Do SÓS CGAC á unión do eido das artes: o sector reclama máis cogobernanza e transparencia

Concentración do movemento SÓS CGAC diante do museo o pasado maio © SÓS CGAC

Propoñen a creación dunha mesa sectorial permanente, impulsada desde o CCG, que funcione como canle estable de interlocución entre o sector das artes visuais, a Consellería de Cultura e o resto de administracións

Fomos ficando sós / o Mar o barco e mais nós. Deste poema de Manuel Antonio colleu prestado o movemento SÓS CGAC a súa denominación. Se cadra non só, pero o sector artístico do país transmite coas accións dos últimos meses que alcanzou o seu límite e xa non lle abonda o silencio. Esta unión imprevista –incluso internamente– chegou ao coñecerse que a praza da dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea –tras a saída de Santiago Olmo– se ía outorgar mediante un proceso de libre designación restrinxido ao funcionariado.

Concentracións, alegacións, pancartas, manifestos e símbolos de repulsa encheron as actividades culturais da capital do país (e doutras vilas e cidades) deixando sempre un mal sabor, pois desta vez no eido das artes están certos de que non chegan a tempo, a unión do sector parecía feble para reaccionar coa contundencia e velocidade precisas –as implicacións para quen se signifique semella que poden resultar fatais– e a inercia leva demasiados anos dominando o ambiente.

Debate sobre a xestión dos espazos expositivos no CCG con María Gil, Agustín Pérez, Clara R. Cordeiro, Iria Vázquez, Holga Méndez e Patricia Verdial © Tere Navarro / CCG

Neste contexto, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) tomou a iniciativa e convocou un encontro sectorial –tras varios artellados dende o asociacionismo– para analizar dende múltiples olladas a situación do sistema artístico institucional do país. A xornada A xestión dos espazos expositivos en Galicia, coordinada por Paula Cabaleiro, Anxela Caramés, Silvia García González, Luisa Pita e Patricia Verdial, tivo unha primeira sesión este martes e completarase cunha segunda, prevista para o vindeiro 22 de setembro; ambas servirán de base para un informe final que o CCG presentará no último trimestre do ano.

Consideran que "a política cultural actual vai encamiñada ao turismo", máis focalizada nos grandes eventos que nun plan "específico e centrado no propio territorio"

Os grupos de traballo deste primeiro encontro no Consello da Cultura concluíron que se necesita unha vía aberta e permanente para o diálogo entre o sector e a Xunta. Así, propoñen a creación dunha mesa sectorial, impulsada desde o propio CCG, que funcione como canle estable de interlocución entre o sector das artes visuais, a Consellería de Cultura, as administracións locais e provincias, e as distintas forzas políticas. Unha iniciativa sobre a que veñen traballando as distintas asociacións no grupo de traballo que conformaron a raíz desta situación.

Segundo manifestan as participantes, no debate abordouse abertamente que o modelo actual "non funciona" e que "a política cultural actual vai encamiñada ao turismo", máis focalizada nos grandes eventos que nun plan "específico e centrado no propio territorio". Neste sentido, concluíron que é conveniente analizar os modelos de gobernanza que están a aplicar noutras comunidades e mais nos museos estatais.

Mesa de traballo na xornada do CCG 'A xestión dos espazos expositivos' © Tere Navarro / CCG

Neste intercambio entre os distintos axentes que integran o ecosistema cultural galego coincidiron na necesidade de reforzar a transparencia dos criterios de avaliación en todos os procesos de selección e ampliar os espazos de participación, incluíndo tamén á cidadanía: "Temos que conseguir que o debate volva á rúa e que as e os artistas volvan ao espazo público". A cultura é un dereito e as institucións públicas deben garantir que toda a poboación teña acceso e poida ser parte activa da cultura en todas as súas formas. 

A situación actual do CGAC cualificouse como "a punta do iceberg dunhas políticas públicas que se fan á marxe do sector"

Participaron voces das tres universidades públicas, de colectivos como a asociación Vegliota, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, A Colectiva, a Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia, ADACE (Asociación de Directores e Directoras de Arte Contemporáneo de España) ou Mujeres en las Artes Visuales (MAV); así como representantes do sector galerístico, do IAC (Instituto de Arte Contemporáneo) e de institucións culturais como a Real Academia Galega de Belas Artes, que lle trasladou ao conselleiro de Cultura a necesidade de que o CGAC conte cun perfil de dirección de alta especialización e cunha planificación estratéxica acorde coa súa relevancia.

A situación actual do CGAC cualificouse como "a punta do iceberg dunhas políticas públicas que se fan á marxe do sector". No debate na sede do Consello da Cultura reclamouse que as direccións das institucións públicas non se elixan por libre designación, senón a través de convocatorias públicas, competitivas e en base a criterios de mérito e capacidade. Tamén se solicitou que se convoquen regularmente prazas ao corpo de museos, arquivos e bibliotecas; e criticouse a precariedade das traballadoras culturais en Galicia, que en moitos casos teñen que traballar como falsas autónomas, con contratos temporais precarios ou grazas a bolsas de formación.

Terraza do CGAC coa escultura triangular Pavilion, de Dan Graham CC-BY-SA CGAC

No CCG buscan que o informe final se converta na "interlocución necesaria no deseño, execución e seguimento das políticas públicas"

O catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña Carlos Amoedo explicou como as sucesivas reformas administrativas modificaron o modelo inicial de gobernanza, reducindo progresivamente o papel do padroado e a autonomía da dirección artística ata convertelo nun centro de arte "politicamente controlado". "A súa normativa propia non se somete á Lei de Museos do 2021, senón que aparece nunha normativa interna, a estrutura orgánica da Consellaría, doadamente modificable sen control democrático", apunta.

Dende o Consello da Cultura resaltan que o informe final que derive destes encontros pretende ser un "documento útil" que vaia máis alá dunhas recomendacións de boas prácticas para a selección dos postos directivos e das equipas de postos culturais, buscan que se converta na "interlocución necesaria no deseño, execución e seguimento das políticas públicas" no eido cultural. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.