Compostela asina dous convenios con asociacións para garantir que haxa música ao vivo en locais

Manuel Rodríguez, Branca Novoneyra e Laura Rey © Concello de Santiago

​Haberá concertos de música ao vivo nos locais de Santiago de Compostela. O Concello vén de asinar dous convenios de colaboración coas asociacións Cidade Vella e Tempo con Xeito para garantir a posiblidade de que se poidan celebrar actuacións musicais nos locais de hostalaría da cidade a partir da entrada en vigor -o vindeiro 2 de xullo- da nova Lei de Espectáculos Públicos de Galicia. A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, salientou que "os establecementos de hostalería son en Santiago espazos para a divulgación artística e constitúen unha plataforma cultural de grande importancia para a cidade", engadindo que "o apoio á actividade empresarial, nomeadamente turística, xera beneficios ao conxunto da cidade en termos económicos e de creación de emprego".

Novoneira explicou que a nova norma "non ten un carácter exhaustivo" e limítase "a establecer unha regulación xenérica dos aspectos substanciais, que posteriormente debe ser desenvolvida en normas concretas", polo que considerou fundamental o deseño e aprobación por parte da Xunta do Catálogo de espectáculos públicos e de actividades recreativas e de lecer, "para a que o Goberno local ten feito xa as súas achegas". O Concello de Santiago aposta porque as actividades musicais en vivo sexan obxecto de especial consideración para facilitar o seu desenvolvemento como manifestación cultural, e con independencia do tipo concreto de establecemento do que se trate. Novoneyra concluíu que "a única limitación para a celebración de actuacións de música ao vivo debera ser o respecto ás normativas en materia de seguridade e de protección contra a contaminación acústica".

O convenio recolle que as actividades culturais nas que se empreguen equipos de amplificación de son non se estenderán mais alá da 1.00 horas nos venres e sábados, nin das 24.00 horas os demais días da semana. No caso das actividades que non empreguen amplificación, terán o mesmo horario permitido que o local. Pola súa parte, as asociacións comprométense a evitar molestias á veciñanza, impulsando campañas de concienciación e evitando aglomeracións e ruídos na vía pública durante os eventos.

Pola asociación Cidade Vella, Manuel Rodríguez reiterou que "imos seguir defendendo o xeito que temos de traballar en Santiago dende hai décadas, para promocionar a artistas que comezan ou que non atopan grandes oportunidades para mostrar o seu talento". Nesa liña, reclamou que a lei autonómica "recolla a peculiaridade de cada cidade, porque Santiago como capital cultural ten características e problemáticas que non se dan noutros puntos de Galicia". Pola súa banda, Laura Rey, de Tempo con Xeito, asegurou que "os locais de hostalería do Ensanche non estamos recibindo ningunha denuncia nin queixas por problemas de convivencia. Nós mesmos somos veciños e veciñas da zona, e queremos durmir tranquilos". Para ela, estes convenios "axudan a que a nosa cidade sexa grande, porque a actividade cultural é un atractivo máis de Compostela".

 

Unha terraza en Santiago de Compostela © Concello de Santiago
Concerto de Caxade nun local compostelán © Casa das Crechas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.