade da obra conservada do xenial compositor galego”.

A entrada ao concerto da Quintana será libre e gratuíta, pero para ocupar unha das cadeiras que se colocarán para o concerto hai que retirar previamente a entrada nas taquillas do Teatro Principal. O de Santiago será o primeiro dos dous únicos concertos deste espectáculo musical. O segundo e último concerto será o 3 de agosto na Praza de María Pita da Coruña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.