"Chiflaso", "Ghicho", "Ghaldrumeiro", "Pisca-pisca"...: 'A fala de Vigo' recolle o galego falado na cidade do Val do Fragoso

Zonas microdialectais de Vigo © A fala de Vigo

Xosé-Henrique Costas recompilou léxico diferencial vigués, así como refráns e frases feitas como por exemplo "a chorar a Canghas", "quen che dera piche pola costa de Peniche",  "andar de laghareira/o", ou "xuntar allos con maravallos".

"En Vigo fálase galego, e moito", lembraban hai uns días dende Faladoiros, a iniciativa posta en marcha no 2020 para, simplemente, falar. Entre as actividades postas en marcha nos últimos anos houbo conferencias sobre a relación entre o galego e a cidade e unha delas, a realizada polo profesor Xosé-Henrique Costas, converteuse nun libro, A fala de Vigo.Trazos diferenciais da nosa variedade dialectal, unha obra que detalla as características do galego falado en Vigo e que afirma con rotundidade que “Vigo é moito máis que o centro urbano castelanizado, Vigo é tamén Rorís, A Falcoa, O Freixo, Moledo, Mide, Baruxáns, O Carballal, Redomeira ou Marcosende, o Vigo de sempre onde o galego é aínda a lingua habitual”.

Costas, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, traballou durante algúns meses recopilando léxico diferencial vigués, así como refráns e frases feitas propias da contorna viguesa, como por exemplo "a chorar a Canghas", "ir a Vigho por mirar Canghas", "quen che dera piche pola costa de Peniche", "a cabra co visio dá cos cornos no cu", "andar de ghavota", "andar de laghareira/o", "falou Varela", "quen cala fode a quen fala" ou "xuntar allos con maravallos".

Xosé-Henrique Costas na presentación do libro 'A fala de Vigo' © Uvigo

En canto ao léxico, a obra define arredor de 400 palabras de uso común en Vigo, algunhas exclusivas da cidade e outras comúns co suroeste de Pontevedra, incorporando tamén galicismos, anglicismos, xitanismos e castelanismos adaptados ao falar vigués

O galego de Vigo ten todas as características típicas da fala suroccidental galega, sendo o normal, por exemplo, dicir "miña irmán", "a mañán" ou "as rans" e empregar a gheada e o seseo. En canto ao léxico, a obra define arredor de 400 palabras de uso común en Vigo, algunhas exclusivas da cidade e outras comúns co suroeste de Pontevedra, incorporando tamén galicismos, anglicismos, xitanismos e castelanismos adaptados ao falar vigués. Os exemplos de palabras ‘propiamente viguesas’ son múltiples. Chiflaso, Delourar, Fanado, Fariñoque, Ghaldrumeiro, Ghichar, Marmanxo, Marreca, Pello, Petouraso, Pisca-pisca, ou o coñecido Ghicho.

Na presentación da obra, que tivo lugar hai unhas semanas, Xosé-Henrique Costas explicou, por exemplo que “cando un vigués di que se aluga un baixo lóbrego, non se refire a falla de luz como acontecería en calquera outro lugar galego, senón simplemente a que está totalmente baleiro, sen divisións”. De igual xeito, exemplificou que "en Vigo xogamos ao ‘pai-fillo-nai’ no canto de ao tres en raia, dicimos pelo no canto de mariola e prememos o pisca-pisca do coche no canto do intermitente”.

"En Vigo xogamos ao ‘pai-fillo-nai’ no canto de ao tres en raia, dicimos pelo no canto de mariola e prememos o pisca-pisca do coche no canto do intermitente”, di Costas

Na obra, Costas sinala que na fala de Vigo hai (ou había) dúas zonas lixeiramente diferenciadas: norte e sur, cunha zona de transición ou confluencia entre as dúas que denomina Fragoso mixto, onde poden coexistir sons ou voces de ambas as zonas. Ademais, as falas de Oia, Saiáns e Zamáns coinciden coas do Fragoso sur para iren converxendo coas solucións morfolóxicas e léxicas dos vales do Miñor (Gondomar, Nigrán e Baiona) e da Louriña (Mos, O Porriño e Salceda de Caselas).

Exemplo do glosario que inclúe a obra A fala de Vigo ©

"Estas cousiñas son as nosas, as que nos legaron os milleiros de viguesas e vigueses anónimos que viviron e traballaron nesta terra desde hai centos ou miles de anos. Coñecermos a súa herdanza é o primeiro paso para valorala, amala, recuperala, difundila e incorporala con orgullo á nosa vida cotiá de hoxe en día"

O autor conclúe dicindo que "a min faime moita graza cando alguén me pregunta: «¿Y tú eres de Vigo? Es que como hablas siempre en gallego…»", engadindo que "eu son de Mantelas (Freixeiro), e meus pais de Castreliños e das Espadeiras, e meus avós e bisavós e tataravós de Lavadores, de Sárdoma, de Castrelos, de Pereiró, de Teis, de Matamá e mesmo da Navia histórica".

E remata: "en Vigo temos unha variedade galega 'coas súas cousiñas', coma todas as áreas dialectais galegas. Pero estas cousiñas son as nosas, as que nos legaron os milleiros de viguesas e vigueses anónimos que viviron e traballaron nesta terra desde hai centos ou miles de anos. Coñecermos a súa herdanza é o primeiro paso para valorala, amala, recuperala, difundila e incorporala con orgullo á nosa vida cotiá de hoxe en día". 

Concibida como unha obra de divulgación, a pretensión é que o volume chegue a todos “os centros de ensino, asociacións veciñais, deportivas, musicais e culturais, e a todas as persoas curiosas, que queiran saber máis de como se fala o galego de Vigo”.

Imaxe de Vigo dende o alto CC-BY-NC Fran Eirín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.