Como conservar a memoria (audiovisual) doméstica?

Fotograma dun dos filmes domésticos © S8

(S8) Mostra de Cinema Periférico e o espazo NORMAL da UDC organizan na Coruña o segundo Encontro para a Creación dun Arquivo Común de Cinema Doméstico con participantes de Estremadura, Salamanca, Madrid e Galicia. A última sesión do encontro (estes venres a partir das 17.30 horas) consistirá nunha proxección aberta ao público dunha selección de arquivos recuperados polos colectivos e organizacións participantes, quen amais nesta sesión falarán sobre os seus respectivos proxectos.

O encontro, moderado por Ángel Rueda, director de (S8) Mostra de Cinema Periférico, porá en común o labor das institucións (públicas ou privadas), colectivos e individuos que na actualidade traballan na conservación deste material, fráxil e perecedoiro, arquivo crucial para comprendermos e pensarmos. Entre os participantes están o Proxecto Socheo (Galicia), a Filmoteca de Extremadura, co seu proxecto La Mirada de los Extremeños Archivo de Cine Familiar y Amateur, Memorias Celuloides (Murcia), Carlos Tmori
 (Home Movie Day – Salamanca) e Clara Sánchez-Dehesa Galán (conservadora e restauradora cinematográfica).

O cinema doméstico é unha das fontes máis importantes para a memoria audiovisual. Alén da industria cinematográfica e televisiva, o cinema amateur documenta as vidas privadas de miles de persoas anónimas, que amais de ofrecer un revelador testemuño de como se vivía noutros tempos, representa unha lectura da historia lonxe das canles oficiais e dos intereses económicos e políticos que moven os fíos da ficción e o documental industrial. Cintas que acumulan unha memoria e unha narrativa do pequeno e o particular. Ao longo das dúas últimas décadas, numerosos artistas e investigadores traballaron intensamente para recuperar este material coa fin de outorgarlle novas dimensións culturais ou de preservalo para as futuras xeracións. Moitos destes actores do panorama de cinema doméstico nacional reuníronse en 2013 no I Encontro para a creación dun arquivo común de cinema doméstico, celebrado en Murcia e organizado por Cendeac, Medusa Mediación e Retrovisor. Esta primeira cita serviu para poñer en contacto os colectivos e persoas interesadas para traballar en rede.

 

Proxecto Socheo

Socheo é un vocablo mariñeiro que significa a última fase da preamar. O Proxecto Socheo ten como obxectivo localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer o patrimonio audiovisual da Guarda coa colaboración de todas as persoas que garden imaxes de caracter histórico e con valor cultural. O proxecto, dirixido por Xurxo Chirro (autor de Vikingland), que encabeza un grupo de técnicos e especialistas no eido da historia e dos audiovisuais, terá tres fases: nun principio abrirase á xente para que esta colabore aportando material que pode ter por casa. En contrapartida, estas imaxes analóxicas se dixitalizarán e se editarán adecuadamente sen ningún custe para o particular.

O proxecto quere facer fincapé na necesidade de salvagardar este material "para o orgullo de todas as xeracións de guardeses" e ao mesmo tempo sinalar a "fraxilidade" da memoria, que pode ser salvada e difundida grazas ás novas ferramentas tecnolóxicas dispoñibles. Xurxo Chirro afirma que “vivimos nunha sociedade onde hai unha profusión desmesurada de imaxes e, para darlles maior utilidade, hai que atopalas, clasificalas, ordenalas e poñelas a disposición de posibles interesados. A idea e intentar rescatar o pasado, reestruturalo no presente e redimensionalo cara ao futuro”.

Fotograma dun dos filmes domésticos © S8
Fotograma dun dos filmes domésticos © S8
Fotograma dun dos filmes domésticos © S8
Fotograma dun dos filmes domésticos © S8

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.