Cineuropa reivindica a memoria da loita da clase obreira galega

Imaxe de 'Paraíso roubado' Dominio Público Praza Pública

“Cagaron e mexaron por nós”. “Ninguén nos escoitou, nin queren escoitarnos a día de hoxe”. Así de clara se amosa unha das entrevistadas no documental ‘Paraíso roubado’, de Lukas Santiago. A súa representa, sen adobío ningún, a voz das mariscadoras que se enfrontaron co aparato represivo do réxime franquista para defender o seu medio de vida, a ría, fronte ao daquela aínda proxecto de Ence. En febreiro de 1959 foron medio milleiro. Mulleres bravas de Lourizán e Campelo que non se arredaron ante o exército que tentaba disolver as súas protestas. Moitas acabaron no hospital militar. Catorce delas no cárcere. Nun tempo no que, por reivindicar os teus dereitos, podías acabar sometida a un consello de guerra.

Mulleres bravas de Lourizán e Campelo que non se arredaron ante o exército que tentaba disolver as súas protestas

‘Paraíso roubado’, producido pola Asociación pola Defensa da Ría, recupera a memoria da loita veciñal contra a instalación da celulosa. Mais non só. Porque lembra a riqueza paisaxística e económica de Lourizán antes da chegada da pasteira. Contra a manipulación e os clixés, explicou o director na presentación deste filme en Cineuropa, que sosteñen que alí non había nada antes da chegada da factoría. Hai xa uns anos, Lukas Santiago entrevistou a seu avó, que gardaba o recordo da enorme praia de Lourizán ou da actividade marisqueira nela realizada. Falou despois con varios veciños e veciñas da parroquia. No 2016, tras a prórroga da concesión a Ence dada polo goberno en funcións de Mariano Rajoy, chegou a oportunidade de recuperar e completar aquel material.

‘Paraíso roubado’, producido pola Asociación pola Defensa da Ría, recupera a memoria da loita veciñal contra a instalación da celulosa

“A celulosa contamina a saúde, o medio ambiente e a opinión pública”, opinou Santiago en Cineuropa. A lóxica da depredación, explica unha voz en off -que corresponde a Manuel Rivas- impúxose para lograr a destrución dun paraíso natural. O lugar que, como explica o documental, o político Montero Ríos escollera para establecer a súa residencia galega. Que se converteu así -segundo sinala o historiador Ramón Villares no filme- nunha “meca de peregrinación” de personalidades que ían visitalo e pedirlle favores. Un espazo que se desenvolveu tamén como polo de atracción da clase adiñeirada arredor do hotel e da Casa de Baños de os Praceres. No que a ría daba de comer á maior parte das familias. Ademais de Ramón Villares, Daniel Lanero, Gonzalo Navaza, Eduardo Rico Boquete ou Xosé Enrique Acuña axudan, coas súas análises, a reconstruír a historia do Lourizán de antes de Ence, cuxo relato conducen algúns dos seus veciños e veciñas.

“A celulosa contamina a saúde, o medio ambiente e a opinión pública”, opinou Lukas Santiago en Cineuropa

As protestas contra a instalación da pasteira comezaron a mediados dos 50 polos cauces da legalidade franquista. Mais peticións e búsqueda de intermediación de institucións e persoas “respectables para o réxime” -segundo explica Daniel Lanero- coma as monxas dos Praceres, de nada serviron. No 1958 chegaron as primeiras manifestacións. Despois o boicot. Pola noite destruíanse as obras de instalación da celulosa que se fixeran polo día. A Garda Civil non conseguiu conter as protestas e o réxime enviou membros da Armada. Cargas moi violentas acabaron en ducias de feridas e detidas. Mais o proxecto seguiu adiante, e non se detivo malia que as propias autoridades galegas da época comezaron a documentar, tras o inicio da actividade da pasteira, problemas de saúde na poboación. A riqueza marisqueira da ría viuse prexudicada, malia continuar. Mais “aínda nos 70 e 80”, -sostivo Santiago-, “había mariscadoras que gañaban nunha semana o que un obreiro nun mes”, pasando de ser unhas 800 a primeiros dos anos 80 a unhas 125 na actualidade.

