Este é o ano de Manuel María (e das Irmandades da Fala), pero en menos de dous meses a Real Academia Galega escollerá o seu homenaxeado ou homenaxeada para 2017. As quinielas xa están botadas e nalgúns casos algunha das propostas e candidaturas contan con campañas iniciadas dende entidades sociais e culturais, reclamando un recoñecemento que faga xustiza á achega de distintos autores e autoras á cultura e lingua galegas. Nesas apostas hai algúns nomes habituais, destacando nomeadamente o de Ricardo Carvalho Calero. Outros candidatos de peso (como Carlos Casares), e tamén homes e mulleres que nos últimos anos xa foron propostos oficialmente e debatidos polo plenario da RAG (Celestino Fernández de la Vega, Xela Arias ou Fiz Vergara Vilariño) e, igualmente, autores en moitas ocasións non tan coñecidos no conxunto do país, pero cunha grande importancia e actividade nas súas comarcas de orixe. Quen é o teu ou a túa candidata?
- Ricardo Carvalho Calero. Un dos grandes favoritos, un ano máis. O ferrolán foi membro numerario da propia RAG, contribuíu á redacción do Estatuto de Autonomía do 1936, interveu na creación do Partido Galeguista, foi represaliado polas súas ideas republicanas, sufriu o cárcere e estivo longos anos apartado da función pública e foi o primeiro catedrático de Linguística e Literatura Galega da USC. Alén diso, conta cunha completa e moi recoñecida en todo o mundo obra literaria, tanto en poesía, coma en narrativa (por exemplo o seu brillante Scórpio), coma en teatro e por suposto en ensaio, sobre todo no campo da lingüística. Para completar a forza desta candidatura, Carvalho foi o gran pensador do reintegracionismo lingüistico, o que para algúns é a principal razón para non ter sido recoñecido até agora nas Letras. Dende Ferrolterra, unha Comisión Cidadá (integrada por Bernardo Maiz, Xosé María Dobarro e Manuel Pazo) demanda oficialmente -por quinta vez- a homenaxe para Carvalho Calero, que recibiu o apoio dos cinco grupos políticos con representación no pleno municipal de Ferrol e tamén dos nove concellos que conforman a mancomunidade comarcal.
- Carlos Casares. Finado en 2002, Casares é outro dos grandes favoritos, tanto pola súa produción literaria en case todos os xéneros, coma polo seu labor institucional (na RAG, Consello da Cultura...) e editorial (Galaxia). Hai uns meses o Concello de Xinzo de Limia aprobou por unanimidade unha moción de Xinzo Adiante que instaba a solicitarlle formalmente á RAG que Casares sexa o autor homenaxeado en 2017, coincidindo co 50º aniversario da publicación da súa primeira obra, Vento ferido (1967).
- Xela Arias. Non anda sobrada de mulleres homenaxeadas a celebración do Día das Letras. Xela Arias é unha das que máis soan dende hai anos, unha das máis reclamadas. Finada en 2003 con tan só 41 anos, a tradutora e o poeta conta cunha notable produción, dende Denuncia do equilibrio a Intempériome, pasando por Lili sen pistolas e Tigres coma cabalos, ademais de participar en numerosos volumes colectivos
- Celestino Fernández de la Vega. En 2014, cando o elixido foi Xosé Filgueira Valverde, Celestino Fernández de la Vega foi unha das propostas presentadas (xunto con Xela Arias, Carvalho Calero e Manuel María), chegando de feito á escolla final. É coñecido sobre todo polo seu tratado sobre o humor titulado O segredo do humor de 1963. Foi tamén un dos socios fundadores da Editorial Galaxia e colaborou en publicacións como El Progreso, La Noche, Grial ou Galicia Emigrante.
- Fiz Vergara Vilariño. Vergara Vilariño leva xa uns anos nas quinielas de aspirantes e, por exemplo, foi finalista en 2013, cando a Real Academia escolleu a Xosé María Díaz Castro. Nado en 1953 na parroquia de Santalla do concello lugués de Samos e finado no mesmo lugar con tan só 44 anos en 1997, formou parte do colectivo Cravo Fondo e publicou oito poemarios, relacionándose literariamente con Xavier Rodríguez Barrio, Xulio López Valcárcel, Xesús Manuel Valcárcel ou Claudio Rodríguez Fer.
