"Dise que en Vigo non se fala galego, pero fálase e moito, tan só hai que saír á rúa para ver que o galego aínda está vivo en moitos lugares no día a día da nosa cidade. Hai que visibilizalo e romper esa mentalidade", di Irene Romero, unha das persoas que puxo en marcha Faladoiros Vigo
"Dise que en Vigo non se fala galego, pero fálase e moito, tan só hai que saír á rúa para ver que o galego aínda está vivo en moitos lugares no día a día da nosa cidade. Hai que visibilizalo e romper esa mentalidade". Irene Romero é unha das persoas que hai uns anos puxo en marcha Faladoiros Vigo, primeiro espazo informal para, simplemente, xuntarse e falar con outras persoas en galego, que debido ao seu éxito acabou por constituírse en asociación, desenvolvendo un número de actividades moito máis amplo.
En Vigo fálase galego? É certo que a cidade olívica é un dos lugares máis castelanizados do país. Os datos do IGE sobre uso e coñecemento da lingua, que coñecemos en outubro, indican que Vigo é a cidade cunha menor porcentaxe de falantes habituais de galego (aquelas persoas que só falan galego ou que falan máis galego que castelán), un 13,5% da poboación, por detrás de Ferrol (13,6%) e A Coruña (15,5%).
Porén, en cifras absolutas, atopamos que en Vigo -cidade máis poboada do país- hai aínda unha inxente cantidade de galegofalantes habituais, unhas 37 mil persoas, case a mesma cifra que en Santiago (41 mil) e máis que en Ourense ou A Coruña (36 mil).
"Había unha carencia de espazos de práctica de lingua galega para as persoas que queiran incorporarse á lingua nunha idade adulta, fóra do sistema educativo", destaca
En termos absolutos Vigo é, ademais, a cidade con máis persoas que falan galego algunha vez (descartando uniamente as que afirman falar só en castelán), unhas 135 mil persoas, por por riba das 94 mil da Coruña. E, igualmente, é a urbe na que máis persoas saben falar galego con corrección (as que afirman saber falalo moito ou bastante), unhas 198 mil.
Así pois, en Vigo si se fala galego. Con todo, as persoas que en 2020 puxeron en marcha os Faladoiros detectaban que facía falla un espazo no que a cidadanía que perdera contacto coa lingua puidese retomalo ou no que as persoas neofalantes se puidesen lanzar a falalo. "Había unha carencia de espazos de práctica de lingua galega para as persoas que queiran incorporarse á lingua nunha idade adulta, fóra do sistema educativo", explica Irene Romero en conversa con Praza.gal, na que apunta que tamén querían desbotar prexuízos sobre a presenza do galego na cidade: "queriamos que a xente fose consciente de que en Vigo hai bastante máis galego do que parece".
Nestes encontros participa todo tipo de persoas, comezando por "persoas que viran interrompida a transmisión interxeracional e que querían regresar á lingua que falaban os seus pais e nais"
Así naceu esta iniciativa, primeiro como unha experiencia de conversa nunha cafetaría ou outros espazos físicos, aínda que a pandemia obrigou a improvisar espazos virtuais nos que continuar os encontros. Co tempo, o éxito destas conversas online acabou por consolidar esta fórmula, en paralelo coa tradicional, de xeito que na actualidade a asociación organiza faladoiros presenciais os mércores as 20 horas no café de Catro a Catro (Rúa Girona, 16) e os xoves ás 18 horas na Cafetería da Escola Oficial de Idiomas (Avda. Emilio Martínez Garrido 17), e un faladoiro online os xoves ás 20 horas.
Nestes encontros participa todo tipo de persoas, comezando por "persoas que viran interrompida a transmisión interxeracional e que querían regresar á lingua que falaban os seus pais e nais", explica Irene Romero, que destaca que en Vigo, malia conservar moitas persoas o idioma, "hai tempo que a transmisión familiar se veu moi debilitada en moitos fogares" e que tamén existe moita diglosia, sendo o galego expulsado de moitos espazos.
Nos faladoiros virtuais dos xoves participan moitas persoas dende o estranxeiro que non queren perder o vínculo coa lingua ou que queren reconectar coas súas raíces familiares
Tamén participan moitas persoas que non falan galego ou que están a aprendelo e que se queren achegar á lingua. Nestes faladoiros sempre houbo participantes que procedían de fóra de Galicia e que viven en Vigo e, nas fórmulas virtuais, persoas que viven no estranxeiro, pero que queren conversar en galego. Neste grupo hai unha ampla presenza de persoas da diáspora, moitas veces desendentes de emigrantes galegos en América ou Europa que atopan nestes faladoiros unha forma de reconectar coas súas raíces familiares.
A asociación, formada por voluntarios e totalmente autoxestionada e autofinanciada, foise consolidando e comezou a organizar outro tipo de actividades, como conferencias sobre a relación entre o galego e a cidade (a cargo de Gonzalo Navaza ou Xosé-Henrique Costas), visitas culturais e, a campaña "Fálao, ti que podes", de valorización da lingua galega levada a cabo coa colaboración de galegofalantes de todas as partes do mundo. O impacto das actividades da asociación foi recoñecido o pasado ano polos premios 'Mil primaveras máis', que entrega a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización.
