O músico e doutor en Ciencias Pablo Carpintero demostra a fiabilidade do seu método matemático para datar as gaitas polo seu punteiro con máis de cen probas entre as que descobre gaitas en uso desde o século XV
Estando no Museo de Pontevedra, o biólogo e gaiteiro Pablo Carpintero decatouse de que dúas gaitas expostas, feitas polo mesmo artesán, conservaban os punteiros de maneiras moi diferentes. ″Unha estaba moito máis desgastada que a outra e, máis ou menos, eran coetáneas. Pensei na obviedade de que os dedos, ao tocar, desgastan o punteiro. O que me levou a preguntarme se sería posible datar a idade das gaitas polo desgaste dos seus punteiros, pois cantas máis persoas tocaran neles máis desgaste terán″, conta.
Comezou a debullar que variables habería e como se poderían controlar, como se desenvolvería un modelo para un experimento e, finalmente, botou traballando preto de seis anos tratando de descubrir as presións que fan os dedos da xente, como son os distintos repertorios... Ata que chegou a un modelo matemático. O profesor do Departamento de Matemática Aplicada II da Universidade de Vigo Iván Area propúxolle presentalo como unha tese para acadar o financiamento preciso para comprobar o modelo a través de datacións co método do carbono 14 de diferentes gaitas. E así entrou a formar parte do Programa de doutoramento en Protección do patrimonio cultural da UVigo, cun traballo dirixido tamén pola profesora do Departamento de Historia, Arte e Xeografía Susana Reboreda.
″Houbo que facer moitos experimentos para saber como podía funcionar o desgaste dos dedos. Desgastamos moitos tipos de madeira, de diferentes formas e fixemos buratos nos punteiros. A idea de base era moi sinxela, pero a realización foi máis complexa porque interveñen moitas variables como a dureza da madeira, o que aperta unha persoa concreta, a cantidade de persoas que tocaron un mesmo punteiro ou o tipo de dixitación que usaron os gaiteiros. Tamén escollemos un burato que tivera pouca variabilidade en canto a esas variables″, explica sobre o proceso, no que compartiu avances con Iván Area e mais co seu pai e a súa irmá, ambos matemáticos.
"Neste momento a gaita de Xan de Campañó é o instrumento medieval máis antigo que se conserva no mundo”, di
″Tiña a intuición de que se podía conseguir algo″, salienta Pablo Carpintero. Para este proxecto, mediu 144 punteiros antigos. Polo que unha vez que tivo o modelo preparado, aplicoullo. Coa sorpresa de que varios deles daban unha antigüidade que superaba todas as expectativas: ″Varios foron usados 500 anos ou 450 anos, e hai que ter en conta que a súa idade sempre é superior″.
″Collemos unha listaxe dos punteiros que nos daban máis anos de uso e con iso fomos polos museos e as casas nas que sabiamos que gardaban gaitas de interese para que nolos deixaran datar. Para iso temos que sacarlle un pedaciño de madeira ao punteiro cunha broca e mandalo ao laboratorio para averiguar en que ano morreu esa madeira. A maioría da xente nos dixo que si, fixemos as probas e corroboramos o modelo″, celebra.
"O que significa que estas gaitas estean en uso é que o sistema musical aquí en Galicia non cambiou –entre o pobo– desde a Idade Media ata o século XIX"
As gaitas, como ben prezado entre os gaiteiros, foron pasando duns a outros. E con esta investigación o músico, artesán e doutor en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela Pablo Carpintero logrou coñecer máis sobre os instrumentos de dúas figuras destacadas da gaita do país. ″Marilé Salgueiro Tilve, neta de Xan Tilve, gaiteiro de Campañó, que é agora a dona da súa gaita, deixóunola datar. Cando lle dixen que as probas indicaban que a gaita era do século XV non o podía crer″, destaca.
″É unha sorpresa grande. Neste momento é o instrumento medieval máis antigo que se conserva no mundo″,engade. Outra das gaitas que puido datar foi a que pertenceu ao gaiteiro de Mogor, en Marín, José María García, que é do século XVII. ″Un instrumento musical desaparece porque se perde ou porque entra en desuso porque o sistema musical cambia. O que significa que estas gaitas estean en uso é que o sistema musical aquí en Galicia non cambiou –entre o pobo– desde a Idade Media ata o século XIX. Estas gaitas estiveron en uso porque eran obxectos que tocaban ben e eran valoradas porque o mito do gaiteiro sempre é o gaiteiro e mais a súa gaita″, debulla o investigador.
″Tamén hai que pensar que as cousas non eran coma hoxe. Antes os gaiteiros eran as únicas persoas que podían facer unha festa. Eran a única alternativa. Eran profesionais do seu instrumento, e gañaban moito diñeiro con el, polo que as gaitas boas eran obxectos cobizados. Entón, pasaban de xeración en xeración. Isto non me sorprende, entrevistei a moitos gaiteiros deste país e a frase típica é ′a min de neno gustábame a gaita′. Non che din que lles gustaban os gaiteiros ou a música da gaita. É dicir, a gaita –dalgunha forma– prende a xente. Engánchaa″, sinala Carpintero.
"Agora hai moita xente que as volve tocar porque para tocar soas son mellores que as modernas"
Moitas destas gaitas quedaron apartadas no século XIX co cambio de sistema musical en Galicia. As chamadas gaitas modernas teñen unha escala diferente, por iso gaitas como as que Pablo Carpintero empregou na súa investigación non chegaron aos nosos días porque acabaron perdidas ou no lume. Salvo aquelas que foron conservadas polas familias. ″Falaban outra lingua, por dicilo dalgunha maneira. Moitas foron destruídas literalmente porque non valían para tocar a música que nese momento se puxo de moda, que era a música das bandas. Agora hai moita xente que as volve tocar porque despois de moito proselitismo e moitas charlas conseguimos que a xente entendera que para tocar soas son mellores que as modernas″, defende.