"A empresa realiza, ademais, investimentos en proxectos locais, de xeito que se crea división de opinións entre os veciñanza"

A empresa realiza, ademais, investimentos en proxectos locais, de xeito que se crea división de opinións entre os veciñanza sobre a conveniencia ou non de que se manteña a súa actividade. Diferencias que fan agromar, de cando en vez, o conflito. ‘Paraíso roubado’ non trata esta dimensión -o conflito interno- como si o fai outro dos filmes de Cineuropa centrados no mundo do traballo, ‘Entre a onda e a rocha’, de Manuel Lógar. Que retrata os
percebeiros, na súa loita. Que non é co mar -ou non só- senón coa necesidade de saír adiante nunhas circunstancias cada vez máis difíciles. Porque non é relato épico. Heroico. É retrato, coral, da realidade. Dos desencontros. Da desunión, algunhas veces. Da mentalidade do sálvase quen poida, demasiadas. Das disxuntivas creadas polas crise e, antes, polo afundimento do Prestige. Que facer cando o prezo do percebe baixa pola redución da demanda? O furtivismo “interno”. As axudas que ían para os grandes arrastreiros. O abandono progresivo do oficio.

Desde unha perspectiva distinta, outro dos filmes galegos de Cineuropa, ‘Matria’, de Álvaro Gago, retrata a vida doutro sector da clase obreira: as traballadoras das conserveiras. Mais, sobre todo, evidencia mitos. O “matriarcado” galego que consiste en non parar desde o amencer ata a tardiña para facer o dobre traballo das mulleres: ocuparse das tarefas domésticas e levar un salario para a casa. A protagonista de Matria, Ramona -interpretada por Francisca Iglesias- non ten un marido implicado coa familia nin unha xefa comprensiva, senón máis ben todo o contrario. Mais ela, forte e valente, tira, sempre, para adiante. Procura saídas. E refúxiase na relación coa súa filla e neta.

O “matriarcado” galego que consiste en non parar desde o amencer ata a tardiña para facer o dobre traballo das mulleres

“Era a miña responsabilidade facer esta película. Era o meu deber darlle voz ás mulleres silenciadas que soportan e calan. Mulleres, todas elas, sensibles, e que ante as dificultades do seu entorno vital, teñen a necesidade de protexerse. Son, polo tanto, dende un punto de vista cinematográfico, personaxes moi interesantes. Personaxes complexos, con moitos matices, incómodos na relación co entorno e de difícil acceso emocional”, explicou o director tras recoller o premio da Seminci de Valladolid.

Outra muller forte é a protagonista de ‘O Tempo futuro’, de Xoán Escudero, que tamén se proxectou en Cineuropa, e que gañou o premio do público no festival Primavera do Cine. Bárbara Iglesias é unha piloto de bobsleigh que loita polo seu soño de competir a nivel internacional. A súa casa, -ela é unha moza de Arcade-, está a 1.500 quilómetros da pista máis próxima para practicar este deporte. A súa oportunidade chega cando é seleccionada para participar nun campionato no Tirol. Escudero rexistra ese feito e o xeito no que ela se prepara para afrontalo. Con toda a ilusión e con moito traballo. “É un soño feito realidade”, asegura ela nunha entrevista na radio, que pode verse no documental. “Que pode seguir medrando”, mesmo ata chegar ás olimpíadas.

Dun soño que se converte en realidade fala tamén outra das películas galegas que puideron verse nos primeiros días de Cineuropa. O documental de Roi Cagiao ‘Vigo 1972’. Un exemplo de loita obreira que non é só un xeito de “resistencia dos débiles” -segundo a categoría que cita Daniel Lanero en ‘Paraíso roubado’, que tanto investigou a tamén historiadora Ana Cabana -, un desafío para o réxime que non trataba, porén, de acabar con el, senón de garantir a continuidade das economías familiares xeradas arredor dos recursos da ría. Na folga que lembra ‘Vigo 1972’ pelexábase polos dereitos laborais, mais tamén contra o réxime. Coa esperanza de que a mecha prendese no resto do Estado.

