Bruxas e Dragóns: Baba Iagá é o primeiro libroxogo en galego, escrito por Ledicia Costas e Luismi Pérez, editado por Triqueta e ilustrado por Bea Gregores
Lembras aqueles libros de Elixe a túa propia aventura? Relatos nas que tomabas o control da historia, escollendo en cada capítulo que camiño tomar ou que accións realizar, decisións que te levaban a unha ou outra páxina, cun desenlace distinto en función das túas escollas e, moitas veces, do resultado acadado ao tirar uns dados.
Bruxas e Dragóns: Baba Iagá é o primeiro libroxogo en galego, escrito por Ledicia Costas e Luismi Pérez, editado por Triqueta e ilustrado por Bea Gregores. Unha obra que chegou ás librarías o pasado 6 de novembro e que está acadar un enorme éxito, esgotando rapidamente a súa primeira edición. Agora o libro e o seu autor e autora inician un novo percorrido por diferentes cidades e vilas galegas, nunha serie de encontros abertos ao público que permitirán coñecer de primeira man este proxecto literario e interactivo.
Despois de esgotar rapidamente a súa primeira edición, o libro e o seu autor e autora inician un novo percorrido por diferentes cidades e vilas galegas, nunha serie de encontros abertos ao público
A xira comezará o xoves 18 na Coruña, con unha presentación en O Galgo Azul ás 18 horas, na que participarán Ledicia Costas e Luismi Pérez. O camiño continuará o venres 19 en Bueu, cun encontro na Libraría Miranda, que terá lugar ás 17 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar. Xa na fin de semana, o sábado 20 ás 12:30 horas, a Libraría Seijas levará o libro ao Centro Social do Gorgullón, en Pontevedra, nunha sesión especial na que, ademais dos autores, participará tamén a ilustradora Bea Gregores e se fará unha demostración de xogo en directo. A xira pechará este ciclo de presentacións o sábado 27 en Vigo, cun encontro en Vigo de Papel a partir das 17 horas.
Bruxas e Dragóns combina lectura, toma de decisións e mecánicas propias do xogo. Cada lector ou lectora pode escoller entre o Camiño da Espada ou o Camiño da Maxia e avanzar pola historia en función das súas eleccións, que modifican o rumbo da aventura e conducen a un total de 52 finais distintos
Bruxas e Dragóns combina lectura, toma de decisións e mecánicas propias do xogo. Cada lector ou lectora pode escoller entre o Camiño da Espada ou o Camiño da Maxia e avanzar pola historia en función das súas eleccións, que modifican o rumbo da aventura e conducen a un total de 52 finais distintos. Así, cada lectura convértese nunha experiencia nova que invita tanto a nenas e nenos coma a persoas adultas a descubrir a lectura dun xeito participativo e lúdico.
Baba Iagá é o inicio dunha triloxía na que Costas e Pérez xa están a traballar. Está dispoñible en galego e castelán. Neste vídeo publicado en Instagram, Ledicia Costas explica o desenvolvemento do libroxogo.
Baba Iagá é o inicio dunha triloxía na que Costas e Pérez xa están a traballar
Ledicia Costas é unha das autoras máis recoñecidas e premiadas da literatura galega contemporánea, con galardóns como o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, o Premio Lazarillo ou o Barco de Vapor. Luismi Pérez é guionista e traballou en programas como El Intermedio e en series como Nasdrovia, Malaka, Dos años y un día ou Capítulo 0. Bea Gregores é unha ilustradora editorial viguesa que gañou diversos premios no mundo da ilustración e do cómic, ademais de participar e comisariar varias exposicións.
Presentacións e sinaturas
- Xoves 18 ás 18:00 - O Galgo Azul (A Coruña)
- Venres 19 ás 17:00 h - Sala Multiusos do Centro Social do Mar (Bueu)
- Sábado 20 ás 12:00 h - Centro Social do Gorgullón (Pontevedra)
- Sábado 27 ás 17:00 h - Vigo de Papel (Vigo)