"Hai razóns para o optimismo, pero o optimismo ten que chegar a través da acción. Non vale de nada quedar na casa laiándose", di Irene Romero
Máis recentemente, unha das conferencias organizadas mesmo levou á publicación dun libro sobre A fala de Vigo, obra de Xosé-Henrique Costas. En A fala de Vigo.Trazos diferenciais da nosa variedade dialectal o autor salienta que “Vigo é moito máis que o centro urbano castelanizado, Vigo é tamén Rorís, A Falcoa, O Freixo, Moledo, Mide, Baruxáns, O Carballal, Redomeira ou Marcosende, o Vigo de sempre onde o galego é aínda a lingua habitual”.
Irene Romero destaca que "entre todos podemos remontar a difícil situación do galego". Por exemplo, destaca, "cada vez oímos máis familias falarlles as súas crianzas en galego aquí na cidade". "Tamén recibimos moitos estudantes doutras zonas do país que chegan falando galego e non perden o idioma", engade. "Hai razóns para o optimismo, pero o optimismo ten que chegar a través da acción. Non vale de nada quedar na casa laiándose", di. "A competencia nunha lingua adquírese falándoa", destaca Irene Romero, que engade que "unha lingua que se fala está viva".
Cursos de galego para as traballadoras de coidados
Afiliadas ao sindicato de traballadoras do fogar, maioritariamente estranxeiras que coidan persoas maiores, querían aprender galego para comunicarse mellor coas persoas que coidan
Unha das últimas iniciativas de Faladoiros Vigo son os cursos de galego que todos os martes ás 16 horas se realizan na sede de Amorada (Enrique Macías, 6), exclusivamente para as afiliadas ao Sindicato de Traballadoras do Fogar e os Coidados (Sintrahocu). Foi unha proposta realizada directamente por algunha das mulleres integradas neste sindicato, a maioría procedentes do estranxeiro, que querían atopar algún profesor ou profesora que lles dese algunhas nocións mínimas da lingua.
Moitas destas traballadoras domésticas encárganse do coidado de persoas maiores na cidade de Vigo e nas comarcas próximas. Moitos destes anciáns e anciás falan principalmente en galego, algúns de forma exclusiva. Estas coidadoras querían aprender algo de galego para, cando menos, entender mellor o que lles din e mellorar a comunicación.
"É xente que vén con moi boa vontade, que quere integrarse no lugar no que vive"
Elisabeth Matute dirixe o sindicato Sintrahocu en Vigo, unha organización en crecemento que en só tres anos dende a súa constitución na cidade, suma máis de 400 afiliadas que traballan na comarca, a maioría mulleres e a maioría procedentes do estranxeiro e que se ocupan do traballo do fogar e do coidado de persoas dependentes, case sempre en condicións laborais e económicas moi precarias.
"Outras compañeiras, que coidan persoas con Alzheimer, querían cantarlles cancións en galego, porque pensaban que iso lles podería gustar e alegralas”, di Elisabeth Matute
Explica que a proposta dos cursos de galego naceu das propias afiliadas, que querían comunicarse mellor coas persoas que coidan. "É xente que vén con moi boa vontade, que quere integrarse no lugar no que vive", destaca Elisabeth Matute, que destaca que "cando a xente maior sente que polo menos a entendes, que fas un esforzo, gañas moito en cercanía con elas". Conta, ademais, que “outras compañeiras, que coidan persoas con Alzheimer, querían cantarlles cancións en galego, porque pensaban que iso lles podería gustar e alegralas”.
Aos cursos asisten unhas 30 mulleres todos os martes, aínda que hai máis solicitudes para incorarse a unha iniciativa que conta con lista de espera
Aos cursos asisten unhas 30 mulleres todos os martes, aínda que hai máis solicitudes para incorarse a unha iniciativa que conta con lista de espera. Elisabeth Matute explica, ademais, que hai un gran número de afiliadas ao sindicato que traballan como internas en casas (moitas veces en localidades rurais nos arredores de Vigo) e que aínda que están moi interesadas en participar, non poden desprazarse aos cursos presenciais. Dende Sintrahocu demandan algunha fórmula para que alguén lles poida impartir os cursos.
"Nós non damos cursos de galego, ofrecemos conversa en galego. Dar cursos non pode ser a nosa responsabilidade, as administracións deberían contar con estruturas que permitisen aprender galego ás persoas que veñen de fóra"
Sobre os cursos, Irene Romero aclara que foi unha proposta de Sintrahocu, que lles pareceu positiva, e que contribuíron a que se fixese realidade, grazas ao traballo dun dos voluntarios da asociación, Gonzalo Vázquez, profesor de galego no IES Castelao, e ao apoio de Amorada, en cuxo local se levan a cabo os cursos. Porén, destaca, "nós non damos cursos de galego, senón que ofrecemos conversa en galego; dar cursos non pode ser a nosa responsabilidade, senón das administracións, que deberían contar cunha estrutura que permitise aprender galego ás persoas que veñen de fóra".