- Xosé Agrelo Hermo. Nacido en Noia en 1937 e finado en Compostela en 2006. Mestre de profesión, o seu afán de dinamización cultural e a súa vocación teatral levárono ao teatro escolar e afeccionado. Fundou e dirixiu cinco grupos teatrais en Noia e Muros. Foi redactor xefe da revista Barbanza (1988-90) e director de publicacións da Editorial Toxosoutos e, ademais, concelleiro en Muros polo BNG de 1979 a 1987. Foi o gañador do 1º Premio do Concurso nacional de contos infantís O Facho no 1971, por O espantallo. Publicou tamén tres obras de teatro e catro ensaios. Hai dous anos lanzouse en Noia, Muros e Outes unha iniciativa para reivindicar que Agrelo Hermo fose homenaxeado en 2017, no 80 aniversario do seu nacemento.
- Antonio Fernández e Morales. Varios colectivos culturais e alcaldes da comarca do Bierzo lanzaron hai uns meses a candidatura deste autor para 2017, coincidindo co segundo centenario do seu nacemento (1817). Non é a primeira vez que se reivindica esta homenaxe. Hai uns anos a Asociación Berciana da Lingua Xarmenta salientaba que Fernandez e Morales "publicou en lingua galega a súa obra Ensayos poéticos en dialecto berciano en 1861, dous anos antes de que Rosalía publicase Cantares Gallegos, adiantando así rexurdimento da nosa lingua".
- Avelino Díaz. Coñecido como "o Poeta de Meira" e nacido en 1897, con tres anos emigrou a Arxentina, establecéndose finalmente no país austral, tras pasar por Cuba e regresar temporalmente a Galicia. Colaborou en publicacións como Céltiga, Galicia Emigrante ou A Nosa Terra e dirixiu os xornais Galicia, Lugo e Opinión Gallega. É autor de dous poemarios en galego. Varias institucións e asociacións locais, tanto de Meira como de Riotorto, reivindican o seu recoñecemento en 2017, coincidindo co 120 aniversario do seu nacemento.
- Xosé Manuel López Ardeiro. Nacido en Negreira en 1944 e finado en Ferrol en 2007, foi membro fundador da Sociedade Cultural Afonso Eanes e da ONG Alén Mar, tendo participado en diversas actividades sociais e culturais, coma o Ateneo Ferrolán. É autor de sete poemarios, ademais de participar en numerosas obras colectivas. Recibiu en 1988 o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, e tamén se fixo co Premio de poesía Cidade de Ourense e o Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Vigo. En marzo o pleno do Concello de Negreira aprobou unha moción para pedir que o Día das Letras 2017 se dedicase ao poeta.
- Florencio Delgado Gurriarán. Tamén hai unha campaña para que a homenaxe de 2017 sexa para o valdeorrés Delgado Gurriarán. Avogado, militante do Partido Galeguista (do que se converteu en Secretario de Propaganda en 1938), en 1936 fuxiu da represión franquista a través de Portugal e Francia, exiliándose finalmente en México. Foi un dos fundadores da revista Vieiros e publicou catro poemarios.
- Outros e outras. A lista podería e pode continuar. Non se pode esquecer, por exemplo a Luisa Villalta (1957-2004), cunha intensa produción en todos os xéneros, dende o teatro á poesía. Ou (por que non?) a Andrés Dobarro, como demandaba hai uns meses no seu blog Francisco Castro, no 70 aniversario do seu nacemento: "creo que a Academia ten que ter a valentía de dedicarlle o Día das Letras Galegas a alguén que non foi un literato, que non foi un ensaísta ou un polígrafo, pero que fixo máis polo galego, pola súa dignificación, pola súa vida, que o que faremos a meirande parte dos que no galego estamos a diario". Seguindo este mesmo razoamento, en varias ocasións dende o sector do audiovisual fíxose un chamamento a que se recoñecese a Chano Piñeiro no Día das Letras.