Dúas entidades culturais documentan 22 novos achados arqueolóxicos no sur de Ourense

A 'Asociación Cultural Monterrei, Cultura e Territorio' rexistrou en Patrimonio 22 novos xacementos e pezas arqueolóxicas © Andrés Diz Domínguez e Nieves Amado Rolán

As asociacións Monterrei, Cultura e Territorio e Alto Támega veñen de rexistrar na Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia unha lista de 22 novos e inéditos xacementos arqueolóxicos, localizados por integrantes destas dúas entidades no sur da provincia de Ourense nos últimos anos. Demandan a súa catalogación e inclusión no Inventario de Bens Patrimoniais de Galicia e nos distintos PXOM dos concellos nos que se atopan (Oímbra, Laza, Cualedro, Monterrei e Verín), para garantir a sua conservación e protección legal.

Entre os novos achados hai tres novos castros, nos concellos de Cualedro, Monterrei e Oímbra; tres novas estacións de arte rupestre nos concellos de Laza, Cualedro, Verín e Oímbra; unha mámoa, a primeira que se localiza en Oímbra; cinco novos lagares rupestres en Cualedro e Oímbra; dúas minas romanas no concello de Laza; un altar rupestre de funcionalidade descoñecida en Oímbra; un sartego altomedieval no concello de Laza, e unha nova ara romana (fragmentada) dedicada a Xúpiter Óptimo Máximo (I.O.M.) no concello de Oímbra.

Os achados foron localizados por membros das seccións de historia e patrimonio de ambas as dúas asociacións culturais, colocalizados e comprobada a súa natureza patrimonial por Nieves Amado, arqueóloga e presidenta das entidades, coa colaboración doutros membros como Héctor Salgado, Fernando Serrulla, Eduardo Castro, Andrés Diz ou X.R. Reigada.

 

As dúas entidades

A AC Monterrei, Cultura e Territorio é unha entidade sen ánimo de lucro co obxectivo principal de investigar, promover, divulgar, apoiar e defender calquera aspecto cultural, patrimonial, científico, artístico ou natural que afecte ou interese á comarca de Monterrei, ao seu desenvolvemento e promoción, e calquera outro que incida na mellora da calidade de vida dos seus habitantes. A AC Alto Támega é unha entidade sen ánimo de lucro creada en Laza para a dinamización cultural, con ámbito de actuación na comarca de Monterrei.

 

Sartego atopado en Laza © Andrés Diz Domínguez e Nieves Amado Rolán
Ara romana atopada en Oímbra © Andrés Diz Domínguez e Nieves Amado Rolán
Pezas atopadas en Oímbra © Andrés Diz Domínguez e Nieves Amado Rolán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.