Coetus: Petiscos de percusión antes da "experiencia musical e emocional" da fin de semana

Coetus, este martes no claustro do Museo do Pobo Galego CC-BY-SA Praza Pública

O claustro do Museo do Pobo Galego ecoaba na mañá deste martes percusión e diversidade. Partía das mans dos compoñentes de Coetus, a orquestra de percusión ibérica que, xunto a Eliseo Parra e os músicos arxentinos Luna Monti e Juan Quintero, se dispoñen a desenvolver unha residencia artística na Casa Gasamáns (Ames), toda unha experiencia "musical e emocional" da que veñen de deixar un petisco por Compostela.

Entre os muros de San Domingos de Bonaval o director de Coetus, Aleix Tobías, reiterou a súa aposta por Galicia para este evento. É aquí porque consideran o país "o mellor lugar" para estudar, compartir e gozar da música tradicional. "Aquí o folclore está máis vivo que en ningún outro lugar" e o público, afirma, ten "máis ganas" que en ningures non só de escoitar ou de "ir a un concerto", senón de "compartir" o que alí acontece.

De compartir, precisamente, é do que se trata durante os tres días desta residencia artística. Así, ademais dos concertos do venres 3 e o sábado 4 ás dez e media da noite, celebraranse merendas, encontros, ensaios abertos e improvisacións coa participación dos membros de Coetus, pero tamén con artistas convidados como Xosé Lois Romero.

Os obradoiros combinaranse con concertos, merendas, encontros e ensaios abertos

Estas sesións máis informais servirán para poñer en común o aprendido nos obradoiros que se desenvolverán ao longo dos tres días da residencia. Baixo eléctrico, con Guillem Aguilar, tercusión ibérica, co propio Aleix Tobías, tubos do mundo, con Xavi Lozano, arranxos vogais, con Juan Quintero e Luna Monti ou canto, con Ana Rossi, son algúns dos obradoiros concibidos, explica a produtora do evento, Noa López, para "tocar moitos paus" para que "cadaquén poida atopar o seu lugar".

As entradas para os concertos e os cursos de formación están xa á venda. Pódense adquirir na plataforma Codetickets, no teléfono 650605152 ou no restaurante compostelán O Dezaseis, na rúa de San Pedro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.