David Reinero gaña o premio Xosé Aurelio Carracedo con 'Angrois: o AVE en anacos'

David Reinero © Óscar Corral

Primeiro libro e primeiro premio. O xurado do premio de xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, que convoca anualmente a Deputación de Ourense, decidiu este mércores que o galardón de 2014 sexa para David Reinero pola súa obra Angrois. O AVE en anacos, o volume que o pasado febreiro inaugurou a colección de Libros de Praza & Meubook, promovida por Praza Pública en colaboración co selo editorial. Para o xurado, o libro fíxose merecente de ser premiado pola "fonda e pormenorizada análise da traxedia ferroviaria de Angrois, abordada dende todos os aspectos, cunha visión ampla, crítica e obxectiva".

Mentres o accidente acontecido o pasado 24 de xullo en Compostela segue a ser obxecto de investigación xudicial e as súas consecuencias seguen a ser múltiples a valoración do xurado analiza que o traballo de Reinero parte do propio sinistro para "ir percorrendo as consecuencias e o futuro que se formula a partir do accidente". A obra é "elaborada, crítica, moi documentada e reflexiva", di a acta do premio, na que tamén se resalta a "calidade estilística e xornalística" do texto. O libro, explican, permite que o público "se informe e, á vez, tire as súas propias conclusións".

O xurado destaca que a obra é "elaborada, crítica, moi documentada e reflexiva" e resalta a súa "calidade estilística e xornalística"

Tras coñecer a concesión do premio, que lle será entregado nun acto público o vindeiro día 3 de maio en Ourense, o autor amosou, en conversa con este diario, un triplo agradecemento. "Ao xurado", pola concesión do galardón, "a Praza Pública, por apostar por este formato de información, en libro e en papel, no qu ese poden contar máis cousas e de xeito máis demorado que no día a día da información" e ao diario El País, "polo apoio nesoutro traballo diario sen o que o libro non sería posible".

Nas páxinas de Angrois. O AVE en anacos, Reinero explica que "hai unha clara responsabilidade técnico" no accidente do Alvia, que "era evitable de varias maneiras" e tras o cal "os grandes partidos pretenderon taparse entre si". Xunto a este volume tamén viu a luz baixo o selo dos Libros de Praza & Meubook a obra Dajla. Apuntes desde o Sáhara, de Héctor Juanatey, e nas vindeiras semanas incorporaranse novos títulos á colección.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.