Naquel setembro de finais do franquismo, 30.000 traballadores e traballadoras pararon a súa actividade laboral durante 15 días

Naquel setembro de finais do franquismo, 30.000 traballadores e traballadoras pararon a súa actividade laboral durante 15 días. A folga paralizou a cidade e considérase, hoxe, un dos fitos máis relevantes da loita antifranquista a nivel estatal. “Se tivese acontecido en Madrid, diríase que foi o preludio da Transición”, comenta Camilo Nogueira no documental. Ademais del, son entrevistados neste filme algúns dos protagonistas dos feitos, coma Juan Bacariza e Francisco Lores, dirixentes sindicais de Citroën na época; Margarita Rodríguez e Pilar Pérez, dirixentes sindicais da empresa de cerámica Álvarez; a avogada laboralista Elvira Landín; Carlos Barros e Carlos Núñez (PCG); Waldino Varela e Juan Benavides, dirixentes sindicais do naval; ou Rafael Pillado, dirixente sindical ferrolán.

“Ningún despedido, ningún detido”, era o lema dos traballadores mobilizados na folga de Vigo do 1972

“Ningún despedido, ningún detido”, era o lema dos traballadores mobilizados. Mais houbo despidos -400 na fase final da folga- e centos de detidos. E torturas. O ambiente xa estaba caldeado polo asasinato, seis meses antes, o 10 de marzo, dos traballadores Amador e Daniel en Ferrol por parte da policía. Xa pararan os estaleiros de Vigo en solidariedade con eles. Mais a folga de setembro en Vigo comezou por Citroën. O documental percorre o nacemento e evolución deste paro que se prolongou durante dúas semanas. E faino a través de entrevistas, de dramatizacións dalgúns dos feitos acontecidos, e do uso de material de arquivo, aínda que a maioría das imaxes que mostra, segundo se especifica nos créditos, son de protestas posteriores.

“Nun tempo de hexemonía neoliberal, o documental pode ter mesmo un valor pedagóxico”, comentou Roi Cagiao na presentación do filme en Cineuropa. O contexto era o propicio. Vigo era unha cidade de 200.000 habitantes cun movemento obreiro forte. O actividade política -Galicia Socialista, Organización Obreira e, en maior medida, o PCG- e sindical -CC.OO.- clandestinas fixeron o resto. A reivindicación dos dereitos dos traballadores buscou cauces legais -a través do entrismo no sindicato vertical- e ilegais. No documental reprodúcense os discursos cos que o franquismo reaccionou ante a folga, que amosan nexos co actual discurso gobernamental -as protestas responden a intereses políticos, deben seguir só as vías legais, trátase dalgúns elementos radicalizados…-

“Nun tempo de hexemonía neoliberal, o documental pode ter mesmo un valor pedagóxico”, comentou Roi Cagiao

Mais, como di unha canción que pode escoitarse no documental, “os obreiros de Galicia son malos de dobregar”. A loita continuou despois das detencións e os despidos, converténdose Vigo nunha cidade sitiada pola Garda Civil, que vixiaba con metralletas. Os veciños pagaban produtos nas tendas e deixábanos alí para que os recollesen os folguistas. Os mariñeiros dábanlles peixe. E as mulleres, que eran menos, mais que as que eran ocupábanse da casa, do traballo e da vida política e sindical, tiñan que aturar o forte rexeitamento social, que moitas veces viña da propia esquerda, segundo lembran no documental Pilar Pérez e Margarita Rodríguez. Algúns detidos foron multados e outros acabaron en mans do Tribunal de Orden Público (TOP). Ao final, a folga tivo que parar, mais foi, segundo di unha das testemuñas entrevistadas, unha “conquista revolucionaria dos traballadores”. Unha mobilización tras a que viñeron máis. Que axudou a tombar un réxime que non acabou só por un pacto de elites.

Fotograma de 'Matria' Dominio Público Praza Pública
'Vigo 1972' inclúe varias fotos de mobilizacións obreiras posteriores Dominio Público Praza Pública
Fotograma de 'Entre a onda e a rocha' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.