Como valoras a situación do sistema institucional artístico? O Consello da Cultura abre o debate á cidadanía

A galería de arte contemporánea Trinta, en Santiago de Compostela, cun cartaz de SÓS CGAG no seu escaparate CC-BY-SA Praza.gal

A crise derivada da elección da nova directora do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) volverá reunir no Consello da Cultura Galega ao sector na segunda parte da xornada 'A xestión dos espazos expositivos en Galicia a debate'

O proceso de libre designación da directora do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), que espertou as críticas do sector o pasado maio, non se esqueceu no verán. Tras a primeira xuntanza do encontro sectorial promovido polo Consello da Cultura Galega (CCG), coa participación das asociacións que están a canalizar o malestar e as propostas das traballadoras das artes, xa están a preparar a segunda reunión, que terá lugar o 22 de setembro no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela para abordar os modelos de xestión e dirección dos museos e centros de arte contemporánea, a gobernanza das institucións culturais e nas políticas culturais públicas.

A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CCG comprometeuse a presentar un documento entre outubro e novembro cos resultados destas xuntanzas, baixo o título A xestión dos espazos expositivos en Galicia a debate, con olladas diversas sobre o sector e, para ampliar aínda máis o foco, agora pon ao dispor da cidadanía unha enquisa que servirá de base para ese informe que redactarán no derradeiro trimestre do ano. 

Camisolas do movemento SÓS CGAC na presentación do catálogo da mostra 'Facedoras de Lugo', de Mar Caldas, o pasado maio CC-BY-SA Nilo Héctor Arias Pérez

O propósito desta enquisa é favorecer unha reflexión colectiva que permita identificar necesidades comúns, detectar ámbitos de mellora e formular propostas que contribúan ao fortalecemento do sistema cultural galego. Así o explica o CCG, que ten no seu sitio web o formulario, de carácter anónimo e de aproximadamente dez minutos de duración, que se pode contestar ata o 27 de setembro.

As persoas que participen deberán identificarse con diferentes perfís profesionais ou posicións dentro do ecosistema cultural —desde a creación artística, o comisariado e a xestión cultural ata o persoal técnico e directivo de museos, o tecido asociativo ou a cidadanía—.

A garantía dos dereitos culturais, a descentralización territorial, o financiamento e a gobernanza participativa, a planificación estratéxica, a mellora das condicións laborais e a internacionalización da cultura galega están presentes no cuestionario

"Como valoras a situación actual do sistema institucional artístico galego?" é a pregunta que inicia o cuestionario, no que hai espazo para as reflexións persoais de cada quen, sempre opcionais, pero que darán conta do nivel de preocupación e mais das cuestións concretas que favoreceron a alarma a propósito da mudanza na directiva do CGAC. 

As políticas culturais públicas, e a súa evolución na última década, son parte fundamental da enquisa. O cuestionario pide tamén identificar as principais carencias destas políticas, entre elas a falta de planificación estratéxica, recursos, transparencia e rendición de contas, mecanismos de participación, interlocución estable co sector, equilibrio territorial ou sistemas de avaliación.

A garantía dos dereitos culturais da cidadanía, a descentralización territorial, o financiamento e a gobernanza participativa, a coordinación e planificación estratéxica, a mellora das condicións laborais e a internacionalización da cultura galega están presentes no cuestionario, que contén preguntas centradas na transparencia nos procesos de selección, especialmente nas direccións artísticas, como consecuencia do caso que motivou todo este movemento no sector. 

Concentración ante a sede do CGAC, en Compostela © Vegliota

Reconversión interna do CGAC

O CGAC non naceu como un elemento máis da rede museística pública do país, desde a súa inauguración no ano 1993 contou coa vocación de contribuír de maneira máis dinámica á creación cultural contemporánea. Non só para conservar e exhibir, senón para fomentar a creatividade mediante a produción e difusión de novas tendencias e propostas artísticas. Como debullou Carlos Amoedo, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, na xornada do CCG do pasado xullo, "unha das liñas que tensionan a súa evolución é xustamente a súa conversión nun museo clásico máis, que extirpe as peculiaridades institucionais coas que naceu".

O CGAC non naceu como un elemento máis da rede museística pública do país, desde a súa inauguración no ano 1993 contou coa vocación de contribuír de maneira máis dinámica á creación cultural contemporánea

Desde 2009, coas sucesivas maiorías absolutas, o Partido Popular foi desmantelando as características propias do CGAC, eliminando a posibilidade de nomear a súa dirección mediante un contrato laboral de alta dirección e situando ao director ou directora baixo a dependencia orgánica e funcional da Dirección Xeral de Políticas Culturais da Xunta.

Carlos Amoedo salienta que "se suprimiron os elementos clave da súa estrutura pluralista de gobernanza"; "aumentouse o grao de control político da súa programación"; e "a súa dirección pechouse para o persoal non funcionario"

Carlos Amoedo lembrou que un dos cambios levados a cabo polo PP foi desfacer o padroado do CGAC, que funcionaba como órgano colexiado de goberno, e substituílo por un Consello Asesor "como órgano colexiado de consulta e asesoramento da Consellería de Cultura e Turismo nos asuntos relacionados coas competencias do Centro Galego de Arte Contemporánea e de participación dos axentes socioeconómicos relacionados co desenvolvemento da arte contemporánea en Galicia". Ademáis, o Decreto dalle á consellería a capacidade de designación de tres dos seus seis vogais.

Desta maneira, resumiu Amoedo, "suprimíronse os elementos clave da súa estrutura pluralista de gobernanza (Padroado e dirección artística independente)"; "aumentouse o grao de control político da súa programación"; e "a súa dirección pechouse para o persoal non funcionario, mais abriuse a funcionarios non especializados que se nomean e cesan discrecionalmente". Por outra banda, a normativa propia do CGAC "non se somete á Lei de Museos do 2021, senón que aparece nunha normativa interna, a estrutura orgánica da Consellaría, doadamente modificable sen control democrático".

Intervención de Carlos Amoedo, na mesa xunto a Paula Cabaleiro, na primeira xornada 'A xestión dos espazos expositivos en Galicia' CC-BY-SA Tere Navarro/CCG

Un recurso contra o proceso de escolla da dirección

Once asociacións do sector artístico galego presentaron un recurso administrativo de reposición a finais de xullo poñendo de manifesto as "deficiencias" no proceso de elección de Eva López Tarrío como directora do CGAC no que se refire á "transparencia", "garantías", "respecto ás boas prácticas na xestión das institucións culturais públicas" e os "intereses profesionais da comunidade artística". O caso chegou a organismos internacionais e recuperou o diálogo entre os diferentes actores entre si, aínda que non co goberno da Xunta.

Os colectivos reclamantes son A Colectiva (Asociación Profesional de Artistas de Galicia), Vegliota, Contemporánea (Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia), a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cutural, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, a Asociación Galega de Deseño (DAG), a Asociación de Mujeres en las Artes Visuales (MAV), a Asociación de Directoras y Directores de Arte Contemporáneo de España (Adace), o Instituto de Arte Contemporáneo, o Consorcio de Galerías de Arte Contemporáneo e a Unión de Artistas de Arte Contemporáneo de España.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.