Chantada celebrou as II Xornadas sobre o seu 'Folión de Carros'

Carroza do Folión de Carros de 1972 © Alfredo Pardo

O pasado sábado 7 de xullo celebrouse no Auditorio Municipal de Chantada a segunda edición das Xornadas organizadas pola Asociación Cultural Amigos do Folión, que baixo o subtítulo Etnografía e patrimonio na Ribeira Sacra do Miño, comezou co acto de inauguración onde o presidente da Asociación Manuel J. Vázquez Regal, estivo apoiado por distintas autoridades coma a deputada en Lugo Pilar García Porto, o Delegado territorial da Xunta de Galicia Jose Manuel Balseiro e o concelleiro de Cultura do Concello de Chantada, Manuel Diéguez.

Nas paredes da sala de exposicións colgaban as fotografías de Lida Castro (No carro un latexar) que reflicten “o sentimento de identidade e o arraigamiento de identidade e comunidade, unha exposición etnográfica onde cada carro recolle toda a súa cultura popular e a emoción colectiva de xente no corazón de Galicia”. As instantáneas de Lida Castro conforman o retrato máis íntimo, persoal e humano dos carroceiros en pleno Folión de Carros.

As instantáneas de Lida Castro conforman o retrato máis íntimo, persoal e humano dos carroceiros en pleno Folión de Carros

Tradición e postmodernidade

O Catedrático Emérito de Historia Contemporánea na Universidade de Valladolid, o chantadino Celso Almuiña Fernández, exerceu de mestre inaugural coa conferencia Tradicións e modernidade. Unha versión crítica, onde ofreceu unha dose de humildade aclarando conceptos do tradicionalismo desde os diferentes puntos de vista entre a antropoloxía e a historiografía.

Segundo Almuiña, a mirada do antropólogo “é unha destilación da esencia dos elementos que non cambian, mentres que o historiador observa os cambios dunha imaxe máis movida no tempo”. Na autodefinida Cátedra da Tradición é onde aumentan as discrepancias entre os esencialistas e os antropólogos.

Menciona Celso Almuiña a Eugenio d’Ors co aforismo tradicionalista de que “o que non é tradición, é plaxio” e a súa antítese con Maurice Baring que deixou escrito que “hai xente que ten no linguaxe costume de papagaio e na vida costumes de mono. Só din o que oíron a outros e só fan o que viron facer”. Dúas posicións confrontadas para a definición de tradición onde xoga un papel importante feitos pasados como o dereito de pernada no medievo, a existencia de escravos ou os rituais funerarios.

Celso Almuiña sinala que “non todo o que se di tradición é digno de conservarse xa que non teñen significación actual” para o que hai que saber distinguir entre o vello e tradición

Considera o conferenciante que actualmente existen “aberracións históricas” como diferentes recreacións en festexos (touradas, correr cintas ou o lance que se facía da cabra desde o campanario en Santa Cristina de la Polvorosa). Sinala que “non todo o que se di tradición é digno de conservarse xa que non teñen significación actual” para o que hai que saber distinguir entre o vello e tradición. Outro costume contemporáneo nos pobos e o seu afán folclórico é o de reproducir a Historia (Historicismos), “que son movementos reaccionarios que non lle gustan o presente e idealizan o pasado con ignorancia”.

A postmodernidade xorde despois da II Guerra Mundial que a sitúa entre 1968 e 2008 na procura dun novo concepto cultural onde se esquecen as tradicións en movementos contraculturais. Coa crise económica e de valores “aparece a nova Xeración Beat, un movemento de tránsito onde o mundo global (universalismo), o mapa político internacional, as novas comunicacións (internet) e o transporte fan que innovar é a excelencia”.

Hai unha esperanza no paradigma xaponés, “que a partir da tradición chega ao vanguardismo”. Así é como o modelo Faro-Miño (revitalización e posta en valor) en Chantada “aúna tradición e ruralismo para conservar as esencias non meramente nas formas nin refuxiándose no pasado"

Hai unha esperanza no paradigma xaponés, “que a partir da tradición chega ao vanguardismo”. Así é como o modelo Faro-Miño (revitalización e posta en valor) en Chantada “aúna tradición e ruralismo para conservar as esencias non meramente nas formas nin refuxiándose no pasado", senón modernizar “para aproveitar a localización da Montaña- Penilladura da Ribeira Sacra cos seus recursos (xeográficos, posicionais, humanos e culturais), cunha paisaxe, produtos e gandería destacando a agricultura e o viño mencía”.

