Volve Reperkusión e faino con novidades. Cambia de data, adiantando a súa celebración á semana que vén, do 17 ao 19 de maio; cambia de escenario, desprazándose nesta ocasión á Cidade dos Muchachos, en Ourense; e nun ano de recortes tamén nos festivais presenta unha programación de moi alto nivel.
Destaca, por suposto, o dobre concerto que ofrecerá Manu Chao o xoves e o sábado, actuacións en ambos os dous casos de tres horas, con repertorios distintos e moitos convidados sorpresa. Pero debullando o cartaz atópanse outras alfaias, concertos de artistas en moitos casos descoñecidos polo gran público pero dunha enorme calidade e unha contrastada eficacia nos seus demoledores directos. É o caso de Kiril Dzajkovski (Macedonia), Dubioza Kolektiv (Bosnia) e Bohemian Betyars (Hungría). Pero tamén de Funky Style Brass (Francia) e Russkaja (Austria), que xa participaron en anteriores edicións do Reperkusión, o primeiro concerto de El Canijo de Jerez desde que deixou Los Delinqüentes e antes da saída do seu disco de debut en solitario ou dunha notable selección de bandas galegas: Os 3 Trebóns, Festicultores Troupe, Terbutalina, Pé de Boi ou Chotokoeu.
Ademais, haberá djs, pasarrúas, percusións, danza oriental e o X Encontro de Circo e Malabares, un dos encontros deste tipo máis importantes da Península, con malabares, acrobacias, trapecio, comedores de espadas, clown, maxia ou break dance.
Durante as 72 horas que durará o festival, Bemposta será un lugar aberto a todos os públicos, nos que pasear, ver, escoitar e participar. Estrutúrase en tres escenarios: Carpa Central para os concertos de noite, Escenario de Día para os concertos diurnos e Domo para as actividades de circo e de gorra. Todas as actividades son de balde excepto os concertos de noite na Carpa Central, que teñen un prezo de 20 euros por día ou 45 polas tres xornadas (50 se se quere acampar).