Efímero Xacobeo Experience é un evento multidisciplinar que une, en vivo, ilustración, interpretación e divulgación científica
Efímero Xacobeo Experience é un evento multidisciplinar que une, en vivo, ilustración, interpretación e divulgación científica. O proxecto, que emprega as migracións e o propio Camiño de Santiago como fío condutor, chega este sábado a Compostela, centrando a súa ollada no traxecto entre Santiago a Fisterra-Muxía.
Trátase, como o seu nome indica, dun evento efémero, que mistura distintas actividades unidas pola migración e o cambio a través dos camiños. Unha experiencia de máis de dúas horas tecida por artistas multidisciplinares, mulleres, migrantes e galegas. Efímero Xacobeo Experience desenvólvese este sábado a partir das 11.30 horas na aula do Mercado de Abastos de Compostela, con acceso de balde.
A experiencia de Efímero Xacobeo Experience arrinca coa creación dunha ilustración a cargo de Nina Sefzick
A experiencia de Efímero Xacobeo Experience arrinca coa creación dunha ilustración a cargo de Nina Sefzick, na que as persoas que o desexen poderán participar guiadas pola man da artista. Deseñadora eslovaca residente en Galicia, Sefzick é colaboradora habitual de axencias de publicidade así como creadora de identidades visuais. Realizou distintas exposicións e proxectos que contribuíron directamente a protexer o medio ambiente e preservar as comunidades locais de Galicia. Entre outros, traballou con Adobe, a Fundación Ronsel, a Xunta de Galicia ou o Porto de Celeiro.
Os e as asistentes a esta experiencia sobre o Camiño gozarán tamén do monólogo de Sara Guerrero sobre o proceso de migración
Por outro lado, os e as asistentes a esta experiencia sobre o Camiño gozarán tamén do monólogo de Sara Guerrero sobre o proceso de migración. Trátase dunha performance na que público e autora comparten un espazo universal que vai máis alá das fronteiras. Xornalista, intérprete e creadora escénica, Guerrero ten unha ampla traxectoria nas artes que comeza no seu México natal e discorre por distintos escenarios tanto de Cataluña como de Galicia.
Colaboradora habitual de Píkara Magazine e de Novas de Galiza, tamén é membro do consello editorial de O Salto Galiza, onde conta cunha sección de crítica e difusión da cultura galega ademáis dun blogue, Rehabilitar o rural, no que reivindica a dignificación destes espazos. Trala pandemia impulsou o proxecto Obradoiros Furafollas, que fomenta o acceso universal á cultura a través actividades que van dende o teatro comunitario á literatura.
Poderán "mergullarse sen se mollar" grazas a 13 grados, cooperativa formada por Sara Carrasco e Silvia Iglesias, divulgadoras galegas para a conservación mariña
Finalmente, os e as asistentes a Efímero Xacobeo Experience tamén poderán mergullarse sen se mollar. Será grazas a 13 grados, cooperativa formada por Sara Carrasco e Silvia Iglesias, divulgadoras galegas para a conservación mariña. Grazas ao emprego de lentes de realidade virtual, estas dúas profesionais non só axudarán a reflexionar sobre a economía azul, senón que compartirán a súa visión sobre como afecta o cambio climático aos ecosistemas mariños.