Contaminación, relevo xeracional, eólica mariña: Mares da Fin do Mundo amosa en Outes retos comúns a todos os océanos

Cartel da mostra de cine documental Mares da Fin do Mundo ©

A IV mostra internacional de cinema documental trae a Galicia, entre outras, a triloxía ‘Océanos, a voz dos invisibles’, de Mathilde Jounot, que na súa última entrega relata a loita de pescadores franceses contra os aeroxeradores

Desde este venres 29 e ata o luns 1 de novembro Outes acolle a IV mostra internacional de cinema documental Mares da Fin do Mundo, cunha vintena de proxeccións e diversas actividades paralelas. O festival pretende amosar visións plurais do mundo do mar comúns a todos os océanos, tamén os que navegan galegos e galegas. A contaminación, o relevo xeracional ou ameazas como os parques eólicos mariños estarán presentes nos documentais que se amosarán. 

Dúas mostras fotográficas, unha saída en barco, unha actuación musical de The Sar Swing Quintet, unha mesa redonda sobre a pesca artesanal ou unha demostración gastronómica son algunas das actividades paralelas do evento.

Por primeira vez o festival contará cunha competición oficial na que participan 15 películas de todo o mundo que optarán ao premio do público. E as seccións Proa e Popa seleccionan respectivamente “filmes e cineastas na vangarda do cinema da realidade” e arquivos e filmes históricos. Na primeira delas o festival achégase á obra da francesa Mathilde Jounot, coa súa triloxía Océans, a voix des invisibles, que nas súas tres entregas analiza os intereses financeiros sobre o mundo da pesca, a organización de comunidades pesqueiras por todo o mundo para protexer os océanos e a loita de pescadores franceses contra proxectos de enerxía eólica mariña que ameazan os seus caladoiros.

Na sección Popa de recuperación de arquivos proxectarase Mor’vran (La mer des corbeaux), documental poético sobre os pescadores da illa de Sein, na Bretaña, de 1930 de Jean Epstein.

Na gala de clausura da mostra, pola súa banda, presentarase Fasquiando o futuro, un documental sobre a importancia da carpintaría de ribeira en Galicia. 

Cartel de Mares da Fin do Mundo © Mares da Fin do Mundo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.