As orixes

Fundamenta a calidade co amparo das denominacións de orixe do cal é precedente o chantadino Alfonso Matías que na década dos 60 “tuneaba a tenreira de Chantada que vendía en Madrid, ao saber poñer etiqueta ao seu produto e apostar pola calidade con denominación de orixe”.

Celso Almuiña di do Folión de Carros que “significan unha tradición onde están presentes esencias do pasado, unha conexión coas nosas raíces e pasado”, lembrando ás novas xeracións o que foi o pasado, pero sen repetilo. Quizais o máis sorprendente foi cando o catedrático sinalou que o Folión non é de orixe Medieval, senón do século XIX.

Quizais o máis sorprendente foi cando o catedrático sinalou que o Folión non é de orixe Medieval, senón do século XIX

A anécdota

No descanso (onde ofreceron café e todo tipo de bolería industrial)  zampei un donut de chocolate e un café con leite. Tras o cigarro (no exterior) a vexiga indicoume que fose urxentemente ao W.C. Ao entrar atopeime con Celso Almuiña descargando a súa e mentres me lavaba as mans (aínda que estrañe a moitos que un se lave antes e despois) díxenlle que me alegraba moito de que mencionase a errónea, repetitiva e indocumentada afirmación de que o Folión de Carros tivese a orixe na Idade Media.

Mentres Celso procedía ao saudable e recomendable lavado de mans postmiccional, servidor procedía a ouriñar mentres escoitaba os seus razoamentos chegando ambos á conclusión que proceden ou descenden máis dunha festa relixiosa (Corpus) cuxo proceso evolutivo levou á representación de oficios datada e documentada hoxe no ano 1859.

As mesas oratorias

Variadas e numerosas foron as mesas con achegas en distintos ámbitos como o do Patrimonio e etnografía na Ribeira Sacra do Miño composto polos responsables das festas do lume e os seus fachos como o de San Martiño de Vielos e as Fachas de Castelo; o Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra, as rutas de Maisquerománico e o Entroido Ribeirao.

Na mesa sobre Os animais de tiro no Folión de Carros: Normativa, características e problemática disertaron especialistas na materia como Mario Nogueira da gandería de Quiroga, o veterinario Efrén F. Vázquez e o gandeiro de Pesqueiras Castor Varela. Afirman que non existe unha norma regulamentaria para este tipo de festexos pero que con todo a saúde e benestar dos animais “está fundado pola moralidade e sentido común, cun transporte nas mellores condicións e prohibindo achegarse o público aos bois e sacar fotografías de preto”. Tamén destacan que o cambio de traxecto foi moi positivo, xa que á parte de ser acurtado evita pendentes excesivas.

No coloquio Folión de Carros: Evolución, significados e historias dos carroceiros distintas xeracións debateron por extenso do presente e pasado do Folión, as súas características tradicionais, a evolución na escenificación e a introdución en 1969 das plataformas. Partidarios e detractores das plataformas xeraron un animado debate de reflexión, que culminou coa ópera prima do director Alberto Alcántara co seu documental dedicado aos carroceiros, verdadeiros protagonistas e artífices de tan singular festexo.

Últimas deliberacións

Distintas xeracións debateron por extenso do presente e pasado do Folión, as súas características tradicionais, a evolución na escenificación e a introdución en 1969 das plataformas

A xornada estableceuse con desigual público asistente. Merece especial atención que os responsables do Auditorio (polo cal se esperou moitos anos) melloren e actualicen o sistema de audio xa que é nefasto. Desde a organización (xa que todo é mellorable) deberían pautar os tempos de intervención para que non se prolongue innecesariamente as Xornadas. Cónstame que desde a Asociación Amigos do Folión de Carros, están xa traballando para que todo isto teña realmente un recoñecemento académico apoiado por algunha Universidade e continúen difundindo o rico patrimonio que xa sexa dito de paso, non se tente suprimir os carros totalmente con plataformas. O Folión é de Carros non de Plataformas, poden convivir todas elas pero dalgunha maneira esa identidade que nos caracteriza como Capital do Carro se incremente e se manteña para futuras edicións.

 

O presidente da Asociación Amigos do Folión Manuel Vázquez, presentando o Catedrático Emérito da Universidade de Valladolid, o chantadino Celso Almuiña Dominio Público Alfredo Pardo
Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Chantada coa mostra fotográfica 'No carro un latexar', de Lidia Castro © Alfredo Pardo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.